A Costa da Morte pecha a medias ca Folga
10:05 30/03/12
Irregular, coma sempre, o seguemento da Folga Xeral na Costa da Morte contra a Reforma Laboral. En QPC xa manifestamos o noso apoio á folga, sobre todo a do consumo, e a nosa proposta doutro tipo de folga, que nos inclúa a todos. E tamén vemos a posición de Louzán ante a situación. Así e todo facemos un repaso completo á incidencia da folga en todos os sectores da bisbarra.
Se ben o sector servizos, maioritario na zona, apenas notou a folga, grandes empresas, concellos e centros educativos si que a notaron, en maior ou menor medida. Iso si, a Costa da Morte sentiu a folga xeral moito menos que no resto de Galicia e de España. E se os sindicatos cifran nun 90% o seguemento en Galicia, e a Xunta apunta que só un 35% da administración secundou a folga, na Costa da Morte, e facendo un balance global, podemos apuntar que a folga rexistrou algo menos de "media entrada".
Hai quen lembra tamén a complicada tesitura do traballador medio ante a folga. Por exemplo, dende a CIG que lembra o medo que sofren milleiros de traballadores por parte do empresariado. Xabier Santos lembra que "a xente está preocupada polas consecuencias que poden ter a Reforma, e a xente está tendo unha posición activa. Onte tivemos moitas chamadas de empresas de toda a zona protestando porque se censura o dereito a folga, e iso quere dicir que se está presionando á xente".
Concentración importante, e segregada, en Cee
Na Costa da Morte podemos diferenciar entre sectores, e entre cores. Como se fixo visible na Concentración central, celebrada ás 12:00h na Praza 8 de marzo de Cee. Unhas 400 persoas (non son as 100.000 de Vigo), separadas por bandeiras coma se dun campo de tenis se tratase, puxeron cor á praza, cunha incidencia algo maior que a folga de 2011 e a do 2010. Por un lado o bando nacionalista, con alcaldes e responsables do BNG respaldando a protesta (Dani Oca, Moncho Noceda, Manuel Antelo, Modesto Fraga... entre outros); e polo outro, á sombra, UGT e CCOO secundados por alcaldes e representantes do PSOE (Marisol Soneira, Pichurri, Félix Porto, Suso Campos... entre outros).Pouco incidencia no comercio
Dende os sindicatos esperaban unha resposta masiva do pequeno comercio ceense, alo menos, á hora da manifestación, pero apenas un par de bares baixaron a medias a persiana mentres seguían servindo nas terrazas. CCOO cifraba a primeira hora un 40% de seguemento no comercio de Cee, pero a realidade parecía outra. I é que dende o sector servizos valoran complicado o feito de facer folga: "xa está a cousa bastante jodida como para perder un día de facturación", valoraba algún responsable hostaleiro que ademais incidía en que os periódicos chegaron, en hora, e que os clientes de tódolos días non faltaron ao café nin ao traballo.Máis seguemento na industria
Se a Industria galega case pechaba por completo, na Costa da Morte non se pode dicir o mesmo. As fábricas de Ferroatlántica, habituais abandeiradas desta clase de mobilizacións, celebraron a xornada de traballo "sen incidentes e con normalidade", segundo a empresa, "dacordo co convenio acordado de servizos mínimos co Comité de Empresa". Así, dende a CIG valoran que está habendo un seguemento do 80% fóra dos servizos mínimos, unha porcentaxe que rebaixa CCOO ata o 50%. Outras industrias como Stolt Sea Farm rondan o 70% mentres que en Cerdeimar apenas houbo seguemento. Sobre o Porto de Brens, dende o sindicatos aseguran que estivo paralizado ao longo do día; e no Hospital, ademais de teren protestado por uns "servizos mínimos abusivos", "a participación é boa", segundo a CIG.Irregular seguemento da folga nos Concellos
Podemos comprobar o seguemento irregular da folga tanto nos Concellos coma nos centros educativos. E por suposto, en función da cor política da que falemos. Se concellos populares como o de Ponteceso, Cabana ou Fisterra houbo un seguemento practicamente nulo; en outros socialistas como Dumbría ou Muxía o seguemento pode catalogarse de amplo (se ben en Laxe apenas tivo incidencia); mentres que nos nacionalistas como Vimianzo ou Carnota tamén se pode considerar amplo.- Concello Corcubión: Seguemento masivo, con só 2 traballando no edificio do Concello.
