Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Plácido M. Baamil, exemplo de superación e compromiso

Plácido Baamil Sambad
Plácido Baamil Sambad
Plácido M. Baamil, exemplo de superación e compromiso

Plácido Manuel Baamil Sambad, desde neno tivo clara a conciencia de que tiña que loitar para superar as limitacións que supoñía nacer nunha arredada aldea de Galicia, neste caso da Costa da Morte, se quería aspirar a ter unha vida diferente á dos seus pais e avós, ligados a terra coma o resto dos seus ascendentes desde tempos inmemoriais.

Naceu un 27 de novembro de 1943 en Porcar, un pequeno núcleo rural duns 50 habitantes da parroquia de San Estevo de Lires (Cee, A Coruña), de onde era o seu pai.  A súa nai viñera de Nemiña. Iniciouse nos estudos primarios na escola da Pereiriña, onde lle deu clase unha mestra madrileña, que cumpría cos protocolos que impoñía o franquismo como rezar ou cantar o Cara al sol, pero que ensinaba ben ao seu alumnado. Tan só había tres alumnos que asistían regularmente á clase e Plácido estaba entre eles, os demais facíano cando os deixaban na casa. Destes tres, dous, por seren fillos de familia con recursos, puideron continuar estudos no centro Fernando Blanco de Cee, pero a el non lle deron esa posibilidade porque era de familia humilde. Permaneceu dous anos máis na escola primaria, coa finalidade de aprender algo máis e colaborar coa mestra no ensino do alumnado de menor idade, algo habitual naquela época onde na mesma aula había cativos de todas as idades e a mestra precisaba colaboración, e botaba man daqueles discentes máis adiantados. 

Aos 16 anos Plácido decidiu ir para a SICAR, un estaleiro de Cee do empresario Marcelo Castro. Ía en bicicleta desde A Pereiriña, porque a súa aldea estaba incomunicada por estrada. Alí aprendeu o oficio de torneiro.  Aos 18 anos decide emigrar a Suíza, a pesar da oposición dos pais e o enfado do patrón que non quería perder este traballador que xa dominaba ben o oficio, por iso o empresario se negou a entregarlle o certificado da aprendizaxe realizada que lle permitiría traballar nesta especialidade noutra empresa. En Suíza comezou a traballar na hostalaría, ata que o enxeñeiro da empresa ceense, despois de insistirlle ao patrón, este accede a entregarlle a certificación laboral, que lle daría opción a empregarse nun taller e continuar estudos nunha escola técnica. Mentres traballou na hostalaría aproveitou para aprender o francés, tanto de xeito oral, como escrito, neste caso asistindo a clases, idioma que se falaba en Xenebra. 

Alí tomou contacto co movemento sindical, pois a el sempre lle gustou defender os dereitos dos empregados nas empresas nas que traballou e axudar a aqueles compañeiros que tivesen problemas no traballo. El e outros sindicalistas colaboraban co sindicato Comisións Obreiras, cando aínda se movía na clandestinidade. Enviaban axuda económica para os membros desta organización que estaban no cárcere e tamén colaboraban mandando materiais de oficina a través de Francia.

En Suíza coñeceu a Consuelo Cano Sans, unha cordobesa, de pai republicano. Os seus irmáns levárona, aínda sendo nena, para Xenebra. Andando os anos casaría con Plácido e terían dous fillos: José e Raúl, que naceron no país helvético. 

O matrimonio trasladouse á rexión francesa da Alta Saboia, próxima a Xenebra,  por un período de máis dun ano porque en Suíza non había sanidade pública e Consuelo precisaba unha atención médica continuada, e en Francia ofrecíanlle este servizo. Plácido durante este período traballou nunha empresa metálica, onde tomou contacto co sindicato francés da Confederación Xeral de Traballadores, a maior organización sindical francesa que, segundo el, funcionaba moi ben. Todos os días escoitaba a radio para informarse sobre o que acontecía en España naqueles anos nos que aínda non chegara a democracia. Desta estancia no país galo conserva moi bos recordos e valora de xeito moi positivo o funcionamento dos servizos públicos e o aprecio que os franceses mostraban pola cultura.

