Arquivos do común: Memorias cara un territorio por vir

“na amnesia dos vivos
perdura o sal de labios
tolleitos
ollares de esguello e roupas de gato
naquel sitio alcumado
lugar”
(tirado de “Rostro”, de Serxio Iglesias)
Se a Historia a escreben os vencedores, contar outras historias é un acto ético e político que pasa pola invitación a fala e pola escoita das outras voces, silenciadas, condenadas a unha amnesia forzada por non atopar un lugar para o dicir. Sen arquivo non hai historia; e o arquivo é sempre froito dunha decisión que se ergue como soberana. Poderíamos dar lugar a outros arquivos, logo a outras historias, nas marxes desa imposición violenta que é o relato dos que coidaron vencer? Haberían de ser arquivos vivos e arquivos que afirmen a vida e o seu coidado, precisamente aquilo que uníu -más alá de todas as diferenzas, diferendos e conflitos- á xente que se confrontou a marea negra tras o afundimento do Prestige.
Inventar eses arquivos cara ao futuro é o que fixeron entre todas as asistentes a “1ª asemblea da memoria”, ao coidado de María Bella, o pasado 26 de Agosto no Museo Man de Camelle. A asemblea abría a exposición Un “Nunca Máis” contado polas fillas de Manfred e forma parte do proxecto “Unha Gran Burla Negra: creatividade popular e memoria do Prestige 2002-2019”. Coa ficción curatorial das “fillas de Manfred”, María Bella fía un relato que establece outras filiacións e herdanzas que permiten conectar ese máis que exemplo de empoderamento colectivo que foi a resposta da xente na Costa fronte ao Prestige con outros territorios, tempos e arranxos que teñen en común a garda do territorio e o coidado da vida. Á fin desa filiación inventada era -segundo conta María Bella- imaxinar futuros en común para a Costa da Morte e dende ela. A exposición recolle diversos materiais de arquivo, como fotografías ou cartaces, que forman parte do arquivo do Prestige e que foron cedidos polas protagonistas desta historia, enriquecendo co seu xesto a nosa memoria colectiva.
Na Grecia clásica, segundo algúns relatos, a asemblea era o lugar onde se daba a ver e se facía ser, onde a palabra como acción tiña o seu lugar abrindo futuros e re-unindo a colectividade. A asemblea era o “lugar da política” e a “política como lugar”. De aí a importancia de que na 1ª asemblea da memoria se cuestionara e expresara un malestar cara a iso que denominamos “política”. Ante a pregunta de que cambiou tras o Prestige ou dos efectos no noso presente da potencia despregada nas mobilizacións, as respostas, diversas e enunciadas dende una pluralidade de lugares, non foron auto-compracentes, nin conciliadoras. O malestar ante a “política dos que mandan” pasou dende buscar outros nomes para o que se está a facer a afirmar outra política, a da xente, porque “as que estabamos a facer política éramos nós”. Sen deixarse levar polo entusiasmo do momento, pero sen esquecer a forza da soliderariedade e dende o agradecemento, subliñouse que queda moito por facer para poder ter esperanza cara ao futuro, un futuro que non será posíbel sen a educación e a responsabilidade de cada un e cada unha de nós. A imaxe dos vagalumes, unha das imaxes recollidas na exposición pola curadora María Bella, deu figura a esa arela.
Da asemblea clásica gardouse en Camelle a importancia da palabra para coidar futuros e a esixencia da polifonía fronte a voz en off do relato hexemónico. Calquera historia é singular e plural, non hai historia única que poida presentarse como “dicir verdadeiro”. Pero, sobre todo, o máis subliñábel foi o desexo de escoitar. A escoita é o que dá lugar á posibilidade de dicir o que aínda queda por ser dito. Nese senso é moito o que queda por contar e por contarnos desa memoria viva. Moitas voces arelantes de relatar outras historias capaces de interrumpir o relato dominante: un traballo da memoria cara ao por vir.
A exposición “Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred” pode visitarse até o 29 de Setembro. Nestes meses celebrarase a “2ª Asemblea da Memoria” para recordar entre todas a figura de Man.
Novas relacionadas
- O Museo de Man recuperou a historia do Prestige.
- Contando “o meu Prestige”.
- Refrescando a memoria do Prestige.
NOVAS DO PRESTIGE
- 2018: A traxedia do Prestige, dezaseis anos despois.
- 2017: Que pensan os grupos políticos quince anos despois do accidente?
- 2017: “É mellor pensar que foi unha película que se rodou aquí”
- 2017: Medallas para os máis de 5.400 voluntarios do Prestige en Camariñas.
- 2017: O “Tesouro” do Banco de Galicia Cemiterio do Prestige
- 2016: Prestige, 14 anos sen imaxinación.
- 2015: #13anosdoPrestige….
- 2015: Un Museo para as libretas de Man.
OS VOLUNTARIOS QUE CAMBIARON A COSTA
SEGUEMENTO DO XUÍZO DO PRESTIGE
- Novembro 17: Máis de 1.600 millóns de indemnización para o Estado polo afundimento do Prestige.
- Novembro 13: Nunca Máis, e a Xunta, recurrirán a sentenza do Prestige
- E ti que dis sobre a sentenza do Prestige?.
- 18-11-13: A Costa da Morte tamén á rúa e berra Nunca Máis.
- 14-11-13: Primeiras reaccións indignadas e resignadas sobre a sentenza do Prestige.
- 13-11-13: Nin un só culpable pola catástrofe do Prestige.