Domingo. 20.09.2020
El tiempo

A Costa da Morte reinvidica á Muller Traballadora tras un ano de retroceso en materia de Igualdade

A Costa da Morte reinvidica á Muller Traballadora tras un ano de retroceso en materia de Igualdade

Porque somos a metade da poboación, porque o retroceso na consecución dos nosos dereitos como cidadás en igualdade é patente, porque os recortes en servizos sociais repercuten maiormente en nós e nas nosas posibilidades de elixir, porque o mundo laboral segue a nos discriminar (menor salario por un mesmo traballo, aumento do acoso laboral e sexual no traballo, condicións abusivas, taxas de paro elevadísimas, merma de dereitos nas traballadoras do fogar, na agraria, etc.), e porque o traballo implica independencia económica e mais tamén autoestima.

Porque mentres nacer muller siga a conlevar moitas maiores probabilidades de sufrir violencia física, sexual ou psicolóxica, ou de vivir na pobreza (máis do 70 % da poboación que viven baixo o umbral da pobreza son mulleres), será preciso saír á rúa e sumar ao traballo diario a forza dun Día da Muller que nun mundo xusto non debería ser necesario.

Este é o manifesto da Asociación Feminista Buserana para o Día da Muller Traballadora, que se celebra este xoves 8 de marzo de 2012. Non é allea a Costa da Morte á devandita celebración e son moitos concellos e entidades sociais as que farán algún acto ou algunha actividade, sobre todo cos máis pequenos.

E comezamos precisamente cos actos que artella a única asociación feminista da bisbarra, que denuncia que este pasado 2011 foi un ano de retroceso en materia de igualdade, como refrendan as últimas palabras do Ministro de Xustiza este mesmo mércores explicando os motivos da modificación da Lei do Aborto:

A Buserana en Cee contra un ano de retroceso

A entidade considera fundamental a participación nos actos reivindicativos que terán lugar, tanto na nosa bisbarra coma en Compostela. Así, baixo o lema "Mulleres galegas, en pé polos nosos dereitos", este xoves 8 de marzo, ás 8 da tarde na Praza 8 de marzo, en Cee, haberá unha Concentración.
A entidade tamén anima a toda a veciñanza a participar na Manifestación nacional que se celebrará o domingo 11 de marzo en Santiago, ás 12 saíndo dende a estación do ferrocarril. Dende a estación de autobuses de Cee partirá un autobús ás 10 h. (anotarse no tlf. 981-744 146 ou neste correo).

Corcubión presenta o II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades

A Concellería de Servizos Sociais, benestar, familiar, muller e igualdade do Concello de Corcubión, aproveita o sinalado día para presentar o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. A presentación terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello, ás 20:00 horas, á que están invitadas as asociacións e calquera veciño. A presentación contará coa participación de DELOGA, empresa colaboradora na elaboración do Plan e especialista en proxectos con perspectiva de xénero.

Logo da presentación, terá lugar unha charla coloquio a cargo da escritora e investigadora Carmen Pugliese "mulleres nos camiños", sobre o papel da muller na peregrinación ao longo da historia.

Ponteceso achégase a deixar a túa pegada

Ademais da fermosa exposición Rosalía Ilustrada, a vila de Ponteceso vivirá un acto singular. A idea é a de recolller as pegadas de mans de toda a veciñanza a favor dos dereitos da muller traballadora.
Así, dende as 11.00h ás 13.30h do xoves 8 de marzo, dúas voluntarias estarán na praza do Relleno en Ponteceso, repartindo chocolate quente a todos os que se acheguen a deixar a pegada ou a escribir unha frase nos murais que colocaremos, e repartirémoslles, só ás mulleres, unha presa de caramelos como recoñecemento ao seu traballo. Tamén expoñeremos algunhas fotografías (en papel de color) de mulleres traballadoras do noso concello.

Cabana homeaxea ás mariscadoras

“A memoria das mulleres da ribeira de Cabana de Bergantiños” é o título da sesión cultural reivindicativa no marco do programa Inverno da memoria do Concello de Cabana de Bergantiños. O acto para conmemorar o Día terá lugar este xoves ás 20:00h na Casa das Mariscadoras en homenaxe ás mulleres traballadoras do concello, exemplificadas nas mariscadoras do Esteiro do Anllóns. O alcalde acodirá a entregarlles un detalle.
Ademais, haberá máis actos culturais. Proxectarase a documental "Unha visión da muller traballadora cabanesa na historia"; varias mulleres cabanesas lerán poesía: Matilde Vilariño Pose “Poema á muller traballadora”; Tamara Lema interpretará “Vouvos contar unha historia”, de Hermosinda de Taboído; e Silvia Losada, como non, cantará “Río Anllóns que vés de lonxe”, un poema de María Baña.

Vimianzo integra os escolares na educación pola Igualdade

Dentro da programación semanal do Día Internacional da Muller Traballadora os escolares de Baíñas e Vimianzo veñen realizando desde o pasado luns na Casa da Cultura uns obradoiros para analizar as causas da desigualdade de xénero. Con estes obradoiros preténdese levar á reflexión aos nenos e nenas sobre a análise de causas e raíces da desigualdade na nosa sociedade.
Os nenos e nenas logo dunha breve explicación teórica e da proxección dun audiovisual infantil onde se reflicten diferentes causas de desigualdade de xénero na vida cotiá, debateron as diferentes circunstancias que levaron a ter que celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora. Para rematar a actividade tiñan que completar as pólas dunha árbore xigante con diferentes temas, o que os levou a un resultado final de desigualdade de xénero. Na reflexión final os escolares sacaron as súas propias conclusións sobre as causas da desigualdade.

Carnota tamén traballa a memoria

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora (8 de marzo), celebraranse unhas xornadas no salón de actos do Concello de Carnota. O acto desenvolverase ó longo da tarde do vindeiro 9 de marzo, a partir das 16:30h, e comezará cun Obradoiro sobre o “Encontro coa memoria”. De contado terá lugar a presentación do libro "Un mar de mulleres", de Marta Dacosta.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

comentarios