Cando decidiu volver a Suíza tivo problemas para entrar no país, porque a policía española tiña controlados aos activistas sindicais e políticos. A través dun amigo suízo que o acompañou a falar coa policía suíza, logrou entrar de novo no país helvético. Comezou a traballar na empresa Hispano-Suíza, fundada en Barcelona en 1904, por dous emprendedores cataláns e un enxeñeiro suízo,  que fabricaba motores, vehículos e armamento. Durante a súa estancia nesta industria creouse o primeiro departamento de hixiene e seguridade no traballo que contribuíu a reducir de maneira notable os accidentes laborais, iniciativa  na que el participou.

Tralo peche desta fábrica en Xenebra, traballou en empresas pequenas relacionadas coa metalúrxica ou a reloxería. Por estes anos matriculouse na universidade para maiores de 25 anos e comezou os estudos de socioloxía e historia, pero tivo que abandonalos porque lle resultaba moi difícil compaxinalos co traballo.

Este afán de superación nos estudos e no traballo, Plácido tamén o mostrou na aprendizaxe da música tradicional, una das súas grandes paixóns. Desde neno xa lle levou idea aprender a tocar algún instrumento. O primeiro contacto que tivo con esta disciplina foi a través dun punteiro de gaita que lle regalou o seu padriño e dunha harmónica que lle agasallou un amigo da familia. 

Había un compañeiro seu que tamén lle regalaran este mesmo instrumento e os dous, no descanso do baile, en Lires, tocaban algunhas cancións que aprenderan. Plácido tamén practicaba co punteiro pezas tradicionais que lle escoitaba aos gaiteiros da fábrica de Brens, grupo moi coñecido e que actuaba nas festas da contorna. Ás veces, cando o Pesco de Nemiña tocaba nalgunha festa,  deixáballe a gaita e interpretaba algunha peza que sabía.

As posibilidades de aprender música e avanzar no dominio da gaita eran moi limitadas, pois non había un lugar próximo onde poder ir a clase.  Tamén lle gustaba o saxo. En Suíza mercou un acordeón pequeno, que lle custou 300 francos e practicaba con el a diario. Tocou cun señor suízo-alemán, que ademais tamén lle daba clases, pero o tempo era limitado e as horas do día non chegaban para todo o que el pretendía facer e tivo que elixir entre ir a clases de francés, necesarias para entrar na escola técnica ou continuar coa música e co acordeón. Tivo que deixar a opción que máis lle gustaba, que era a da música, e desfacerse do acordeón. 

Para que aos seus fillos non lles pasase o que lle sucedeu a el, matriculounos no conservatorio, xunto cun  sobriño de Consuelo. El tamén fixo algún curso de música para mellorar os seus coñecementos e axudarlle aos seus rapaces.  

Como a súa afección pola música non cesaba, mercou unha gaita en Suíza e comezou a practicar con ela e recuperar algunhas das pezas que aprendera de rapaz, pero non tocaba en ningún grupo. El movíase mais ben en ambientes suízos e non chegara a contactar co centro galego de Xenebra. Este contacto comezou a raíz de asistir alí a un curso de literatura. No centro había moito interese polo fútbol e o baile, algo que a el non lle espertaba atracción. Intentaran formar un grupo de gaitas pero non chegaran a conseguilo. Alí contactou cun emigrante temporeiro de Pontevedra que tocaba a gaita e comezou a practicar con el, quen o animou a formar un grupo, pero Plácido era consciente do pouco que dominaba o instrumento para impartir clase. A pesar diso tratou de ensinarlle ao alumnado o pouco que sabía con seguridade e moita ilusión e conseguiu formar esa ansiada agrupación, que se denominaría Grupo Folclórico A Nosa Galiza, que actuou por primeira vez en 1982, no 15 aniversario do centro galego de Xenebra, e nun período de seis anos pasaría de 20 a 50 compoñentes entre gaiteiros, percusión e baile. Actuarían en moitas localidades suízas e zonas limítrofes de Francia, e mesmo aquí en Galicia, nas festas de María Pita da Coruña no ano 1987, xunto coas agrupacións Cántigas da Terra e Toxos e Flores. 

1. Grupo A Nosa Galiza 1987
Grupo A Nosa Galiza 1987

O  afán de Plácido por aprender e superarse nesta materia sempre o tivo presente. Asistiu varias veces ao festival de Saint Chartier con compañeiros suízos, que se celebraba no mes de xullo nun pequeno núcleo do centro de Francia, ao pé do histórico castelo que leva ese nome.  

Contactou con Xosé Lois Foxo, que daba clases de gaita en Barcelona, solicitándolle que lle enviara algunha documentación musical, petición que foi cumprida. Logo fará o esforzo de viaxar á cidade condal para asistir a clases deste profesor e a través del coñeceu a Seivane a quen lle encargaría a construción de novas gaitas, pois as que tiñan  non afinaban. 

Cando o grupo folclórico Nosa Galiza se consolidou, Plácido foi un dos impulsores dun Encontro de agrupacións de centros galegos de Suíza na cidade de Lausana, coa intencionalidade de coñecerse, aprender uns dos outros e intercambiar experiencias de formación. Nesta primeira xuntanza viron a necesidade de unificar a interpretación das pezas e mellorar na afinación. A partir desta primeira edición, volveríanse a reunir noutras cidades suízas onde había grupos deste tipo. 

Coa intencionalidade de perfeccionar a calidade musical e de baile, decidiron levar profesores de gaita de Galicia para que desen cursos en Suíza. Unha vez máis, Plácido foi quen tomou a iniciativa e contactou coa coral Cántigas da Terra, concretamente co seu director, Xavier Fonte,  para que fose impartir cursos a aqueles centros galegos que se comprometesen a pagar os gastos desta actividade. Deste xeito déronse clases de gaita, pandeireta, baile e canto. Despois desta primeira iniciativa particular, o goberno da Xunta de Galicia subvencionaría a  profesores para que fosen impartir esta docencia  por distintas agrupacións galegas do país helvético. 

2. Plácido co director de Cántigas Javier Fonte   1986
Plácido co director de Cántigas Javier Fonte 1986

Xunto cun dos seus fillos, que tocaba o teclado, o seu compañeiro Luis Alberte, coa gaita e unha rapaza que tocaba a gaita e o clarinete, Plácido fundou o grupo  Brasas, que actuaría tamén en moitos vilas e cidades suízas.

3. Grupo Brasas en Suíza
Grupo Brasas en Suíza

A inquedanza musical de Plácido tamén o levou ao desexo de aprender a tocar a zanfona. O primeiro contacto con este instrumento produciríase no festival de Saint Chartier. Alí encargoulle unha zanfona a un fabricante suízo que el coñecía. Logo coñeceu un profesor de alemán e latín que tocaba este instrumento, especialista nas cantigas de Santa María, que lle daría clases. Ao volver para Galicia, deixou de tocala, pero cando botou un tempo en Cataluña, na cidade de Reus (Tarragona) pola enfermidade grave que sufriu a súa dona, levou a zanfona. Alí púxose en contacto co centro galego de Tarragona onde impartiría clases e formaría un grupo de gaitas.  Cando foi actuar con este ao Vendrell, coñeceu o grupo de música sacra que había nesta vila e un dos instrumentos que tocaban era a zanfona,  entón animouse a asistir alí a clases e tocar algunhas pezas con eles, foi deste xeito como recuperou o contacto con este instrumento tradicional. 

Cando retornou de novo a Galicia e se instala definitivamente na súa casa de Porcar, intentou contactar con agrupacións ou persoas que tocasen música tradicional. O primeiro grupo co que se relacionou foi co da Charanga de Fisterra,  porque precisaba un gaiteiro para actuar no programa da RTVG, Luar. Era un mércores e o venres tiñan que ir ao programa. Ensaiaron na súa casa as dúas pezas que levaban e foron á actuación e saíulles ben. Unha das cantigas era a de Marina, que a el lle daba certo reparo tocala porque non era tradicional e pensaba que o ían criticar por interpretar este tipo de pezas coa gaita. Esta parte do programa levábaa daquela Mercedes Peón, que os recibiu con atención e aprecio. 

