mércores. 30.04.2025
El tiempo

"Hai escolares que teñen permiso de Inspección para chegar tarde pola falta de horarios adaptados do transporte"

tarxeta bus galicia
"Hai escolares que teñen permiso de Inspección para chegar tarde pola falta de horarios adaptados do transporte"

Falabamos hai pouco dos problemas co transporte colectivo dos estudantes de Malpica para acodir ao Instituto de Ponteceso. E comprobamos que os problemas tamén se dan para a rapazada de Laxe, Cabana ou Corme... Porque ademais dos 60€ que lle custa ás familias o tranporte, a gran problemática é os horarios. 

Pasa en Bergantiños, pero tamén pasa polo sur da comarca, como xa denunciamos en innumerables ocasións o curso pasado dende a trampa da fusión do transporte integrado.

Así o denuncia a Federación de ANPAS Costa da Morte, que vén de trasladadarlles ao BNG os problemas que preocupan aos pais e nais do alumnado relacionados co transporte escolar, como que seguen sen adaptarse os horarios dos autobuses cos das aulas de ensinanza post-obrigatoria nos centros IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco, de Cee, e IES Terra de Soneira (Vimianzo).
Deste xeito, hai escolares de Fisterra que teñen permiso da Inspección de Educación para chegar tarde e saír antes das aulas, debido a esa falta de transporte con horarios adaptados aos do instituto. Unha autorización oficial que tamén afecta aos estudantes que se desprazan de Mazaricos ou Carnota ata Cee.

As ANPAS tamén inciden en que hai liñas de autobuses con máis demanda que oferta, como ocorre cos autobuses que saen de Fisterra, onde se mesturan alumnos e alumnas con outros colectivos con tarxeta gratuíta e con peregrinos que volven a Compostela.
O deputado do BNG Oscar Insua manifestou que “non é normal que os estudantes teñan que adaptarse aos horarios das liñas de transporte e perdan horas de clase, é irracional; Educación e Mobilidade teñen que poñerse de acordo e darlle prioridade aos alumnos, e esperamos que coa nosa iniciativa o PP solucione os problemas de seguridade e compatibilidade horaria”.

Con todo isto, o BNG vai solicitar ao goberno galego que "modifique a normativa para evitar que os escolares e outros usuarios vaian de pé en autobuses que non están adaptados para iso e rematar coa preocupación que teñen a diario os pais e nais da comarca".

Máis novas

Comentarios