Preparando a marcha verde por un Monte Pindo Parque Natural


Non será igual que aquel abril de 2012 cando a primeira manifestación polo Parque Natural do Monte Pindo congregaba a unhas 300 persoas izando bandeiras polas faldas do Olimpo Celta. A situación, tralo grave incendio que arrasou o monte, é ben distinta, e parece que serán milleiros os que se acheguen á zona.
Xa cun ollo no futuro, e coa cabeza posta nas posibles e perigosas chuvias (que arrastrarán as cinzas arrasando os poucos nutrientes que quedan na terra e contaminando os regos e as rías), a Costa da Morte ten unha cita este sábado 28 de setembro coa marcha verde esixindo a calificación do Monte Pindo como Parque Natural.
Dende logo, non estarán os veciños do lugar do Pindo tralas muxicas políticas que saltaron nas útlimas semanas, pero parece que boa parte do termo municipal carnotán, así como do resto da bisbarra e mesmo do país, si que apoian a candidatura.
O que si esperamos é que na marcha haxa máis bandeiras ambientais que políticas, que xa sabemos que moitas veces mesturar ambas cousas o único que consegue é espallar xente que está dacordo coa conservación do monte (e para iso, só para iso é a marcha) pero non coa postura política.

Cambio de ruta
Infórmanos a entidade organizadora que "ante a previsión dunha auténtica maré humana para a marcha verde" veñen de tomar a decisión de modificar o percorrido desta marcha.
O primeiro, suspéndese a saída prevista desde o lugar do Fieiro (Mazaricos). As que si se manteñen son o horario de saída ás 11:00 horas desde a Praza da Solaina do Pindo; e mais dende Caldebarcos, respaldada pola Comunidade de Montes da localidade, esta mantense e confluirá coa procedente do Pindo no Chan das Lamas.
O caso é que os sendeiros máis tradicionais "pode ser contraproducente tanto para a seguridade e a saúde das persoas participantes como para o propio espazo natural". Deste xeito o novo trazado desenvolverase unicamente por estrada e pista forestal. Este non rematará no cumio do Monte Pindo (a Laxe da Moa) senón que atravesará o Monte Pindo utilizando a pista forestal que sube desde o porto de Quilmas (a carón do cemiterio do Pindo) ata o Chan das Lamas, descendendo de novo pola ladeira sur para rematar no lugar de San Cibrán (ver mapa do percorrido). O novo trazado durará aproximadamente 1 hora e media, a súa dificultade é baixa e prevese o remate da actividade ás 13:00 horas aproximadamente.
Lamentablemente, teremos que ver imaxes como estas que nos deixa Santi LLecha:
Concerto polo Monte Pindo

E para deixar un sabor de boca ben xeitoso, a noite do sábado rematará a golpe de acordeón. A Praza Verde de Carnota acollerá os concertos dos rapaces de San Mamede, Tantoten, e dos coruñeses Os Tres Trebóns, con Xurxo Souto á cabeza.
Novas sobre incendios
- Hermanager Humor: O lume de ouro.
- Unha mirada ao futuro do Monte Pindo. E agora que?.
- Novo berro de auxilio dende Quilmas.
- A AMEGA, en contra da devastación dos nosos montes.
- 18-09-13: Saltan as muxicas da crispación arredor do Monte Pindo.
- 16-09-13: A Comunidade de Montes de Caldebarcos e a Cooperativa de Quilmas alzan a voz dende a terra queimada.
- 15-09-13: Existe unha verdadeira investigación policial sobre o incendio?.
- 14-09-13: Acabou o inferno. Toca traballar na recuperación, reflexionar e investigar.
- 14-09-13: O lume máis devastador chega ao Ézaro mentres o pobo se fractura.
- 13-09-13: Continúan as lapas ameazando o Pindo e ao Ézaro cando chegan as primeiras reflexións.
- 12-09-13: Un incendio arrasa o Monte Pindo e obriga a desaloxar varias aldeas de Carnota.
Novas relacionadas
- Manifestación 2012: Un berro polo Parque Natural no Monte Pindo Xa!.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Asociación Monte Pindo Parque Natural.