domingo. 11.05.2025
El tiempo

A Costa da Morte ponse de Carme

A Costa da Morte ponse de Carme

Xa viamos onte que a Costa da Morte é un fervedoiro de festas nesta época de verán, incluídas as de Interes Turístico Nacional. Tamén repasamos como están a prepararse en Pasarela ou Santa Mariña para os vindeiros días. I é que impresionante está a Axenda Costa da Morte para estes días. Este xoves 14 xa comezan as actividades, cun concerto en Corcubión. Pero a fin de semana chega cargada.

Polo de agora atopamos na Costa ata 9 festexos do Carme, que se reparten entre esta fin de semana e a fin de mes. Non se poden perder as tradicionais procesións marítimas.

Festas do Carme de Camariñas

Probablemente as máis singulares da zona, as Festas do Carme de Camariñas, onde a Danza de Arcos, as orquestras e a procesión marítima son as protagonistas.

Na Picota

Completas chegan as Festas do Carme da Picota, Mazaricos. Manolo González sacará o seu acordeón o sábado 16, mentres que para o domingo 17 queda unha noite tremenda co grupo Ciclón e a actuación estelar de Iria Bermúdez, a cantante de Eirón que representa á Costa da Morte no Luar da TVG.

En Corcubión

Son as primeiras as de Corcubión e comezan este xoves 14 a golpe de concerto de Héctor Lera e Dous Calquera. Para o venres 15 haberá sesión vermú coa Metrópolis e xogos na praia de Quenxe pola tarde. A local Nova Palma porá a verbena. O sábado é o día forte coa procesión marítica, baile pola tarde e verbena que rematará cun toque de "zapatilla".

En Zas

Por Zas, este venres 15 inician as festas co día da véspera no que a música a porá unha discoteca móbil. O sábado 16 haberá pasarrúas polas rúas do pobo para comezar o día. Ás 13:00h será o momento dos actos relixiosos con misa solemne. Despois celebrarase unha procesión polo pobo. Os bailes matinais virán da man da orquestra Nueva Generación. Xa para a noite, Nueva Generación estará acompañada do Grupo Alkar.

As festas rematan o domingo 17 con misa ás 13:00h e pasarrúas e posterior concerto a carrego dunha banda de música. Os bailes de misa estarán amenizados por unha agrupación musical, que servirá de teloneira na sesión nocturna da orquestra Panorama.

A semana que vén coñeceremos o que vai ocorrer en Loroño.

En Corme

Non para Corme, unha semana despois da Festa do Percebe do Roncudo máis numerosa dos últimos anos, xa están co Carme. O venres 15 toca verbena coas Canadá e Alcatraz. E o sábado, despois da procesión marítima, sesión vermú coa Oasis e o grupo Futuro.

En Borneiro

Na parroquia cabanesa de Borneiro celebran a tradicional Romaría do Carmen do Briño. Comezan este domingo 17 con misa ás 12:00h na honra a Virxe do Carme. Logo virán os bailes de misa, amenizados por unha orquestra por determinar. Xa pola tardiña será momento para as citas gastronómicas cunha gran churrascada dende as 20:00h. Para a dixestión do churrasco nada mellor que uns bailes na verbena cunha agrupación cun nome que aínda descoñecemos.

O luns 18 comezarán o día ben cedo con pasarrúas e alboradas cunha banda e un grupo de gaitas. Dobre sesión relixiosa con misa ás 12:00h na honra a Santa Mariña e ás 13:00h na honra á Virxe do Carme. Tamén haberá doblete na sesión vermú, cunha banda de música e a orquestra Nevada. E xa pola noite gran verbena coas orquestras Nevada e Marimba.

As festas rematan o martes 19 con pasarrúas e alboradas matinais e misa ás 13:00h na honra a San Antonio. Sesión vermú cun grupo de gaitas e a orquestra Canadá, a que din é a revelación deste ano 2011. Verbena con Canadá e o Grupo D’Moda.

En Barizo

A parroquia malpicana de Barizo tamén honra á Virxe do Carme nestes días. Este venres 15 comezan os festexos cunha gran verbena amenizada polas orquestras Trébol e Principal. O sábado toca misa ás 13:00h na honra á Virxe do Carme. Dos bailes matinais encargarase Costa Azul, que estará acompañada dun DJ na verbena nocturna. E xa o domingo, misa ás 13:00h na honra a San Roque e sesión vermú e verbena cunha orquestra aínda por determinar.

En Caldebarcos e Panchés

Os lugares de Carnota preparan para o xoves 22 e venres 23 unhas boas festas do Carme. Ademais, no marco da festa, na Fontevella, haberá unha exposición do Museo do Mar de Galicia, "Mar ao xeito". O xoves toca sardiñada coa charanga vendaval, e o venres verbena coas Aramio e Ritmo Joven.

En Muxía

Para fin de semana quedan as de Muxía, que se celebrarán o sábado 30 e o domingo 31 de xullo. O sábado tocan Alianza e Ría de Arousa, e o domingo 31, procesión marítima e verbenas con Acordes e Trío PK2.

Máis información festeira

Novas relacionadas

Comentarios