Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O mes da Fundación pechou reflexionando sobre as masculinidades

Vicente Mohedano en Cee-Foto-Rafa Quintans
Vicente Mohedano en Cee-Foto-Rafa Quintáns
O mes da Fundación pechou reflexionando sobre as masculinidades

Acaba o mes de outubro e bota o peche a 10ª edición do programa o Mes da Fundación. Ese programa coa que a Fundación Fernando Blanco quere lembrar dous dos feitos mais relevantes da historia da vila da Xunqueira: o nacemento de Fernando Blanco de Lema un 18 de outubro de 1796 e a inauguración do Instituto que merecidamente leva o seu nome un 2 de outubro de 1886.

O programa consta de dúas liñas ben definidas, cunha parte enfocada aos centros de ensino e outra ao público en xeral.

No que respecta á sección dedicada aos centros educativos beneficiáronse dela 6 colexios así como tamén os usuarios da Asociación ASPADEX. Aproximadamente uns 600 escolares asistiron ás actividades programadas para eles e que foron teatro de monicreques coa Compañía Tarabelos, maxia infantil co Mago Paco, obradoiros de astronomía e planetario portátil con Íñigo de la Quadra-Salcedo e unha sesión de contos con Felipe Díaz “Caxoto”.
A maiores estaba programada unha conferencia sobre patrimonio para o alumnado de bacharelato que tivo que ser suspendida pola folga do alumnado deste pasado xoves día 26.

Caxoto no Mes da Fundacion en Cee
Caxoto no Mes da Fundacion - Foto: Rafa Quintáns

Polo que atinxe á sección para o público en xeral, desenvolvida os sábado de outubro, houbo tamén moita variedade. Arrincou a narradora oral e escritora Paula Carballeira con “As mulleres que viven soas”; celebrouse un concerto comentado da gaiteira Marina Fernández e da percusionista Sandra Pérez; falouse de patrimonio na conferencia “Orgullosos do noso pasado” do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto; e foi co discurshow “Código Alfa” de Vicente Mohedano co que se deu fin este pasado sábado ao intenso e variado programa.

Paula Carballeira en Cee
Paula Carballeira en Cee

Ciencia e show

Vicente Mohedano en Cee-Foto-Rafa Quintans Masculinindades
Vicente Mohedano en Cee-Foto-Rafa Quintáns

Precisamente, cómpre afondar na ora do vimiancés, un dos creadores dos Cafés Científicos, promovidos polo Grupo Neurocom da Universidade da Coruña, e recoñecidos como práctica inspiradora en cultura científica polo FECYT polo seu formato orixinal e a súa capacidade para envolver públicos non especializados. Creou, xunto con Xurxo Mariño, o equipo Peripeciencia, experiencia de interacción entre ciencia e artes escénicas, froito do cal nacen os discurshows, espectáculos didácticos cos que se comunica ciencia mesturando charla, teatro e divertimento, pero sen abandonar o rigor científico.

Na terceira edición do programa O Mes da Fundación, no ano 2015, Vicente, xunto con Xurxo Mariño, xa nos presentara outro discurshow titulado “Protón”, no que se falaba da historia do Universo, de como foi desenvolvéndose a materia, os átomos, as estrelas, etc., para ao cabo de 9.000 millóns de anos centrarse na formación do Sol, dos sistema solar, do planeta Terra ou do ser humano.

No do sábado, titulado “Código Alfa. Masculinidade en conflito. Masculinidade en construción” abórdase un tema complexo. Os homes e as mulleres podían entender con facilidade os papeis que debían xogar na colectividade, mais o lento asentamento do feminismo nas nosas sociedades, como elemento democrático incentivador de xustiza e de igualdade entre individuos, é percibido por diversos sectores como unha fonte desestabilizadora que violenta e subverte os consensos tradicionais. A maiores, a normalización da presenza feminina empoderada nos diversos ámbitos da vida, parece ter collido despreparada, e despistada, á masculinidade rampante e confiada.

Con estas necesarias reflexións, o programa agarda ata o outubro que vén.

Máis novas

Comentarios