O Entroido de Cee batíu marcas de participación e retranca
Así de simpáticos estiveron os gañadores do Concurso de Comparsas de Cee 2014. "Abaticando o Vaticano", chegados dende Lires, era "Os Temidos", e cumpliron cas espectativas repartindo risas e retranca por igual. Nun Entroido que bateu marcas de participación, con 9 comparsas, e seguramente de espectación, pois se o día acompañaba, a xente respostou enchendo a carpa da praza do Concello.
Un entroido que serviu para reivindicar a copla, da man de comparsas que xa deixaron grandes bromas en Dumbría, Fisterra ou Muros. Todo un certame perfectamente artellado e presentado por Víctor Castiñeira, que xa vale para todo, e dinamizado pola divertida Charanga Escándalo de Vimianzo.
Repasando o Entroido por postos
Tras disfrutar deste outro vídeo de Edita Cambeiro co resumo de todas as comparsas, os gañadores, con bastante unanimidade, foron os temidos de Lires, "Avanticando o Vaticano", con esa áceda sátira da Igrexa, que metendo asuntos locais por todas partes. Non librou a alcaldesa, non libro Dani Oca e mesmo non libro o propio "Papa", o voceiro do BNG Serxio Domínguez, que "a saber por canto se vendería". Bo exemplo de como a retranca é igual de aguda para todos.
Que se a fábrica de tubos, a casa da Cultura pasando xa por 4 alcaldes ("vai haber que derribala"), que se o campo de golf... Unha marea de proxectos a medias, pero... "onde está Lires?". E ademais de pedir un aplauso pola volta da Autovía, propuxeron novos cargos "políticos": "Zaira de costureira, Oca de barrendeiro limpando cacas de can; Vigo de Policía Municipal e Candiño Sacristán".
As seguintes posicións quedaron tremendamente igualadas. Ameixenda Calé levou o 2º premio, pedindo un Presidente (que non alcalde) feo, para a República Independiente de Ameixenda. Chegaron "en pé de guerra", como o demostrou a cabra Soraya deixando un recado no escenario, criticando a políticos (como "Zaloira") e banqueiros por igual. "Todos chupan para si, tirirí". A #OperaciónOrquesta, a Casa da Cultura e o pacto de goberno entre PP e os ex voceiros do BNG tamén foron pasto da retranca.
Sorprendente a actuación da Rueirada de Louro, que gañou o 3º premio pola frescura dos seus bailes, clavados ao filme Mary Popins. Sen copla pero cunha traballadísima posta en escena, os muradáns leváronnos de viaxe por un auténtico musical de "hollywood".
Os Juranchos recolleron, por moi pouco, o 4º premio. Fantásticas tamén as coplas dos veciños de Gures, que afiaron os "gags" contra a monarquía. Aló chegaron coa 4ª Calavera de Colón, a que "verdadeiramente" cegou primeiro ás Américas, pero certos problemas de entendemento entre o rap cubano e a copla galega permitiron botar unhas risas de primeira. Entre a expedición, un Fidel encantado de chegar á "República Comunista de Korea".
Buxantes Calidade volveu demostrar que o traballo que hai detrás da presentación é tremendo. Ademais de maquillaxes case perfectos, o toque medioambiental ao comezar deu paso a unha representación na que a copla, a ritmo do "Viva España", rondou sobre a manida e depauperada "Marca España", coa emigración como drama intrínseco.
A Trubisquiña de Vimianzo, cos seus xogos en "Movendo ficha", levou o 6º premio. I é que a pesar de non ter coplas, o feito de subir con música en directo fixo bastante.
Por detrás quedaron "Tortugas y Peces", que tras vencer no Concurso de Fisterra chegaban con menos coplas e menos adaptadas á vida municipal ceense. Algunha rima xa botaron, como esa que lle dicía á alcaldesa aquelo de "Antes eras de centro, agora falas ghallegho porque Dani te convenció", destacando o amor de Zaira e de Dani Oca polo "sillón".
Quedaron tamén os Liñaio Stars Wars, chegados nada menos que dende Negreira, espectacularmente disfrazados pero sen rimas. E quedaron tamén co premio de consolación os locais "A Sena dos Caníbales", cunha fantástica parodia na que se zampan ao mesmo Rajoy, metido no bote ao lume co seu sorriso impoluto. Banqueiros e políticos protagonizaron as sátiras, preguntándose tamén quen dixo que na Costa iamos vivir do turismo...
Concursos de Carrozas e de Disfraces
O desfile serviu para ver a calidade dos disfraces e sobre todo das Carrozas. E foi a 4ª Calavera de Colón, a carroza dos Juranchos, a que levou o primeiro premio, por diante do "Halcón Milenario" de Liñaio Wars, e das casas "chinchimini" de Mary Poppins e a Rueirada.
E finalmente, no individual, con claridade, o mellor disfraz foi o de Rafael Quintáns e o seu fillo, disfrazados de célula, nun disfraz verdadeiramente didáctico.
Entroidos 2014
- Unha de enterros para o End-troido.
- O minientroido tamén fixo disfrutar aos cativos de toda a bisbarra.
- A copla ten canteira no Entroido de Fisterra.
- Un Entroido olímpico en Muros.
- O Entroido de Dumbría apostou pola risa.
- Todo pode pasar no Entroido de Carballo.
- Desembarco pirata no Entroido de Vimianzo.
- O Entroido comezou polos coles.
Máis novas
- A tradición dos Enterros de Entroidos na Costa da Morte.
- Entroido Cee 2010: As parroquias reivindícanse no Entroido de Cee .
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).