Martes. 15.10.2024
El tiempo

Carballo trata de salvar a palmeira da Praza do Concello afectada polo picudo vermello

Tratando as palmeiras de Carballo do picudo vermello
Tratando as palmeiras de Carballo do picudo vermello
Carballo trata de salvar a palmeira da Praza do Concello afectada polo picudo vermello

Xa arrasou unha marea de exemplares polo sur da comarca e a praga do picudo vermello (un pequeno escaravello chamado Rhynchophorus ferrugineus) xa chegou tamén a Carballo. Afecta xa a catro palmeiras existentes en distintos espazos públicos, estando máis afectadas a do xardín da Praza do Concello, a situada xunto ao edificio de Facenda e unha das catro da Praza de Vigo. O resto, segundo o estudo realizado pola empresa especializada contratada, parece non estar afectadas. Non teñen, de feito, ese aspecto de caída da coroa foliar sobre as follas.

Se ben as palmeiras de Facenda e a da Praza de Vigo semellan irrecuperables, o Concello intenta salvar a do Xardín da Praza do Concello. “Aínda que a recuperación é incerta, cunha baixa porcentaxe de salvación, polo seu emprazamento e porte merece un intento de recuperación”, indican os especialistas, que empezaron onte cun tratamento de endoterapia que se combinará cunha aplicación foliar de insecticida en distintas épocas do ano.

Tratando as palmeiras de Carballo do picudo vermello 2

Outras zonas de Carballo

Nestes momentos está en fase de avaliación o estado das palmeiras situadas nos colexios Bergantiños e Nétoma-Razo. En todos os casos, estean ou non afectadas, realizarase un tratamento preventivo.
Lembran que un dos problemas para loitar contra o picudo vermello é os síntomas (esa caída da copa) non aparecen ata 6-9 meses despois do inicio da infestación. O informe técnico alude ademais a unha “alta infestación da zona”, e aínda que ata agora as palmeiras de Carballo puideron esquivalo, desde o 2013 a praga foise estendendo por Galicia, especialmente polas provincias de Pontevedra e A Coruña, causando a morte de centos de exemplares.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios