O falso síndrome postaborto e o eterno intento de tutelar ás mulleres
Hai unhas semanas, o Concello de Madrid decidiu dar un paso atrás e crear un síndrome que non existe: o chamado Síndrome Postaborto. Un invento sen evidencia científica, sen recoñecemento da OMS e sen aval de ningún organismo sanitario serio. Unha mentira disfrazada de preocupación moral.
Segundo esta teoría sen base, abortar provoca agresividade, insomnio, pesadelos, adiccións, trastornos alimentarios, infertilidade e mesmo pensamentos suicidas. Unha serie de síntomas que semella máis o guión dunha película de terror que un informe médico. Pero o grave é que esta desinformación non é inocente: busca, unha vez máis, culpabilizar ás mulleres, infundir medo e cuestionar a súa capacidade para decidir sobre o seu propio corpo.
Pero imos ao esencial: o dereito ao aborto é un dereito conquistado. Non caeu do ceo, non foi un regalo, foi froito da loita, da voz e da reivindicación de moitas mulleres, por medio do movemento feminista, que arriscaron a súa vida e a súa liberdade para que hoxe podamos DECIDIR.
Tamén cómpre lembrar, porque parece que a moitas persoas se lles esquece, que o aborto non é unha obriga é un DEREITO, é unha opción. Un dereito para quen o precise, para quen o decida, un dereito que debe poder exercerse con seguridade, de forma gratuíta e na sanidade pública, porque os corpos das mulleres tamén son parte do Estado de benestar.
É insoportable ver como se constrúen políticas públicas sobre ideoloxías machistas e non sobre a evidencia científica. Como se disfrazan de “protección” as estratexias de control. Como se insiste en tratarnos coma se fósemos menores de idade, incapaces de discernir o que é mellor para nós. Ese paternalismo constante é unha das formas máis refinadas do patriarcado: este decide por ti, pero faino dicindo que o é “polo teu ben”.
E eu pregúntome: se realmente lles preocupa a saúde das mulleres, por que non invisten en informar, en investigar e en aumentar os recursos públicos no cancro de mama, no cancro de ovario? Ou en informar sobre a depresión posparto? Por que non existen suficientes recursos para tratar a endometriose, que afecta a millóns de mulleres en silencio? Por que non hai máis información sobre o síndrome do ovario poliquístico ou outras doenzas crónicas que nos afectan maioritariamente as mulleres? Se de verdade quixeran “informar”, faríano con feitos, non con mentiras.
Esta ofensiva contra o aborto é un síntoma máis dun contexto político perigoso, no que as ideoloxías reaccionarias gañan espazo e volven a poñer en dúbida os dereitos das mulleres que críamos consolidados.
Volvo sempre a frase de Simone de Beauvoir cando advertía, xa hai décadas: “Non esquezades nunca que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida” Esa frase, tan repetida, está máis vixente ca nunca.
Hoxe non estamos ante unha simple polémica, senón ante un intento organizado de retroceso. Queren devolvernos á obediencia, ao silencio e á culpa. Pero xa non somos as mesmas. As mulleres sabemos, lembramos e non calaremos.
Porque decidir sobre o noso corpo non é un privilexio: é un DEREITO.
E a pregunta é inevitable: ata cando imos permitir que nos traten como se non soubésemos o que facemos? Ata cando lles imos deixar escribir o relato da nosa vida e do noso corpo?
A historia xa nos ensinou o suficiente.
Agora tócanos a nós escribir o futuro.
Por nós e por todas as que veñen atrás.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.