Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
14:12
06/11/19

O voto como a mellor arma contra os reaccionarios

O voto como a mellor arma contra os reaccionarios

Nestes días observo, con preocupación, como hai un número significativo de persoas que manifestan a súa intención de “pasar” de ir a votar o próximo domingo. Estas mesmas persoas amosan unha profunda preocupación pola situación política de España e polo posible auxe da extrema dereita.

Hai, tamén, persoas que reclaman mobilizacións sociais diante das sedes de VOX pola manipulación sistemática que este partido fai sobre temas tan importantes como as políticas de igualdade, a violencia machista, a inmigración, a historia recente do país, etc. 

Eu nunca coñecín a ninguén, salvo persoas moi comprometidas e facilmente identificables polo seu compromiso político, que me transmitise a súa vontade de votar a Manuel Fraga, pero cando chegaba o día da votación Manuel Fraga arrasaba. Logo o luns, tomando o café, todo eran laios por parte de todo o mundo porque a dereita volvera a arrasar. 

Que significa todo isto?  Que unha cousa é a prédica e outra e dobrar o espiñazo e traballa-la leira para dar trigo.

“Pasar” de ir a votar porque estamos fartos de todo e de todos, implica que os que defenden un modelo contrario teñan mais fácil conseguir acadar un resultado mellor con menos votos. Significa que, os triunfadores, estarán lexitimados para tomar tódalas medidas que a súa ideoloxía defende porque non solo terán o discurso se non a lexitimidade democrática para levala á práctica. 

Porque, sexamos claros, hai formacións políticas que defenden o desmantelamento do sistema público de pensións e reducilo todo á caridade. Está dito e escrito. “Pasar” da defensa dun modelo igualitario que protexe, sobre todo, as clases mais desfavorecidos da sociedade significa darse un tiro no propio pe cando, como é o noso caso, vivimos nun territorio e nunha sociedade que, por renda económica, necesitamos un Estado solidario e transversal que acubille a TODOS sen distinción de clase e de renda.

Manifestarse contra a inxusticia e polas causas xustas é loable e plausible. Arranxar o mundo dende a barra dun bar mentres nos tomamos unhas cañas pode que nos deixe o corpo solto e a cachola aliviada. Pero non vivamos enganados, a única arma de destrución masiva contra a intolerancia, o franquismo irredento, o machismo, o racismo e tódolos xeitos de discriminación é a emisión dun voto meditado e responsable. 

Eu, se o próximo luns acontecera o que non desexo, e alguén que optou pola abstención como xeito de exercer o seu dereito democrático, me ven coa leria do terrible que foi o resultado electoral para as clases populares e traballadoras, contestareille coma sempre que isto ten pasado no noso pais: eu non os votei pero ti si coa túa abstención.

E deixémonos de lerias ideolóxicas de boquilla. O barómetro para medir quen é mais de esquerdas ou mais de dereitas chámase Boletín Oficial. Alí publícanse as leis que nos din a quen se lle cobran os impostos e con quen se gastan. Todo o demais é pura demagoxia barata. 

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Outros Artigos de Marisol Soneira

Comentarios