A Carballeira de Zas será esta fin de semana o epicentro da música celta
A 39º edición da Carballeira de Zas está a piques de comezar, con dúas xornadas, a do venres 9 e sábado 10 de agosto, de música, gastronomía e tradición, para que veciños e amantes da música folk e galega gocen dunha xornada agradable e única para todos os públicos.
Esta festa é unha manifestación da identidade colectiva galega, e así o demostra nas diversas actividades e actuacións que se desenvolven eses días: grupos de baile, pandereteiras, gaitas, entre outros.
Como cada ano, Zas encherase de folk e diversión con artistas galegos, como Javi Maneiro, e Amparanoia, que comezarán o venres pola noite.
O sábado, a partir das 12:00 horas, o escenario encherase de talento galego para ofrecer un ambiente relaxado con actuacións en directo de artistas como Guadi Galego e Fanfarria Taquicardia. Pola tarde, unha Gran Foliada encherá de música todos os recunchos, seguida do grupo De Ninghures.
Chegada a noite, a partir das 22:00 horas, é o momento dos concertos de música folk actual, situados na propia Carballeira, onde veremos sobre o escenario: Os Do Fondo Da Barra, The O'Reillys and the Paddyhats, Mondra e Storrentos.
Gastronomía galega e artesanía local
Ademais da oferta musical, o festival conta cunha exquisita gastronomía local. O sábado, dende ben cedo, ofrecerase de balde a tradicional mexillonada, así como polbo, pementos de Padrón ou churrasco.
Os asistentes tamén poderán explorar un espazo dedicado á artesanía, onde atoparán produtos artesanais únicos feitos a man.
Un festival para os máis pequenos
Sen dúbida, A Carballeira de Zas é un evento familiar por excelencia, onde persoas de todas as idades poden divertirse e participar da festa da cultura galega.
A mesma tarde do sábado, na sesión vermú, e pensando nos máis pequenos que tamén queiran vir a gozar da festa, contaremos coas actuacións de grupos de música infantís, como a Gramola Gominola, diferentes actividades para mantelos entretidos, un espazo con animación e inchables dos que poderán desfrutar durante toda a tarde do sábado