Nova xornada de protestas das traballadoras esquecidas polo Consorcio de Igualdade e Benestar
As traballadoras das residencias e centros de día dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar volveron realizar no día de onte unha xornada de folga e de protestas. A Sección Sindical valoraba como un “grande éxito o seguimento da folga”, así como a alta participación nas mobilizacións. De todas partes de Galicia se achegaron ata as portas das oficinas do Consorcio en Compostela, e dende aí organizaron unha caravana de coches ata San Caetano onde protagonizaron unha nova concentración diante das portas da Xunta.
Mentres un abundante grupo de traballadoras berraban fronte a xunta consignas como "Non ao ERE de mulleres", "Folga silenciada, noticia vetada" ou "As que estamos quedamos", un grupo de 10 entraron no edificio para tratar de falar con alguén que desbloquee esta inxusta situación que están a vivir.
Conseguiron falar cun representante de CC.OO., que as emprazou a reunirse co Coordinador autonómico. A piques estiveron de facelo co Director Xeral de Función Pública, que tras permanecer pechado no seu despacho durante un anaco longo saíu ás agochadas ao tempo que a súa secretaria trataba de manter lonxe á representación das traballadoras, para desaparecer o máis rápido que puido.
Por último a representación das folguistas dentro da Xunta tratan de falar co Presidente Rueda, co que se atoparon fronte a sala de prensa. “O Sr. Rueda acelerou o paso para entrar á rolda mentres un grupo de axentes da Policía Nacional ameazaba ás traballadoras con denuncialas por quebrantamento da propiedade. Xa identificadas foron testeemuñas de como o Sr Presidente abandonaba a rolda pola porta de atrás para non falarlles”, lamentan dende a CNT.
A Policía Nacional acompañou ás compañeiras fora das instalacións, onde as recibiron entre palmas e berros todo o resto das traballadoras que continuaban fora agardando ás respostas de todos estes representantes públicos que non queren falar.
En calquera caso, tras dous anos de loita, as traballadoras continúan pelexando pola legalización e estabilización dos seus postos de traballo.
NOVAS RELACIONADAS
- Xuño 22: As traballadoras do Consorcio continúan a loita polas súas prazas cunha nova folga.
- Marzo 22: As traballadoras da residencia DomusVi de Carballo mobilízanse para reclamar un convenio digno.
- Setembro 21: As traballadoras do Consorcio desconvocan a folga tras conseguir abrir unha negociación de boa fe.
- 30-07-2021: As traballadoras do Consorcio volverán á folga en setembro se non se paraliza a OPE.
- Xuño 21: O TSXG emite unha sentenza sinalando que a Xunta incorre en fraude cos interinos de longa duración.
- 11-05-21: O Consorcio IeB segue sen negociar a pesar das sentenzas que determinan a fixeza de moitas traballadoras.
- 13-04-21: As traballadoras do Consorcio levan as súas demandas laborais ao Parlamento Galego noutra xornada de folga.
- 18-03-2021: As traballadoras do Consorcio endurecen a folga e refrendan o apoio da veciñanza.
- 04-03-2021: As traballadoras do Consorcio endurecen a folga.
- 25-02-2021: Usuari@s dos Centros de Día e as Escolas Infantís amosan o seu apoio á folga das traballadoras.
- 19-02-2021: As traballadoras temporais do Consorcio valoran moi positivamente a folga a pesar dos servizos mínimos abusivos.
- Ducias de profesionais dos Centros de Día e Escoliñas da comarca póñense en folga.