Venres. 10.04.2020
El tiempo

Día da Muller Traballadora: Unha loita moi viva

Día da Muller Traballadora: Unha loita moi viva

Foron numerosos os actos na bisbarra polo 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Todo o mundo coincide nunha cousa, falamos, como de toda esta clase de días, dun día que non debería ser necesario, pero que polo de agora fai falta. Non perdan ollo do Manifesto da Buserana que dá conta de que o asunto non é unha loita do século pasado, é pura actualidade.

Así, unhas 60 persoas acodiron á praza que leva precisamente o nome de 8 de marzo, en commemoración polo Día da Muller Traballadora. Achegaronse veciños de toda a zona convocados pola única asociación feminista da bisbarra, Buserana, que para o día de onte contou, por primeira vez, coa colaboración do Concello.

Cristina Ledo encargouse de ler o comunicado das Mulleres Galega en loita polos dereitos, mentres que foi Chicha Martínez, a que deu voz ao manifesto que preparou a propia entidade costeira.

Momentos simbólicos se viviron cando maiores e pequenas escribiron os seus pensamentos e esixencias nuns pequenos cartóns. Algún do eido "Queremos un mundo en feminino" ou "Concienciación", e outros máis concretos: "Gallardón dimisión".

Ademais, a entidade animou á veciñanza a acodir á mobilización do domingo 11 de marzo en Compostela. Sairán ademais buses dende a estación de Cee ás 10:00h para chegar á saída da manifestación, que será as 12:00h na estación de tren.

Os cativos de Carnota crean unha campaña

Pero houbo máis actos, como os que protagonizaron os alumnos dos tres centros educativos de Carnota. Todos eles foron os responsables da campaña publicitaria "Mulleres e homes capacitados por igual", que incluíu dende carteis, banners e ata unha cuña radiofónica.

Este proxecto, cuxo obxecto é educar e concienciar en materia de igualdade, desenvolveuse en tres sesións, nas que o alumnado ademais de traballar no deseño da campaña e abordar contidos e técnicas propias da linguaxe publicitaria, afondou en conceptos como corresponsabilidade, igualdade de oportunidades e coeducación.

Ademais, os maiores tamén terán o seu protagonismo e ó longo da tarde do vindeiro 9 de marzo, a partir das 16:30h no Salón de Actos do Concello, e comezará cun Obradoiro sobre o “Encontro coa memoria”. De contado terá lugar a presentación do libro "Un mar de mulleres", de Marta Dacosta.

Vimianzo integra os escolares na educación pola Igualdade

Dentro da programación semanal do Día Internacional da Muller Traballadora os escolares de Baíñas e Vimianzo veñen realizando desde o pasado luns na Casa da Cultura uns obradoiros para analizar as causas da desigualdade de xénero. Con estes obradoiros preténdese levar á reflexión aos nenos e nenas sobre a análise de causas e raíces da desigualdade na nosa sociedade.
Para rematar a actividade tiñan que completar as pólas dunha árbore xigante con diferentes temas, o que os levou a un resultado final de desigualdade de xénero. Na reflexión final os escolares sacaron as súas propias conclusións sobre as causas da desigualdade.

