O comité de XEAL e a CIG critican as consecuencias que vai ter a perda do Práctico da ría de Corcubión para as fábricas
Coñecíamos o pasado venres as razóns economicistas que argumenta o PP para deixar baleira a licitación do Práctico dos portos de Cee, Corcubión e Laxe. Unha decisión que non só inflúe na seguridade da ría, senón na viabilidade da fábrica de Brens.
Así o denuncian o comité de XEAL e a CIG, que alertan das graves consecuencias que terá para a industria da Costa da Morte. Os dous grupos esixen “responsabilidades políticas polo desleixo político intencionada da Xunta por deixar sen efecto o servizo de practicaxe” e piden “un pronunciamento político conxunto de alcaldes e alcaldesas contra esta decisión”.
Lembran que levan denunciando esta situación dende o mes de maio, e que a Xunta sabe que para acceder ao posto necesítanse 6 meses de práctica nas rías. Pero a Xunta tardou meses en lanzar unha licitación cun recorte do 50%, que sabía que ía queda baleira, e malia isto, “non fixo absolutamente nada durante eses meses para intentar negociar coa única persoa habilitada que se podía presentar”.
Por iso, denuncian a “irresponsabilidade e a intencionalidade” da Xunta.
Consecuencias para XEAL
Non parece que a empresa se vaia pronuncial, pero para os traballadores esta decisión vai traer consecuencias para a fábrica que depende desa infraestrutura do porto de Brens para poder operar. “A estiba e desestiba que se fai das materias primas, tanto para abastecer a fábrica como para posteriormente vendelas necesita desa infraestrutura. Así se fixo fai xa uns cantos anos cando se apostou por poñer en valor esta infraestrutura”.
Xa coa produción da fábrica tremendamente mermada dende 2019 (só 1 dos 5 fornos traballando; 30 empregados directos e 80 eventuais eliminados) “deixar agora sen Práctico a ría de Corcubión é a guinda do pastel, coa colaboración explícita da Xunta, porque vai provocar que aumenten os custos moi significativamente, porque tería que vir toda a materia prima imprescindible para fabricar os ferroaliaxes por estrada e todo o produto acabado tería que saír tamén por estrada. Hai 10 anos que se fixo o porto de Brens e estamos moito peor que daquela, que non tiñamos o porto, pero tiñamos Práctico”, denuncian.
O presidente do Comité Alfonso Mouzo explicou que a distribución a toda a clientela de XEAL é por vía marítima, agás á Siderúrxica Balboa, en Portugal, que é por estrada. “O cliente que temos en España máis preto en España, Acerinox, está en Alxeciras, pero ao non ter Práctico non pode atracar ningún buque no Porto de Brens e quedamos en peor situación”. Por iso concluíu asegurando que “non podemos consentir que sexa a propia Xunta cómplice destes feitos”.
Novas relacionadas
- 02-11-2022: A Xunta antepón a economía á seguridade no asunto do práctico dos portos de Brens, Corcubión e Laxe.
- 01-12-22: Os portos das rías de Corcubión e Corme e Laxe quedan dende hoxe sen práctico.
- Novembro 22: Os traballadores de XEAL tamén se manifestan ante a supresión do servizo de practicaxe nos portos da ría..
- Outubro 22: Vinculan o desmantelamento das fábricas de Cee e Dumbría coa falta de práctico no porto de Brens.
- Setembro 22: A Xunta volve abrir unha convocatoria para o práctico portuario sen atender ás demandas da Costa da Morte
- Xullo 22: Os portos do Corredor de Fisterra poderían quedar sen servizo de practicaxe.
- Xuño 22: Piden a revisión do prego de condicións para cubrir a praza do práctico dos portos da Costa da Morte.
- Maio 22: O “práctico” dos portos, un posible novo recorte da Xunta.
- Marzo 22: O BNG denuncia un novo recorte nos servizos do ISM.