Venres. 29.03.2024
El tiempo

Montevideo in Love

Montevideo in Love

Manuel Suarez Suarez antes de emigrar a Montevideo
Manuel Suárez pouco antes de emigrar

Hai uns anos e nestes mesmos días do mes de novembro ía nun barco chamado “Cabo de Hornos” camiño de Montevideo. Alí agardaba o meu pai que era o fillo más pequeno dunha familia da aldea de Tines (Vimianzo) na que só había unha filla emigrada, Hermosinda, en Bos Aires. Sempre lle preguntaban a meu pai cal foi a razón de non ir para a capital da República Arxentina. A resposta era sempre a mesma e dicía que nunca quixo deixar a aldea xa que tiña casa propia e que o de Montevideo foi motivado pola insistencia do seu amigo Ramón de Castromil co que tivera en sociedade un obradoiro no que os dous ferreiros mallaban no metal para facer boas ferramentas e aparellos agrícolas. 

Hai uns anos pero aquela luz montevideana que me recibiu no peirao o 27 de novembro de 1958 non esvaeceu nadiña. Sei que pasaron 63 anos pero sigo a recibir e sentir as mesmas emocións xa que estou fondamente agradecido aos habitantes da República Oriental do Uruguai que me acompañaron polo rego artiguista nun país que protexía a quen alí ancoraba o seu corazón con intención de permanencia. Eu quería ir aínda que na aldea era feliz cos aloumiños da miña avoa que nunca esquecía mercar o  chocolate na chamada Feira de Baio que tiña lugar na Piroga que era territorio de Vimianzo. 

O certo é que en Montevideo quedei abraiado. Sentín que meu pai era un gran campión por vir ata este sitio onde o sol alumea durante meses sen ningunha nube no ceo. Recordo aqueles meus primeiros meses coma se fose o protagonista dun conto, no que dun día para outro, un neno de 5 anos que asulagaba os zocos [con tres brochas na punteira] nas lameiras das corredoiras vai agora lixeiro por unhas longas beirarrúas de grandes baldosas cadradas con pequenos cadradiños dentro. Aquel calzado coa tea en branco e azul e con cordóns e coa sola de goma permitía ir correndo ata a esquina e virar sen ter que diminuír a carreira. Aqueles “championes” que estrenei en decembro de 1958 nunca deixaron de agarimar os meus percorridos polos barrios montevideanos.

Xa escribín sobre o 27 (a chegada) e o 30 (o doce de leite) pero case nada sobre o 8 de decembro que alí é o “Día das Praias”. Foi cando gocei doutra saborosa sorpresa de aquel lugar no que os nenos xogan durante horas na area e brincan coas suaves ondas do Río da Prata. Sendo un día festivo o meu pai tiña libre e decidiu que fosemos ata o Buceo que era a praia menos afastada do noso domicilio. Nunca vira tal cantidade de sombrillas nun areal que tiña forma de fouce e con rochedos que a separaban de Malvín (leste) e do  edificio do Museo Oceanográfico (oeste). Axiña atopei un amigo para enredar. Fixemos varios pozos de distintas profundidades e a certa distancia do mar para que se enchesen coas sucesivas ondas mediante unha canle que chegaba ata onde a area comezaba a  humidezerse.

Arredor das seis da tarde a miña nai chámame para que veña merendar e sentado debaixo da sombrilla doume un “refuerzo” (así lle chamaban aos bocadillos) feito con pan porteño. O certo é que sentín unha grande alegría porque o sabor do friame do recheo (disque era mortadela) fíxome namorar un pouquiño máis de aquela terra onde os nenos poden escoller entre doce de leite ou mortadela ou mellor aínda, ir alternando xa que non é doado deixar un por outro. Probei outras mortadelas, incluída algunha de Bolonia que disque é onde naceu pero a montevideana de “Cativelli” ou de “Otonello” (a miña nai non lembra de cal comprara) está por enriba de calquera. Poida que sexa moi subxectivo pero quizais a mestura do embutido leva unha pouquiña carne de vacún que mellora notablemente o produto orixinal. Non sei pero cada día que pasa son máis seareiro dun acolledor país no que nunca paguei un peso por cursar os meus estudos primarios, secundarios e universitarios.

Agora quero berrar forte: VIVA A REPÚBLICA ORIENTAL DO URUGUAI! VIVA A PATRIA DE ARTIGAS! 

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios