Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Piden ás comunidades escolares usar o Concurso de Curtas Senda Litoral para denunciar a connivencia da Xunta coas Eólicas

  • A Plataforma Bergantiñá pola defensa da Terra considera un “lavado de cara” o patrocinio de EDP dun concurso escolar de Curtas
  • Petón do Lobo pide directamente a retirada do certame.
candelago baixo eolicos
Imaxe da aldea de Candelago baixo os eólicos do P.E. do Roncudo
Piden ás comunidades escolares usar o Concurso de Curtas Senda Litoral para denunciar a connivencia da Xunta coas Eólicas

A plataforma bergantiñá pola defensa da Terra quedou abraiada cando liu as bases do novo Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia. Un concurso de curtas, destinado ao alumnado de ESO, Bacharelato, FP e ciclos formativos anunciado pola Xunta, para o que a Xunta conta co apoio do Festival de Cans, e de EDP, e ampresa que desenvolve unha serie de parques eólicos na contorna, entre eles a polémica repotenciación do P.E. do Roncudo.

Xa A Plataforma en Defensa do Monte das Salgueiras denunciaba a connivencia do alcalde de Ponteceso con esta mesma empresa a semana pasada, e hoxe a plataforma bergantiñá pola defensa da Terra considera o patrocinio “un lavado de cara dun negocio especulativo”.

A entidade lembra que o Concurso ten como obxectivo “poñer en valor, promover e fomentar o coñecemento do patrimonio, a paisaxe, a natureza, as lendas, a gastronomía ou calquera outro activo do territorio”.
“EDPR, responsable da repotenciación do parque eólico de Corme nun proceso declarado ilegal polo tribunal superior de xustiza, promovendo a paisaxe e a natureza?”, pregúntanse.
“EDPR, a mesma que en 2020 solicitaba os montes de Vimianzo e Laxe para ubicar ata tres parques eólicos na paisaxe protexida dos Penedos?
”EDPR, a que ten aprobados 6 aeroxeradores de 119 metros (estación eólica das Salgueiras), coa gravísima afectación que vai supór para o estuario do Anllóns, en Ponteceso?”.
”EDPR, a promotora de tres estacións eólicas nas parroquias de Corcoesto, Silvarredonda (Alto do Torreiro con 5 aeroxeradores), Cereo e Valenza (Bustelo-Baralláns, 6 aeroxeradores) e Cundíns (Monte Agrelo-Muriño, 9 aeroxeradores), algunha vez pensou nos efectos que van ter en Cabana de Bergantiños e Coristanco a suma de todos estes viróns?”
”Que ten que ver EDPR coa Axencia de Turismo de Galicia e a Fundación Galicia Sustentable? Que fomento fai da nosa paisaxe e natureza?”

Desde a plataforma, que tamén inclúe membros da comunidade educativa, denuncian “esta manobra de lavado de cara, o que tamén se coñece como greenwashing, por parte de EDPR, que pretende presentarse como garante do patrimonio cando ten por obxectivo o seu propio enriquecemento a costa dos danos causados (ou que se están por perpetrar) nas comunidades humanas e animais que vivimos ao longo desta “Senda Litoral” galega”.

Por esta razón, animan “a comunidade educativa a facer uso da súa voz e de presentar curtas a este certame para dar a coñecer esta problemática, como protesta ante estas prácticas hipócritas que tratan de branquear o espolio por parte de empresas coa venia da Administración”.

Petón do Lobo pide a retirada

Na mesma liña, pero máis contundente é a Asociación Petón do Lobo que pide a retirada do Certame e ofrece mesmo modelos de queixas para presentar no rexistro da Xunta.

Novas relacionadas

Comentarios