mércores. 07.05.2025
El tiempo

A oposición alza as armas en Coristanco

A oposición alza as armas en Coristanco

Duras notas de prensa as que envían os grupos do BNG e TeGa de Coristanco esta fin de semana. Se o BNG realiza unha denuncia medioambiental por unha suposta xestión irregular dos lodos da depuradora municipal, TeGa envíalle unha carta aberta ao alcalde, o popular Antonio Pensado como resposta á “sorprendente citación que nos fixeron sobre o expediente á secretaria deste concello”.

Denuncia medioambiental

O BNG quere denunciar a súa “máis absoluta repulsa á xestión medioambiental realizada dende o Concello de Coristanco”, despois de comprobar que “o SEPRONA constata que os lodos das depuradoras se verqueron directamente ao terreo, sen tratamento previo, e por parte dunha empresa non autorizada”. Por pide “as debidas explicacións e as dimisións que sexan procedentes”.

O informe do SEPRONA denuncia que un tractor “mediante una cisterna agrícola se encontraba aspirando el contenido de una fosa decantadora” e que despois de levar os lodos a unha parcela particular “se aprecia como el vehículo agrícola procede al vaciado directo de su contenido en un solo punto”.
A patrulla do SEPRONA entrevistou ao responsábel do tractor, quen manifestou que “lleva efectuando el vaciado de las diferentes estaciones existentes en el término municipal con la anuncia de las autoridades locales” e que “los trabajos de vaciado obedecen a órdenes expresas emitidas por personal y autoridades municipales”.

O informe do SEPRONA sinala que a persoa acusada dos verquidos traballa para o Concello de Coristanco realizando tarefas de desbroces e que, sen ter autorización para o tratamento de residuos, realizou sen embargo estes traballos en reiteradas ocasións, presentando ás forzas de seguridade até 9 facturas por este concepto correspondentes ao ano 2013.

Carta aberta de Tega: “Concello de Coristanco: matar á mensaxeira?”

Antigamente, os déspotas, facían executar aos mensaxeiros que lles traían malas novas. Era un xeito cómodo e rápido de desviar as súas responsabilidades ante un desastre. …e tamén era un xeito de avisar aos seguintes mensaxeiros. Culpando ao mensaxeiro disimulaban estes déspotas a súa ineptitude e incompetencia.

Lamentablemente, e ante os últimos acontecementos que están a suceder, parece que no Concello de Coristanco esta práctica aínda segue vixente, a pesar de atoparnos no ano 2014.
Para aclarar definitivamente esta situación, desde TeGa esixímoslle ao sr. Alcalde as oportunas explicacións sobre o expediente administrativo aberto pola Xunta á secretaria deste concello.

Temos razóns de peso para estar seriamente preocupados por este tema:

Primeira. O alcalde non nos consultou en ningún momento aos membros da oposición se tíñamos algún problema causado polo funcionamento da secretaría do concello. Entendemos que antes de recurrir a unha medida tan grave como a apertura dun expediente a un funcionario é preciso informarse en condicións e consultar a tódolos posibles afectados polo seu traballo. Por qué neste caso non se fixo?
caso de que o sr. alcalde tivera a delicadeza de preguntarnos, teríamos que responderlle que apreciamos unha diferenza significativa entre o desempeño das funcións da actual secretaria e o doutros secretarios/as anteriores, que quizais sexa o que lle molesta: que non só cumpriu coas súas funcións senón que ademais puxo en coñecemento da Fiscalía o que estaba a pasar no Concello de Coristanco e que baixo o seu criterio podían comportar feitos que debían ser coñecidos polos órganos competentes para investigar posibles delitos. De feito, tampouco temos escoitado doutros traballadores do concello comentarios queixándose ao respecto, nin dos cidadáns, senón todo contrario. Será por isto que a nosa opinión non interesaba, porque a funcionaria podería utilizala na súa defensa?

- Segunda. O alcalde non nos informou en ningún momento nin da apertura do expediente nin da súa evolución. Entendemos que un asunto que afecta tan directamente ao funcionamento do concello esixe que tódolos membros da corporación estén puntualmente informados. Neste momento nin sequera coñecemos a razón ou razóns polas que se lle abre un expediente administrativo á secretaria deste concello, máis que as preguntas ás que fomos sometidos con perplexidade o pasado 16 de outubro polas persoas que están encargadas de levar a cabo a instrución do expediente disciplinario á funcionaria, a secretaria de Teo e a secretaria de Ames. Por qué tanto secretismo e desinformación?

- Terceira. Xa que o trámite que se daba ao expediente o pasado xoves era o da práctica da proba, non deixa de chamarnos a atención que este expediente se poña en marcha tempo despois de que a secretaria, casualmente, no exercicio das súas funcións, en 2013 puxese en coñecemento da Fiscalía Superior de Galicia presuntas irregularidades na xestión municipal, que derivaron nunha actuación xudicial con 9 concelleiros imputados. Estase a mata-la mensaxeira? É a secretaria un estorbo para o grupo de goberno e as súas “prácticas” das que se fan eco os Xulgados e hai que busca-lo xeito de desacreditala e apartala do concello á vez que se crea unha cortina de fume?

- Cuarta. Tendo en conta que a apertura do expediente é tamén, casualmente, posterior á denuncia penal presentada pola funcionaria contra o alcalde por acoso laboral, no caso de que finalmente se demostrase a práctica do acoso laboral, o expediente aberto contra ela case podería considerarse como outro medio de acoso máis e unha actitude revanchista do Alcalde e o seu equipo. Non nos podemos imaxinar á Administración autonómica como cómplice no acoso laboral a un funcionario. Transmitiuse á Administración información sesgada e manipulada para provocar a súa intervención e convertila, inadvertidamente, nun colaborador estratéxico na presión psicolóxica a unha funcionaria?

Quinta. Polas anteriores razóns expostas non podemos evitar pensar que, posiblemente, a secretaria do concello, no desempeño das súas funcións se teña convertido nunha persoa enormemente incómoda para o grupo de goberno e que se pretende desacreditala e apartala do seu posto, á vez que se desvía a atención sobre os verdadeiros e gravísimos problemas que afectan á xestión municipal. En TeGa non estamos dispostos a permitir que ningún traballador do concello, no correcto exercizo das súas funcións, se vexa afectado como víctima, e moito menos como obxectivo, de escuras e reviradas maniobras políticas, polo que estamos dispostos a chegar ao fondo do asunto e tomar tódalas medidas oportunas para impedir que este tipo de situacións se produzan no noso concello.

Por estas razóns, esiximos ao sr. Alcalde que dea inmediatamente as oportunas explicacións que aclaren definitivamente este tema, que afecta tamén aos veciños. Tamén queremos destacar que esperamos que esas explicacións sexan acompañadas da inmediata dimisión do sr. Alcalde pola súa imputación, xunto con outros 8 edís, por prevaricación, tráfico de influencias, malversación de fondos públicos e fraude.

  • Carta de Amancio Lavandeira (TeGa Coristanco).

Novas de Coristanco

Fonte

  • TEGA e BNG.
  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios