Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Eu berro forte que a CASA DE GALICIA de Montevideo non se pecha!

Eu berro forte que a CASA DE GALICIA de Montevideo non se pecha!

Estou a recibir información desde Montevideo sobre os acontecementos na CASA DE GALICIA que me entristece e doe moitísimo. Sempre pensei que os descendentes da emigración na República Oriental do Uruguai eran agradecidos e que sentían orgullo de ser os lexítimos herdeiros do suor dos seus esforzados devanceiros. Por desgracia, uns poucos indecentes directivos da Casa de Galicia emporcan a milleiros de dignos descendentes que están abraiados diante dunha escura manobra que os deixará sen herdanza xa que os socios da Casa de Galicia son tamén os seus donos.

Quero comentar que a miña cuñada, Rosalía Álvarez Rois, foi a nena que inaugurou a Maternidade e que sendo a primeira, desde a directiva, propuxerónlle aos meus sogros que levase o nome de Rosalía. O primeiro neno levou o nome de Santiago. Estou a pensar que os noutrora directivos eran defensores da nosa identidade e que empurraban para o crecemento e fortalecemento dos servizos de atención médico-hospitalaria. Hai que suliñar que tamén houbo a preocupación por onde descansar cando remata a nosa vida. Así foi que se construiu no cemiterio do Norte, o Panteón Social. Nunha urna deste panteón están os restos do meu tío e padriño, Manuel Suárez Lema.

Os meus informantes coinciden en falar de que houbo administración desleal (fraude) durante todo o período en que estivo no posto de mando o presidente Iglesias. Desde o primeiro día, a intención non foi de mantemento da mutualista senón de afundimento intencionado. Os directivos facían fincapé nas débedas que dicían eran moi elevadas e impagables. Ademais de insistir na culpabilización das directivas anteriores. Vou facer unha multiplicación para que se entenda que a Casa de Galicia nunca estivo afundida e que ten viabilidade. Fagamos unha estimación de que a cota social mensual sexa de 2.500 pesos (hai
cotas maiores e tamén menores, FONASA) e a paguen uns 40.000 socios. Pois temos de ingreso a cantidade de 100 millóns de pesos (uns dous millóns de euros) que son moitos cartos en calquera lugar do mundo.

Entón que pasou? O certo é que o presidente Iglesias e o ministro de Saúde Pública, acordaron en reunións privadas o peche da Casa de Galicia. Haberá que investigar se todos os directivos estaban informados e tamén se houbo algún que fixo constar en acta a súa posición contraria. Non podo crer que haxa tanto inmoral unido, para desde dentro, desfacer o que debían de manter e protexer. O asunto é grave porque semella que está aberta a vía penal para que se poida clarexar quen actuou indebidamente e reciba o castigo que establece a lei. O que non pode ser é calar a boca. Estamos a ser estafados por aqueles que foron elixidos para defender os intereses da institución. Fago chegar o meu maior apoio aos empregados e socios que loitan para salvar a Casa de Galicia das poutas de sinvergonzas que buscan facer negocio coimero privado cun patrimonio social.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios