luns. 23.02.2026
El tiempo

Therians: ruído ou radiografía?

Therians: ruído ou radiografía?

Nos últimos días, a atención mediática galega bateu co fenómeno dos chamados therian: quedadas nas cidades, cartaces en redes, anécdotas de parques baleiros e entrevistas a veciñas sorprendidas. Televisión e prensa recolleron a escena con morbo, con datos vagos de quen convocou ou de onde veñen esas chamadas, porque o interesante non era afondar no movemento en si, senón na reacción masiva que xerou.

Mais, se apartamos a mofa, a gargallada ou o espanto, aparece unha pregunta máis profunda: por que unhas poucas publicacións nas redes dun movemento minoritario e non consolidado se converten en tema central nas nosas páxinas e nos nosos feeds?

Cando unha sociedade entra nunha fase de incerteza estrutural —ante crisis múltiples como a precariedade, a perda de servizos básicos, o colapso ecolóxico e a desigualdade crecente— o colectivo tende a buscar algo manexable onde descargar ansiedade. Cando o problema social é grande, complexo, abstracto e sen solución rápida, os medios fan eco dunha mente colectiva que busca algo anecdótico, visible e simbólico, para esaxerar a súa importancia e convertelo no “problema do momento”. Prodúcese así o efecto de desprazamento: desviar a atención do estrutural ao anecdótico porque o segundo é procesable e “comprensible”.

É moito máis soportable indignarse por adolescentes identificados con especies animais que mirar de fronte realidades que nos sobrepasan. A vivenda convertida en activo financeiro, a infancia hiperestimulada, a perda de servizos básicos, a normalización da guerra… eses temas non teñen respostas rápidas nin imaxes simples, polo que un “fenómeno xuvenil” serve de pantalla diante do abismo.

Así xorden micro-pánicos culturais, a sensación de perda de control ou deriva social que os medios amplifican e aí proxectamos todos os nosos medos. Durante uns días ou semanas, iso convértese no que “todo o mundo está a falar”. Non porque sexa central, senón porque é procesable.

Hai outra dinámica aínda máis profunda ao traballar con contidos dixitais: o propio algoritmo que rixe grande parte da nosa exposición informativa. Ese algoritmo detecta e amplifica emoción intensa porque foi deseñado para maximizar tempo de permanencia: indignación, medo, burla, choque identitario sosteñen mellor o modelo de negocio que o pensamento lento, a complexidade ou a ambigüidade. Quen programa esas máquinas non se pregunta “que sociedade queremos”; pregunta canto tempo pode reternos, que emoción xera máis interacción, que nos fai volver a clicar. Non hai indicadores de ética social, senón de rendemento.

Mentres a atención sexa mercadoría, o algoritmo visibilizará aquilo que activa reacción inmediata e non aquilo que require tempo de lectura, contraste, profundización. O paradigma da complexidade é incompatible coa economía da atención porque non é viral, non é inmediato, non produce respostas simples nin causas únicas; require tempo interno, lecturas longas e paciencia.

Primeiro foi a terra, despois a auga, logo a enerxía, os corpos, o tempo e agora a atención. Cando todo é mercantilizable e monetarizable, mesmo os soños acaban reproducindo os moldes do que se pode comprar e vender. Xa non soñamos con comunidade, senón con posicións dentro dun mercado.

Os therian, máis alá da caricatura ou do pánico moral, son un síntoma: reflicten que os mozos e mozas tentan crear significado noutros rexistros simbólicos cando o mundo adulto se volveu demasiado abstracto, demasiado hostil e demasiado mercantilizado. Pero se non miramos por que aparecen estes fenómenos e lle damos todo o espazo á hiperreacción emocional, corremos o risco de confundir a forma co substancial.

 

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco

Comentarios