- Concello Cee: Baixo seguemento. En canto a persoal funcionario, ningún secunda a folga, e persoal laboral 5 persoas en folga de 60.
- Concello Carnota: Metade do persoal laboral e funcionario en folga.
- Concello Ponteceso: seguemento nulo da folga.
- Concello Vimianzo: Seguemento bastante amplo no Concello mantendo os servizos mínimos.
- Concello Dumbría: Seguemento amplo da folga, só hai servizos mínimos.
- Concello Fisterra: Seguemento practicamente nulo da folga. Só faltou unha traballadora.
- Concello Zas: Seguemento nulo da folga.
- Concello Cabana: Seguemento nulo da folga.
- Concello Laxe: Seguemento practicamente nulo da folga.
50% de seguemento da folga nos centros educativos
Nos centros educativos o patrón segue o mesmo que a folga do setembro pasado. Disparidade tota. Atopamos centros só cos servizos mínimos en marcha e sen alumnos, como o Areouta de Sardiñeiro, e centros nos que apenas faltaron mestres nin alumnos, como o IES Lamas de Castelo de Carnota. Facendo unha media entre estes 12 centros contactados pola redacción de QPC, obtemos un seguemento do 49%. Estes son os centros cos que falamos.- IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas) – De 31 mestres, 15 en folga (50% de seguemento).
- IES Lamas de Castelo de Carnota – De 22 mestres só 3 a folga, persoal non docente, (10% de seguemento). Os alumnos, a maioría en clase (95%).
- IES Fernando Blanco de Cee – De 52 mestres, hai 19 en folga a esta hora (36% de seguemento). Apenas hai algún rapaz nas aulas, e so os de secundaria.
- IES Agra Raíces de Cee - De 50 metres, 29 en folga (60%). Moi pouco alumnado nas aulas.
- CEIP Santa Eulalia de Dumbría – De 12 hai 3 en folga (25% de seguemento). Máis da metade dos alumnos en clase.
- CEIP Mar de Fóra de Fisterra – De 16 mestres, 5 secundaron a folgan (31% de seguemento). E poucos alumnos nas aulas.
- CEIP Areouta de Sardiñeiro, Fisterra – De 6 mestres, 5 secundaron a folga e só queda un polos servizos mínimos (100% de seguemento). Un 30% de nenos en clase.
- CPI Cabo da Area de Laxe – De 40 mestres, uns 23 en folga (55% de seguemento). Non viñeron apenas alumnos (15%).
- CEIP Virxe da Barca de Muxía – De 5 mestres foron 3 á folga, só quedou un polos servizos mínimos (80% de seguemento). Non hai alumnos.
- IES Ramón Caamaño de Muxía - De 22 mestres foron 10 en folga (45%) e 2 limpiadoras. Un 80% dos alumnos nas aulas.
- CEIP As Forcadas de Corme (Ponteceso) – De 9 mestres van 4 a folga (45% de seguemento). A metade dos alumnos en clase.
- CEIP Milladoiro de Malpica – De 17 mestres 7 a folga (50% de seguemento). De alumnos un 40%.
Máis fotos da manifestación en Cee
Novas relacionadas
- Día de folga... de consumo.
- Verdades de Louzán: Folga.
Máis novas
- 19-11-11: Unhas eleccións indignadas e indignantes.
- 15-10-11: O mundo toma as prazas.
- 21-05-11: Galicia tamén quere Democracia Real Xa.
- 22-09-11: Seguemento dispar da folga entre os mestres da Costa da Morte.
- 28-01-11: A Costa da Morte secunda o rexeitamento contra a Reforma das Pensións.
- 29-09-10: A Costa seguíu levemente a folga do 29S.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).