En marcha o FIOT máis intransixente
Xa está botado o foguete que abre a 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O FIOT 2023 arrincaba este martes 4 de xullo coa presentación oficial do cartel no Dubra Café (novo espazo colaborador do festival). Un cartel que é unha peza artística en si mesma, feito pola ilustradora local Laura Tova. “A colaboración de Laura Tova co FIOT este 2023 cristaliza a aposta do festival pola transversalidade e a converxencia entre as diferentes artes, o feminismo, o apoio ao talento emerxente, a inclusión e o impulso da creación local”, explicou o director do festival.
O Festival, que esta primavera recibía o premio como mellor proxecto cultural de Galicia de 2022 segundo Fundación Contemporánea, volve demostrar que é o gran festival de referencia, xunto a Ribadavia, da escena galega, e o mellor programa cultural, de longo, da Costa da Morte. Un festival coa eterna “vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora do FIOT, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos”, como sinalou Alberto Sueiro.
Do 28 de setembro ao 31 de outubro de 2023, Carballo recibirá figuras e formacións de referencia da escena actual como Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Juan Cavestany, Kulunka Teatro e Diego Anido, entre outras.
É o caso de espectáculos como El traje, escrita e dirixida por Juan Cavestany, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo como protagonistas; Forever, estrea en Galicia da nova creación de Kulunka Teatro, unha das compañías máis celebradas do teatro contemporáneo español e internacional; e O deus do pop, que supón o regreso do performer galego Diego Anido ás táboas do FIOT.
Intransixencia
O letivmotiv do FIOT este 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese ‘INTRANSIXENTES’ plasmado no cartel fala da identidade do FIOT, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Alberto Sueiro avanzou que “todo isto é o que transmitirán os espectáculos programados na 32a edición do FIOT e é, tamén, o que trata de reflectir o abrazo colectivo que protagoniza o cartel que hoxe presentamos. Un abrazo colectivo como mostra de afecto, apoio, felicidade, unidade, colaboración, solidariedade e superación, con xentes diversas en conexión, coidándose e arroupándose nun xesto de respecto e amor”.
A nova concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, que fora antiga voluntaria do festival, destacou na súa intervención que “o FIOT é un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo”. “Para min, é unha honra traballar agora desde o outro lado, desde a institución, para a boa consecución e a continúa expansión do FIOT, co noso compromiso firme co proxecto, que se traducirá no seu impulso, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e de acompañamento artístico”.
Pola súa banda, a ilustradora Laura Tova, presente tamén no acto, quixo expoñer o seu agradecemento: “No meu proceso creativo, a imaxe sempre nace da palabra. Pensei que o que fai que as persoas nos coidemos e respectemos unhas ás outras son a empatía, o agarimo, o afecto... co cal busquei representar estas emocións en forma de diferentes personaxes e compoñer con elas un ‘tetris’ de abrazos e coidados. Ademais, busquei xogar con esa ambigüedade de que non se sabe se son personaxes imaxinarias ou persoas disfrazadas, nunha sorte de xogo entre a realidade e o mundo imaxinativo que tan ben plasma o teatro”. E engadiu: “No cartel non podían faltar as referencias a Carballo, berce do FIOT. O edificio do Pazo da Cultura, que acolle os espectáculos, representa esa Cultura con maiúsculas impulsada polo festival. E está tamén presente o Río Anllóns: quería reivindicalo porque, para min, reflicte como ningunha outra cousa a transformación e a evolución pola que sempre aposta o FIOT”.
Pechou, como adoita, Evencio, con ese toque especial tratando de non repetirse nin caer en lugares comúns, agradecendo “o apoio incondicional da cidadanía ao FIOT e convido a todas e todos a non perder esta nova edición de gran calidade prevista para este outono”.
NOVAS DO FIOT
- Febreiro 23: O FIOT, o mellor proxecto cultural de Galicia de 2022 segundo Fundación Contemporánea.
- FIOT 22: 10.000 asistentes para a 31 edición do FIOT
- FIOT 22: Blanca Portillo recibiu o seu Premio do Público do FIOT.
- Febreiro 22: O FIOT, entre os 10 eventos culturais máis relevantes de Galicia.
- 2021: Cigarreiras, de Contraproducións, gaña o Premio do Público do #FIOT30.
- 2021: A rúa ten vida no FIOT de Carballo
- 2020: A innovación do #FIOTenpausa achegou o teatro ás novas xeracións.
- 2019: As impresionantes cifras do FIOT, a maior oferta teatral de Galicia.
- FIOT 2018: O FIOT, o maior festival de teatro de Galicia, pecha cun 98% de ocupación achegándose á mocidade.
- Setembro 2018: O FIOT recibe o premio da Cultura Galega de Artes Escénicas.