Domingo. 05.05.2024
El tiempo

De plenos pantasma no Concello de Carnota

De plenos pantasma no Concello de Carnota
Oreiro e Noceda dandose a man na investidura do segundo-Foto-El Correo Gallego

Este venres hai pleno en Carnota. Un pleno extraordinario convocado polo alcalde de Carnota, que intentará conseguir un acordo plenario para que o Concello se poida personar na causa aberta contra Marisol Piñeiro e o Secretario Carlos Bouzón, por suposto delito de prevaricación por unha contratación a dedo (Oreiro non está imputado). Un caso que, por certo, está chegando á recta final da súa instrución, pero trae a cola este estrano pleno, un ano despois da imputación.

O asunto é que a oposición acusa ao alcalde de ter asinado un aval notarial avalado nun suposto acordo plenario un 19 de novembro de 2013 que nunca se levou a cabo, para permitir o personamento do Concello na causa nun suposto pleno que nunca existíu. O alcalde asegura que nunca se enviou ese acordo, pois ese pleno efectivamente nunca se levou a cabo, pero que o Concello se personou do mesmo xeito, porque non sabían que era necesario o acordo plenario, explicando que é a reforma da lei de regulación municipal a que obrigou dende o ano pasado a levar un acordo plenario nas competencias que ata entón eran da alcaldía. “Debería terse feito cando foi a demanda, e daquela non se deu conta ao pleno, pero non se fixo porque descoñecíamos as novas normas e porque precisamente o secretario non nos avisou, que eu non son xurista”.
En todo caso, o último cambio dese artigo da Lei de Bases é do 2008, e nesta ocasión non se modificou esa competencia plenaria, polo que como sinala dende a oposición, "a ignorancia non exime de cometer unha ilegalidade", deixando ver que puido ter caído nunha suposta "usurpación de funcións dun órgano colexiado". Ademais, a oposición sinala que o Secretaria estaba de baixa cando asinaron o poder, e que "cando voltou, solicitou que se subsanara o erro de non ter realizado un pleno, pero nunca se fixo".

É un asunto complicado, pois como nos contan dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (ao falarmos dunha aforada, Piñeiro como deputada provincial, o caso pasou do xulgado de Muros ao TSXG) falamos dun asunto puramente técnico, de “papeleo”. O secretario interventor municipal, Carlos Bousoño López, que xa ten denunciado publicamente ao alcalde (o alcalde asegura que o único que fixo foi “poñelo a traballar”) presentou un recurso no que expón que o personamento na causa de Piñeiro non está feito de xeito adecuado, polo que o xuíz instrutor pide ao alcalde que subsane un defecto de forma co procedemento, solicitando ao Concello que aporte unha documentación de que o seu personamento está realizado correctamente. De aí o pleno do venres, para o que o BNG anuncia o seu voto favorable e chama á participación da veciñanza.

O que parece evidente é que o grupo de goberno non sacará adiante o acordo plenario para que o Concello se persone na causa, polo que terá que ser a propia persoa de Ramón Noceda a que siga adiante co proceso, ou mesmo o BNG. En todo caso, non esto non implica nada para a causa de Piñeiro, pois a Fiscalía está personada, e pode que en dous meses saibamos se a causa segue adiante e se abre o xuízo oral, ou queda sobreseída. De quedar sobreseída xa non importaría este asunto do personamento do Concello; e de seguir adiante a Fiscalía, xunto co Noceda ou BNG se quixeren, continuarían con ela. Pero o que repiten é que o TSXG non está analizando a legalidade ou non dos actos do concello carnotán.

Chegan tamén queixas dende o PP, pois o alcalde presentou un decreto de cara a este pleno para intentar impedir que Oreiro e Piñeiro interveñan no pleno "por ser parte interesadas". Oreiro presentou un escrito no que solicita unha proba escrita de que está imputado, porqu asegura non estar imputado neste caso, e no seu defecto poder participar no pleno. "Non teño ningunha causa no TSXG, a pesar de que o Concello de Carnota fai un recurso de súplica pedíndolle a miña implicación con data de 9-10-2014, así como a traballadora implicada", sinala Oreiro. Pero o TSXG emite un comunicado o 23-10-2014 "desestima o recurso de súplica interpuesto polo Concello". Un Oreiro que se reserva as medidas legais que considere oportunas, porque "xa estou farto da esquizofrenia do alcalde de Carnota".

Quedaremos pois atentos á recta final da instrución do caso dos concelleiros do PP, candidatos de novo á alcaldía de Carnota para as vindeiras eleccións, pois pode que en dous meses (cifras non oficiais) saia adiante a instrución, e poderemos ver se o xuçiz instrutor atopa indicios de delito e continúa ou se pecha o caso. A incidencia sobre as municipais parece directa.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios