Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Varias Confrarías únense á denuncia contra o desmantelamento silencioso do ISM

  • Os pósitos de Corcubión, Fisterra e Malpica, ademais da CIG, non descartan novas mobilizacións para continuar reclamando os dereitos dos mariñeiros.
Concentracion diante do ISM de Corcubion
Imaxe dunha concentración diante do ISM de Corcubión o ano pasado
Varias Confrarías únense á denuncia contra o desmantelamento silencioso do ISM

O pasado xoves tivo lugar unha reunión na dirección provincial do ISM. Acodiron as confrarías de Corcubión, Fisterra e Malpica, e segundo explican “rematou de forma abrupta polas actitudes de dito organismo”.

As entidades trasladábanlle á dirección as súas queixas ante o desmantelamento silencioso do ISM e o recorte continuo de servizos públicos, pois o centroc corcubionés xa comezou incluso a non atender aos cidadáns e mariñeiros, coa premisa de que debemos evolucionar cara unha xestión telemática das necesidades. “É dicir, debemos aceptar que van a comportarse como as entidades bancarias cos nosos maiores, por reflexar algunha semellanza”, denuncian. “Non todos os cidadáns temos un equipo informático, conexión a internet e escáner”, explican

Tamén se preguntan os pósitos porque os propios funcionarios públicos do ISM, ante as preguntas dos cidadáns para descargar as tan recomendadas aplicacións móbiles e utilizar a sede electrónica, son incapaces de aconsellar, ensinar ou asesorar a un cidadán para realizalos, posto que a resposta máis habitual é que “todo está na sede electrónica” ou “nós non usamos a aplicación”, que sona moi semellante a un “volva vostede mañá”. “É dicir, hai unha atención ao público deficiente e onde se invita ao cidadán a que se busque a vida. Incluso para trámites tan simples e áxiles como inscribirse a cursos, estudos de xubilación, vidas laborais, certificados de prestacións, etc..”, lamentan.

Formación

Pero o punto máis crítico da reunión foi no correspondente a formación, xa que a moitos armadores e patróns, lles caduca o curso sanitario, necesario para poder despachar a embarcación e poder exercer a súa actividade. Renovalo realízase nunha única xornada, pero se caduca ou é a terceira renovación, débese expedir de novo, durando 4 xornadas/días. Existen persoas inscritas dende fai un ano que aínda están esperando a ser chamadas, “o que demostra a ineficacia e lentitude do servizo público e incluso perdendo a renovación, polo que se ven obrigadas a paralizar 4 días a súa actividade económica”.

A maiores, o problema é que non hai cursos suficientes para tanta demanda, tendo coñecemento de que os armadores e patróns, estanse vendo obrigados a acudir a centros privados e pagar case 500€ para poder realizalos. “É dicir, a Administración Pública impón unha normativa que o sector pode entender, pero despois non da as suficientes ferramentas para realizar ditos cursos en tempo e forma. Isto, directamente, non é coidar do mar, nin buscar relevo xeracional, nin facilitar que as empresas e traballadores podan prosperar”. Ademais o ISM non é capaz nin de informar a todas as confrarías de cada curso que organiza, o que sería lóxico para aproveitar cada formación.

Neste punto, o organismo provincial explicou que a empresa que gañou o concurso público para realizar a formación no ISM, non foi capaz de levala a cabo ao non atopar profesorado nin empresas suficientes. Dende as Confrarías, ofrecéronse a facilitar todos os recursos e coñecementos dos que dispoñen, tales como aulas, xestión e organización dos expedientes administrativos, contactos con academias, etc.

Denuncian tamén a política laboral do ISM; que conta en centros como Corcubión ou Muros, apenas 1 enfermeir@ e 1 médico; que ademais, se se poñen de baixa, ou teñen vacacións, non son cubertas pola administración.

Con todo isto, as Confrarías propuxeron demandar melloras neste sentido a quen corresponda, incluso apoiando aos propios traballadores do ISM, vendo que é un problema de recortes de servizos públicos, pero neste punto, a resposta literal do organismo, foi que non podíamos facer nada, nin que constaban queixas de ningún tipo dos usuarios ou que eran mínimas. Deixan ademais a porta aberta a organizarse en mobilizacións.

 

A CIG pide os cursos da Costa

Máis concreta é a CIG, neste punto. A central, unha das máis actividas dende que comezou a política de restrición, vén de reclamarlle á directora provincial do Instituto Social da Mariña que se ofrezan os cursos de formación sanitaria inicial -imprescindíbeis para poder saír ao mar- no centros que o ISM ten nesta comarca.

A responsábel do ISM na provincia da Coruña denegou a posibilidade de facer estes cursos nas aulas das que dispón o organismo nas distintas localidades da Costa da Morte, alegando que estes centros non contan con servizo de vixilancia. A alternativa que ofrece é que os mariñeiros e mariñeiras se trasladen até a dirección provincial ou ás oficinas de Noia, co que isto implica de gasto económico e de perda de días de traballo; ou ben que se faga a través da teleformación. Pero esta modalidade deixaría nunha situación de marxinación dixital a un bo número de traballadores/as que non dispoñen nin dos medios nin dos coñecementos necesarios.

NOVAS SOBRE O ISM

Comentarios