Venres. 29.03.2024
El tiempo
Lola Rontano
10:34
18/05/20

En modo “natureza”: Carta aberta á veciñanza da Costa

Vate Properti na praia de Soesto
En modo “natureza”: Carta aberta á veciñanza da Costa

- Vou escribir un bando que comeza: “Condón no chan, labazada ao lerchán!”,  “Máscara abandonada, a tuse castigada”, “Quen pillaras amole, de volta para o cole...” –sentencia Lady Chorima dando palmadas na mesa-. Colgarei mensaxes así en cada acceso á praia, pero aínda non sei como facer co campo. Axúdasme?

- Se queremos que cambie o conto, teremos que ser pedagóxicas. 

- Pedagóxicas! –repite Lady Chorima-. Érache boa! Estou farta das porcalladas do xénero humano! Veño moi quente do paseo! A xente deixa clínex por onde pasa! E agora pasean como condenados! 

- Si, xa me decatei… Pero non podemos escribir ás arroutadas. Podes publicar algo en QPC. Pero de todas formas, a xente fará o que lle pete!

Lady Chorima funga, colle papel e boli, e comeza redactar:
Na primeira fin de semana da fase 1, temos a ledicia de poder saír, malia as restricións do momento, a gozar deste paraíso habitado... E de actuar con sentidiño. A ameaza dun rebrote da pandemia segue a latexar no aire. As familias, os animais, a xente toda poñemos por fin os pés fóra da casa, e somos libres de correr a praia, a costa inmensa no confín dos verdes castros…

- Este remexido de Pondal non me convence... –di Lady Chorima pousando o boli-. Desde logo, os repugnantes van facer o que lles pete… Pensándoo ben, quédalles ben pouco para as trapalladas, non sabes? O “pin estatal” non vai tardar! E dígocho con medo. Coñeces esa aplicación que usan en China para premiar ou castigar á poboación, esas que te obrigan si ou si a actuar como veciña exemplar? Acabarémola instalando aquí tamén. Da mesma forma que nos obrigarán a empregar a aplicación para controlar brotes de infectados, e de paso saber con quen andamos. O móbil éche un arma cargada de represión!

- Eu soltaría drons para vixiar quen deixa o lixo ciscado por aí...

- Iso xa se fai! Eu vinos durante o confinamento! Case que é peor que as denuncias entre veciños.

- Imaxinas un dron armado con coitelas de rebandar pescozos polo monte? “Off with the head!”, e acabamos cos lumes no verán! 

- Xa estamos en modo fascista –ri Lady Chorima-, xa ves que doado é! Venceremos pero non convenceremos!

- A verdade é que eu non sei como abordar ese bando –confeso.

- Daquela que facemos? 

- Fai o que queiras. Apelo a túa responsabilidade individual.

Ela retoma o boli e conclúe así:

Veciñanza, herdanza de Breogán, 
Temos a responsabilidade de coidar os bosques e a costa 
Como se fosen (porque o son) o noso fogar. 
Non aboan sendeiros nin areais cacas de can, 
As cabichas non xerminan ningures, 
Paquetes de tabaco, botes e botellas pódense reciclar. 
Lembramos que os clínex non florecen
Nos campos de abrótegas,
Nin as luvas, nin as máscaras,
Nin plásticos en xeral. 
Gozade do acanto, gozade de novo
Da tan prezada liberdade, 
Da nosa capacidade de libre arbitrio, 
Mentres dure e durante todo o tempo 
Que sexamos capaces de exercela, 
Para que sen nos obrigaren, 
Sexamos quen de decidir
O noso ben común.

 

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios