Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A xente moza da Costa da Morte involúcrase co mantemento do folclore tradicional galego

Processed with VSCO with b1 preset
O número de persoas interesadas nas actividades relacionadas coa música tradicional increméntase ano tras ano. Antía Sacedón.
A xente moza da Costa da Morte involúcrase co mantemento do folclore tradicional galego

A Real Academia Galega define o folclore como o conxunto de tradicións, costumes ou manifestacións artísticas dun pobo. Sen dúbida, a cultura é a nosa tradición viva e operante. Analizaremos a situación actual do folclore tradicional galego na Costa da Morte a través das historias de Helena Ameijeiras, Fran Gavín e Cristina Canosa, tres mozos da contorna que dende a súa infancia estiveron relacionados directamente co mundo do tradicional.

O pobo galego empregaba a música tradicional en ocasións moi diversas e por diferentes motivos. Dende expresar as súas inquedanzas ata transmitir normas sociais, sen esquecer tamén os festexos ou os acontecementos vitais. A cultura galega ou folclore está determinada pola nosa terra coas nosas circunstancias xeofísicas, pola idiosincrasia das xentes, pola estrutura económica social e pola nosa mitoloxía.

Os cantos galegos antigos empregaban unha reducida variedade de escalas. Unha mesma melodía podía varias de entoación, ritmo ou ton dependendo da área xeográfica do intérprete. O cancioneiro galego, como todos os cancioneiros populares, é un cancioneiro de tradición oral. En Galicia, a primeira  que promove e dá a coñecer a cultura popular galega ou folclore é a escritora galega Emilia Pardo Bazán, escribindo un gran número de artigos sobre dita disciplina. Non se comeza a recoller, recopilar e catalogar ata a segunda metade do século XIX, coa aparición do Cancionero Popular Gallego de José Pérez Ballesteros.

O MANTEMENTO XERACIÓN TRAS XERACIÓN

clase helena
Helena Ameijeiras e as súas alumnas durante unha clase de pandeireta en Baíñas. Antía Sacedón. 

Helena Ameijeiras, nada en Camelle no ano 2003, leva relacionada coa cultura popular galega dende os tres anos. Os seus pais decidiron apuntala a gaita e a pandeireta por petición dela mesma e dende ese momento sempre estivo ligada ao tradicional. “Cando me ía facendo maior íame gustando cada vez máis este mundo e empecei a mostrar interese polo feito de cantar coas pandeiretas”, explica. Tanto foi así que hoxe en día é mestra de pandeireta en diferentes parroquias de Vimianzo a través das clases ofertadas polo concello. A pesar da súa corta idade iso non é un impedimento para ela. Na fin de semana ensina a rapaces e rapazas de entre catro e catorce anos e a adultos de ata os setenta.

“Cando me ía facendo maior íame gustando cada vez máis este mundo e empecei a mostrar interese polo feito de cantar coas pandeiretas” – Helena Ameijeiras

As súas alumnas máis maiores ven como algo moi positivo que Helena sexa unha rapaza tan nova. “É moi bonito que unha rapaza moza nos ensine a nós todo o que aprendeu. Entendemos como tradición que os maiores lle ensinemos aos mozos pero nós tamén temos moito que aprender deles”, afirma unha das súas alumnas de Baíñas.

hele
Helena Ameijeiras leva relacionada coa cultura popular galega dende os tres anos. Antía Sacedón.

A maiores da súa faceta de mestra, Helena toca no grupo de gaitas de Camariñas Con toda en banda. “É parte da miña vida, algo que leva comigo case dende que teño uso de razón. É algo co que desfruto moitísimo e que non me costa nada facer”, afirma. Para ela, un dos puntos máis fortes actualmente é que o abanico musical tradicional galego é moi amplo, dende xente que transmite a música de sempre, o que se entende como música tradicional, ata novos artistas que mesturan eses sons con outros novos, sempre mantendo a esencia. “É inevitable que todo tenda a evolucionar co tempo. Resulta bonito que algo que posúe a alma dun determinado lugar permaneza no tempo pero tamén saiba evolucionar sen perder esa esencia”, reflexiona Helena.

“Resulta bonito que algo que posúe a alma dun determinado lugar permaneza no tempo pero tamén saiba evolucionar sen perder esa esencia” – Helena Ameijeiras

nenas
A día de hoxe hai un gran número de nenas e nenos interesados na música tradicional galega. Antía Sacedón.

