Luns. 01.06.2020
El tiempo

O Comité demanda o ERTE de XEAL por consideralo “fraudulento”

Imaxe dunha asemblea de Traballadores de Ferroatlantica convocada pola CIG-Foto-Rafa Quintans
Imaxe dunha asemblea de Traballadores de Ferroatlantica convocada pola CIG-Foto-Rafa Quintans
O Comité demanda o ERTE de XEAL por consideralo “fraudulento”
Xa avisaba hai 20 días o Comité de Empresa de que consideraba o ERTE presentado pola dirección “fraudulento”. Esta semana deu un paso máis a representación dos traballadores presentando demanda de conflito colectivo contra o Expediente de Suspensión de Contratos e Reducións de xornada aplicado por XEAL (Ferroatlántica) para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas.

O Comité entende que “as causas alegadas son inexistentes e fraudulentas”, e que “a empresa estase aproveitando da emerxencia sanitaria derivada da Covid19 para avanzar no plan de cese de actividade dos fornos e no desmantelamento das fábricas posto en marcha a principios de ano; e ao tempo aforrar cartos a conta da pandemia”.

Denuncian que “o sistema rotativo de quendas proposto durante a regulación é o mesmo que xa se estaba realizando”, e a única diferencia é que os custos laborais sen prestacións de servizo pasan a financiarse polo estado.

O Comité lembra que “a dirección non quixo entrar a negociar nin valorou en ningún momento as alternativas propostas pola representación social”, e mesmo chega a “amosar mala fe durante todo o período de consultas, pois ocultou información, non achegou toda a documentación que lle requirimos, e incluso se negou a recoller nas actas as consideracións e achegas feitas polo comité”.

Mentres, a empresa non vai rebaixar no ERTE ata o 3 de xullo, nin parece que vaia a retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades. Así mesmo, o Comité lamenta a “inacción da Xunta”.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

comentarios