O Consello da Xunta dá un novo paso para as esperadas obras de saneamento da ría de Corcubión

Segue avanzando o millonario Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión, a través do que a Xunta preve investir 8,1 millóns de euros. Neste caso foi o Consello da Xunta o que autorizou onte colaboración co Concello de Cee para a execución das obras que axuden a solventar un problema histórico.
Pendente da aprobación no pleno ceense, o proxecto tratará de reducir “as carencias no funcionamento dos bombeos e a existencia dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento obsoleta”. Xa que o estudo realizado comprobou que o sistema de saneamento é unitario (as redes de pluviais e de fecais non estñan separadas) e que en tempo de chuvia é incapaz de bombear a totalidade de caudais recollidos, producíndose numerosos alivios que, entre outras consecuencias, provocan que a praia de Cee teña prohibición permanente de baño.
As obras
Así, cun prazo de execución de 18 meses, acometerán a renovación do colector das Laxes e a construción dun novo tanque de tormentas cun volume de retención de 2.000 m³. Tamén se acometerá un novo colector que desde o bombeo das Monxas conduza as augas ao tanque de tormentas e as bombee á depuradora.
Ademais instalarase un bypass xeral de toda a instalación que permita que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas.
HISTÓRICO SOBRE O PROBLEMA DO SANEAMENTO NA RÍA DE CORCUBIÓN
- Xullo 21: 8 millóns de euros para a renovación da rede de saneamento de Cee e Corcubión.
- 13-07-21: As EDAR de Cee-Corcubión e Muxía, entre as que peor funcionan de Galicia.
- O BNG de Cee solicita unha auditoría externa das depuradoras e o saneamento do rural.
- 12-01-21: Novo paso para a EDAR de Cee e Corcubión: A Xunta licita a redacción do proxecto.
- Xaneiro 2021: A caño libre… 11 anos despois.
- 10-12-2020: Aprobado o investimento para a redacción do proxecto da nova EDAR de Cee e Corcubión.
- Novembro 2019: Preguntan á Comisión Europea se existe financiamento para o saneamento da ría de Cee e Corcubión.
- Abril 19: Ana Miranda: “É unha prioridade consignar orzamento para a limpeza desta praia e o saneamento da ría de Corcubión”.
- Marzo 19: A contaminación da ría de Corcubión, de volta ao Parlamento Europeo.
- Outubro 17: O BNG insta á Xunta a que inclúa nos orzamentos o saneamento da ría de Corcubión.
- Maio 17: A contaminación da ría de Corcubión volve ao Parlamento Europeo.
- Febreio 15: O BNG reitera no Parlamento o informe sobre o estado da ría de Cee-Corcubión.
- Outubro 14: O BNG pregunta no Parlamento pola ría de Corcubión.
- Febreiro 13: O BNG esixe o saneamento integral da ría de Corcubión.
- 2011: Unha ría eternamente pechada.