Logo continuaría a actuar durante un tempo con esta charanga fisterrá, coa que  visitaría moitos lugares da contorna, algúns deles para el descoñecidos por levar moitos anos fóra. Cando deixou este grupo seguiu mantendo boas relacións con todos os seus compoñentes. 

Un tempo despois a directiva da Asociación de Veciños da  Pereiriña falou con el para que lle dese clase de gaita e el aceptou a proposta.  Aos poucos anos logrou formar un grupo de bos gaiteiros, que chegarían a conseguir varios premios en distintos concursos. Incluso formaron un grupo folk cunha calidade musical moi digna. Un ano actuaron de teloneiros de Susana Seivana, no festival da praia de Xaviña. A relación con todos estes alumnos foi excelente e aínda hoxe continúa esta amizade, que segundo el, quedaría para toda a vida. 

4. Grupo da AAVV de A Pereiriña
Grupo da AAVV de A Pereiriña

En Lires, a súa parroquia natal, montou a danza de arcos, que se perdera, recuperándoa de persoas maiores que participaran nela había anos. Aínda que tradicionalmente bailaban só homes, el incorporou tamén a mulleres para que houbese unha participación máis de acorde aos tempos actuais.  Na asociación que se creou nesta parroquia impartiu tamén clases de gaita e percusión e logrou sacar adiante  un grupo de gaitas. Plácido impartiría tamén clases destes instrumentos tradicionais noutras asociacións da contorna como en Brens ou no Pindo. 

Aquí en Galicia volveu a constituír un grupo musical co mesmo nome, Brasas, que fundara en Suíza. Estaba formado por Jano de Fisterra; Mario de Lira, que aprendera a tocar cos gaiteiros de Brens, o acordeonista Sebastián de Muxía, algúns dos alumnos da Pereiriña e el, que actuarían en varias localidades da Costa da Morte. 

Ademais de manter esta relación intensa coas asociacións locais, impartindo clases ou colaborando en actuacións, Plácido tamén se relacionou con persoas ou grupos de fóra da Costa da Morte. Ten tocado a zanfona con Miro Casabella, con Óscar Fernández e Antón Santamarina nas rúas de Santiago de Compostela. 

Pola súa intensa actividade na difusión e na defensa da música tradicional galega tanto na súa etapa de emigración suíza, como despois do regreso á súa terra natal, Plácido Baamil, sería un dos persoeiros propostos no ano 2009 para a medalla Fernando Blanco, xunto con outras persoas destacadas da sociedade ceense como o párroco de Lires, Lorenzo Castiñeia Canosa, o médico de Toba, Juan José López Bermúdez, o empresario Marcelo Castro Rial ou o director de Ferroatlántica, Carlos Oliete Fernández, galardón que organizaba o concello de Cee.

A súa casa de Porcar está sempre aberta a calquera que lle vaia facer unha visita ou que queira tocar con el. Para isto construíu ex profeso un local, no que ten todo tipo de instrumentos musicais tradicionais e moitas fotografías a través das que podemos ver a súa traxectoria musical, os grupos ou persoas coas que ten actuado e os numerosos amigos cos que tivo contacto. 

Con esta biografía sobre a figura de Plácido Baamil, quixera unirme a esa merecida homenaxe que un grupo de amigos lle farán  este domingo 13 de agosto ás 12 horas no auditorio Baldomero Cores de Cee, no que a música tradicional, que tanto el aprecia e ama, será a protagonista.  

OUTROS ARTIGOS DE XAN FERNÁNDEZ CARRERA

ARTIGOS DE XAN FDEZ. DA SERIE CAMARIÑAS NO LAMPEXAR DO TEMPO

Comentarios