Comunicado de Buserana polo 8 de marzo 2012

As mulleres de Buserana celebramos este Día Internacional das Mulleres porque non estamos dispostas a dar un paso atrás. Estamos aquí porque queremos traballar en igualdade de condicións, e hoxendía non podemos. Porque a precariedade laboral nos afecta de xeito especial, anque personaxes da opulencia (coma Amancio Ortega) defendan unha reforma laboral que precariza cada vez máis as condicións de traballo, chamándolle esforzo ao que en realidade é explotación. Traballos nos que non queremos vivir con medo: nen a que nos boten, nen a que nos insulten ou nos ignoren, nen a que nos toquen. Estamos aquí porque cada vez que se valora a apariencia dunha muller, ou a súa vestimenta ou estilo, antes que o seu traballo, a súa capacidade e mais a de todas as demais perde valor e pasa a un segundo plano, retrocedendo décadas no acadado. Porque a conciliación non é posíbel sen garderías e flexibilidade horaria, e nos sobrecargamos. E porque a corresponsabilidade nas tarefas do fogar e do coidado das demais segue a ser unha meta, e pasou, en moitos casos, por contratar unha muller que faga a parto do outro, e nos volvemos sobrecargar. Estamos aquí porque a insatisfacción da sobrecarga forma parte dun sistema que só ofrece pílulas (léase consumo e control) para durmir e soportar o día a día. Porque seguimos a ser “putas” cando decidimos libremente a nosa sexualidade. Estamos aquí porque queren decidir sobre o noso corpo. E pretenden darnos valor só como nais e só durante o embarazo. E sendo a maternidade, efectivamente, un dereito irrenunciábel de quen opte por ela, somos nós, as mulleres, quen queremos decidir, pois tamén é un dereito irrenunciábel optar polo contrario de xeito seguro. Consideramos imprescindíbel a educación da sexualidade e da afectividade, así como o acceso libre e gratuíto a todos os medios que nos permiten a elección de cando queremos, ou non, ser nais. Porque hai miles de mulleres no Estado Español prostituídas, e as hai porque hai consumidores sen escrúpulos, nun negocio que goza da complicidade de tantos poderes. Estamos aquí para defendernos, porque a presión que sofren as nenas, as adolescentes e mais as mulleres para se cinguir a un guión patriarcal de muller-que-vive-para-servir-coidar-e-gustar é máis intensa cada ano. Porque o cuestionamento dos nosos dereitos chega a negar a importancia de nos nomear en feminino. Aquilo do que non se fala, non existe. E as mulleres, e o feminino, somos parte desta sociedade, a pesar do idioma sexista imperante. Estamos aquí porque nacer muller, inda hoxe, implica moitas máis probabilidades de sufrir violencia física, sexual, psicolóxica ou verbal. Violencia que anula, violencia que mata. Porque a feminización da pobreza vai en aumento, superando o 70% e arrastrando as nosas fillas e fillos á miseria. Porque segue habendo tráfico de nenas e mulleres, cada segundo seis nenas son mutiladas xenitalmente, cada día hai crimes de honor nos que as mulleres son violadas ou asasinadas como compensación do honor das súas familias, porque a violación sistemática de mulleres en situación de guerra ou de ocupación segue a ser un feito (no Sahara, as ¾ partes das mulleres son violadas polas forzas de seguridades marroquí!) , porque ... ... Porque todos estes son horrores que non somos capaces nen de imaxinar, son unha realidade que con frecuencia preferimos ignorar, estamos aquí para dar voz a tantas mulleres que sofren polo feito de ser tal. Ante todo isto, nós, as mulleres de Buserana, chamamos ás Mulleres galegas e mais a toda a sociedade a loitar e pórse en pé, polos nosos dereitos. Grazas.

Esixencias das Mulleres Galegas

Neste 8 de marzo, as mulleres feministas galegas en loita polos nosos dereitos, ESIXIMOS:

  • Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista (educativos, sanitarios, de información e de protección).
  • Sanidade pública, universal e gratuíta de calidade, con atención especializada á saúde das mulleres.
  • Ensino público, gratuíto, non sexista, laico, de calidade e en galego.
  • Prestacións sociais e pensións dignas. Establecer medidas de acción positiva para evitar as desigualdades no acceso e na contía das pensións, derivadas de situacións de discriminación.
  • Medidas para equiparar os dereitos laborais e de protección social das traballadoras do servizo doméstico cos demais réximes.
  • Medidas que faciliten a regularización das persoas migrantes residentes e que garantan a plena igualdade de dereitos co conxunto da poboación galega.
  • Accións dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, a temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres.
  • Aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias.
  • Unha política laboral, agraria, alimentaria, fiscal e social en función das necesidades da cidadanía, que estableza medidas de acción positiva para poñer fin á discriminación das mulleres e que poña freo á emigración da mocidade galega.
  • Servizos sociais públicos de calidade que dean cobertura ás necesidades de coidado de familiares e persoas a cargo.
  • Medidas que permitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral, tanto aos homes coma ás mulleres.
  • Medidas urxentes para a creación e a estabilidade do emprego. Implantación de medidas dirixidas a eliminar a discriminación salarial das mulleres.
  • Medidas que garantan unha vida plena para as persoas con diversidade funcional.
  • Dereito a gozarmos a nosa sexualidade, sexa cal for a nosa orientación sexual e a desenvolver un proxecto de vida en liberade e equidade.
  • Respecto aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, que inclúe o control dos nosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

comentarios