Mércores. 01.04.2020
El tiempo

A comunidade educativa non queda calada ante os continuos recortes

A comunidade educativa non queda calada ante os continuos recortes
Directiva da Federación de ANPAs da Costa da Morte (Fedanpas)

Alza esta semana a voz a Federación de ANPAs da Costa da Morte ante as numerosas queixas que leva recibindo das ANPAs dos diversos concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, como Laxe, Camariñas, Coristanco, A Laracha, Fisterra, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Cabana, Carballo. Queixas debidas, fundamentalmente, aos recortes en profesorado, pero tamén por recortes en atención á diversidade, xa que a Consellaría reduce o profesorado con contratos a tempo total de Pedagoxía Terapeútica, Audición e Linguaxe e Orientación ao suprimir prazas e optar por un sistema de mantemento de docentes itinerantes que teñen que compartir docencia en varios centros, o que vai impedir atender adecuadamente ao alumnado.

A Fedanpa lamenta que ”o goberno da Xunta adoptou unha actitude política de imposición e de recortes da calidade do ensino público nun nivel até agora nunca visto, desatendendo as necesidades educativas e de atención específica do alumnado dos centros escolares, sobre todo aos centros do ámbito rural, perxudicando ao alumnado con maiores dificultades, atentando contra os principios de igualdade e a non discriminación no ámbito educativo”.

Por iso, “non podemos quedar calados cando se incide cada vez máis nos recortes de profesorado, no profesorado compartido, nas necesidades non cubertas, na falta de continuidade na cobertura das prazas de orientadores, AL e PT”. “Ou cando rexeita desde San Caetano reunirse coas familias, ou cando pretende darlle a todos os problemas unha dimensión particular para ver de ocultar a súa auténtica incidencia social…” sinalan os representantes dos pais e nais dos alumnos da Costa.

Critican que sofre con “especial incidencia o alumnado de necesidades específicas”, “provocando un deterioro xeral do noso Ensino Público, fundamentalmente naquilo do que nos sentimos máis orgullosos e seguros: o tratamento equitativo de todas as nenas e nenos”.

Por todo isto, queren “dicirlle á administración educativa que, xa que o actual goberno da Xunta, prioriza os recortes, deben comezar pola eliminación das carencias do sistema educativo, moitas delas endémicas e que non son atendidas pola Consellaría de Educación”. Falando de novo de “abandono, o desmantelamento e o decrecemento da calidade”, recordan que “os recortes tamén se concretan no incremento dos agrupamentos de alumnado e a masificación de aulas”.

En resumo, “as familias queremos solucións xustas para que as nosas fillas e fillos, e para todo o alumnado que vai con eles, teñan un futuro proveitoso, que é o que nos compre facer ás nais e pais, un obxectivo que a consellaría de educación debería compartir e non cercenar”.

Tendo en conta o anteriormente exposto, na vindeira reunión da federación de ANPAs da Costa da Morte analizarán, entre os puntos da orde do día, os posíbeis pasos a dar por parte da comunidade escolar da Costa da Morte.

Últimas queixas dende Laxe

O Grupo de 4 de Primaria do CPI Cabo da Area de Laxe que non ten titor

A última queixa chega dende Laxe. Xa falamos dese grupo de 4º de Primaria que non ten titor, problema polo cal a ANPA Cabo da Area de Laxe mantiña o pasado 23 de outubro unha reunión co Xefe Territorial de A Coruña da Consellería de Cultura, Educación para insistir na solicitude do desdobramento do grupo de 4º de Primaria, un mestre/a de AL e un mestre de PT.

Pero consideran que “o resultado desa reunión foi totalmente insatisfactorio tanto nas formas coma no fondo”, polo que van continuar con mobilizacións:

Aseguran que van ”seguir traballando na procura de que se manteña o desdobre que o grupo de 4 de Primaria tivera o curso pasado con menos alumnado”: E para iso, decidiron solicitar ao Subdirector Xeral de Recursos Humanos unha reunión para tratar este asunto, a cal foi denegada “xa que a cobertura das prazas que non veñan informadas polo Xefe Territorial, non serán cubertas por esta Dirección”, algo que consideran “inadmisible”.

Avisan pois de que consensuarán medidas para levar adiante ante a negativa da Subdirección Xeral a recibilos.

Novas charlas informativas

Mentres, continúan as charlas da ASPG nas que as ANPAs da Costa da Morte colabora activamente. Actividades que consideran moi necesarias debido a que a familia xoga un papel fundamental no desenvolvemento das persoas. A colaboración estreita das familias e a escola é fundamental para garantir unha formación integral de rapazas e rapaces.

Así, as vindeiras citas serán:

  • Laxe: CPI Cabo da Area. Rúa Isidro Parga Pondal, 45. Hora de comezo: 19:30h.
    - Venres 7 de novembro. “A familia como contexto socializador”.
  • Carballo: Forum. Praza dos bombeiros voluntarios. Hora de comezo: 20:30h.
    - Venres, 14 de novembro. “A presenza dos menores na rede”.
    - Venres, 21 de novembro. “A familia como contexto socializador”.
  • Corcubión: Casa da Cultura. Rúa Médico Vicente Fraguela, 14. H. de comezo: 20:00 h.
    - Venres, 14 de novembro. “A familia como contexto socializador”.
    - Venres, 21 de novembro. “A presenza dos menores na rede”.

Novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

comentarios