OS DIFERENTES CONTEXTOS DE DESFRUTE

Cristina Canosa, nada en Cee no ano 1996, leva 23 anos pegada á cultura galega tradicional. A través do baile síntese realizada, motivada e chea de felicidade. Se tivese que pensar nun momento de felicidade plena, imaxinaríase a ela mesma bailando nunha foliada. “A foliada é o contexto que máis desfruto no baile, é felicidade pura. Significa conexión comigo mesma e co resto”, explica Cristina. A súa andadura empezou no grupo de baile galego tradicional Terra de Sena, en Cee. Co paso do tempo, comezou a bailar tamén a nivel profesional e actualmente forma parte das compañías de danza Fran Sieira e Oscar Cobos.

“A foliada é o contexto que máis desfruto no baile, é felicidade pura”- Cristina Canosa

cristina canosa
Cristina Canosa leva 23 anos pegada á cultura galega tradicional. Antía Sacedón.

No relativo á situación actual do folclore tradicional, Cristina considera que se atopa nun bo momento. A pesar de ser aínda moza, ao levar tantos anos apegada á cultura cre que xa foi testemuña dunha gran evolución. “Antes Santiago era dos poucos sitios nos que se podía atopar oferta de foliadas. Agora na nosa zona hai moitísimas. Darlle á xente a posibilidade de conectar con isto para desfrutalo como ocio esperta moito máis interese”, puntualiza. A pesares da innegable evolución, opina que aínda hai cuestións de xénero nas que se ten que reflexionar para poder avanzar. “Para min a esencia do baile non é unha diferenciación binaria entre homes e mulleres. A esencia do baile é que é un código co que a comunidade convive, se expresa e se comunica, máis alá do xénero. Entón creo que aí ás veces somos un pouco antigos. Temos un pouco de reticencia a darlle voltas a ese tema”, relexiona.

Para min a esencia do baile non é unha diferenciación binaria entre homes e mulleres. A esencia do baile é que é un código co que a comunidade convive, se expresa e se comunica, máis alá do xénero” – Cristina Canosa

cris canosa
A foliada é o contexto que Cristina máis desfruta no baile. Cedida. 

A IMPORTANCIA DO TRABALLO DAS ASOCIACIÓNS

Fran Gavín (Berna, 1998) é o presidente da Asociación Cultural Adro de Baio dende o ano 2019.  Leva formando parte de dita Asociación dende os seis anos e aos seus 17 xa se atopaba na vicepresidencia. Actualmente en Adro impártense clases de baile, de gaita, de acordeón, de pandeireta e de percusión; divididas en aproximadamente nove grupos, cuns 120 rapaces en total. “A xente estase mantendo. De feito estamos en progresión ascendente. Agora mesmo apúntase máis xente”, puntualiza Fran.

fran
Fran Gavín é presidente da Asociación Cultural Adro de Baio dende o ano 2019. Cedida.

Como presidente da Asociación considera que dende Adro contribúen ao mantemento da cultura galega tradicional coa realización de actividades, a organización de foliadas e os encontros infantís e adultos. “Creo que nunca houbo tantas foliadas como agora. Estannos invitando a moitas e nós tamén as facemos. Creo que é algo moi bo para as asociacións da volta para poder relacionarnos, coñecernos, expresarnos e darnos a coñecer”, comenta Fran.

“Creo que é algo moi bo para as asociacións da volta para poder relacionarnos, coñecernos, expresarnos e darnos a coñecer”- Fran Gavín

En vistas do futuro, Fran imaxínao con moito optimismo e considera que a situación vai seguir mellorando pouco a pouco. “Cada vez haberá máis xente interesada tanto en anotarse nas actividades como en ir a diferentes actuacións e foliadas para pasalo ben e renderlle unha homenaxe á nosa cultura”, finaliza.

adro
Fotografía dalgúns membros da Asociación Cultural Adro. Cedida.

É un verdadeiro gusto que as xeracións mozas da Costa da Morte loiten pola permanencia do noso. A transmisión xeracional é clave para poder falar de futuro. Non hai que esquecer que a tradición popular fala de nós e da nosa nación, sendo un dos máis grande selos de identidade de Galicia.

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios