A Costa da Morte coida as súas praias


Onte, 5 de xuño, foi o Día Mundial do Medio Ambiente, e ademais achégase o Día dos Océanos (8 de xuño). E na Costa da Morte, tan expostos ao noso mar, é unha das datas que máis celebramos. Ducias de actividades estanse realizando xa arredor da causa, sempre coa intención de concienciar sobre a necesidade de coidar a nosa contorna. Esta fin de semana teremos varias sesións de Limpeza de praias, artelladas por diferentes colectivos, boa parte coordinados por ADEGA, que ademais sacaba un manifesto pola morte do plástico. Unhas limpezas voluntarias, mentres as administracións fan pouco por preparar as praias cara o verán.
Pero ademais das limpezas de ADEGA, por Carnota están nunha completa semana medioambiental gracias ao traballo da xente de O Canto da Balea.
Artelixo en Carnota

Completa a semana que os alumnos e alumnas de 5º e 6º curso do CEIP de Carnota están tendo en Carnota, coas as actividades desenvoltas pola xente de O canto da Balea con motivo do vindeiro día dos océanos. Unha semana que culminará coa recollida de refugallos no areal e a posterior creación dunha sesión de Artelixo, un fermoso xeito de fomentar a conciencia, limpando e reciclando.
Ao longo da semana xa levan realizando numerosas actividades. Por exemplo, o pasado luns participaron na limpeza simbólica dunha praia. En menos dunha hora recolleron 70,75 kg de lixo e xa teñen na cabeza as obras de arte que van ir creando.

Ademais, visualizaron dous vídeos sobre a temática da contaminación por plásticos dos mares e océanos, creándose a continuación un interesante debate. De seguido puideron desfrutar doutro vídeo máis lúdico-musical que toca doutro xeito a temática da iniciativa, "Augas que veñen e van", que aquí nos queda para que todos os pequenos o poinda cantar. Trátase dun vídeo composto por Paco Nogueiras Nodar especialmente para o Día dos Océanos.
Á espera quedamos de que a vindeira semana nos ensinen as súas obras de arte, pois!
Xornadas de Limpeza nas praias da Costa da Morte

Son varias as citas, artelladas por centros de ensino (bravos polos que organizan a saída pero botamos en falta que sexan moitos máis...) e colectivos. Colectivos como O Canto da Balea, que tamén sairá ao areal, ou como Pedras Miúdas de Lires, que organiza para o domingo 9 de xuño a partir das 14:00h unha xornada ecolóxica na praia de Lires. Primeiro xantarán en familia, e de seguido, a deixar a praia como unha patena, para rematar disfrutando de xogos sobre a fina area de Lires.

Ademais, como dicimos, a través da Limpeza Voluntaria Simultánea por ADEGA en toda Galicia, son varias as citas ás que nos podemos unir esta fim de semana:
- En Carnota, na praia Corna Becerra, a mañá do sábado 7 de xuño, organizado por ADEGA-Costa da Morte, concentrádonse ás 10:00h no local da Cooperativa Raínha Lupa.
- En Muxía, na Praia dos Muíños, a mañá do sábado 8 de xuño, no marco do Programa de Voluntariado, que organiza o Concello de Muxía.
- En Fisterra, na praia Langosteira, o venres 7 de xuño, organizado polo IES Fin do Camiño.
- En Fisterra, na Praia de Talón, o sábado 8 de xuño, organizado polos veciños (contactar con Sole (625 947 945).
- En Laxe, na Praia de Laxe, o venres 7 de xuño, organizado polo IES Maximiro Romero de Lema de Baio, Zas.
- Artelixo escolar polo Día dos Océanos.
- A Costa da Morte súmase de novo á Limpeza simultánea de Praias.
- Unha praia Nemiña chea de papaventos negros tamén lembrou á Marea Branca do Prestige.
- Un estudio rubrica a existencia de toneladas de galletas de chapapote en Nemiña e o Rostro.
- Limpando os grans de area.
- Nova limpeza voluntaria da praia de Carnota.
- 135 alumnos recollen máis de 500 quilos de lixo dos areais da Costa da Morte.
- Os veciños do Pindo fan de voluntarios e tamén limpan a praia.
- Os surfistas limpan as praias que os concellos non coidan .
- “Hoxe, limpamos outro Prestige”.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).