Dous títulos e un subcampionato para o Manuela Rial nos Comarcais de Volei

Rematou este domingo a Fase Intercomarcal de Voleibol en categorías Alevín e Benxamín, disputadas en Noia. E alí estiveron os nosos representantes, os equipos do Colexio Manuela Rial Mouzo e voltaron nada menos que con dous Campionatos e un subcampionato.

Os Benxamíns, campións

En categoría benxamín mixto, quedaron campións ganando os vinte encontros que disputaron por diante de Boiro (segundo) e Rianxo (terceiro). Este equipo pese os excelentes resultados obtidos ata o momento está formado por nenos e nenas moi novos que para o ano que ve aínda repiten categoría.

Os Alevíns, campións

En alevíns mixto a clasificación estivo moi reñida e despois dun empate a puntos co equipo CV Bruxas, tívose que decidir polo mellor cociente de puntos a favor e puntos en contra nos sets. A terceira praza foi para CV Boiro. O equipo alevín está formado por nenos de primeiro ano e reforzado por algúns benxamíns para poder participar e o rendemento de este equipo foi moi superior o esperado a principio de tempada, indo en continua progresión durante toda a liga.

As alevíns, subcampionas

As rapazas do equipo alevín, pese a gañar na última xornada ao líder Boiro, acabaron segundas a un só punto das primeiras. O equipo foi de menos a máis durante toda a tempada, e por non poder xuntar 8 xogadoras por mor das enfermidades nunha das xornadas, tívose que conformar co 2º posto, xa que de non ser así quedarían campionas aínda que perderan ese partido.

Os dous equipos campións participarán no Campionato Provincial organizado pola Secretaría Xeral de deportes o vindeiro día 30 de maio.


Campionato Galego Cadete

Ademais, esta vindeira fin de semana (16-17 maio) terá lugar en Lugo, no Pavillón Municipal, a Final do Campionato Galego Cadete Masculino no que participarán os catro primeiros clasificados da liga regular desta categoría: Jealsa Boiro Voleibol, As Mariñas Oleiros, Emevé e Voleibol Dumbría.

O campionato presentase moi igualado pese o favoritismo dos de Boiro que quedaron primeiros na liga regular. O equipo dumbriés debutará o sábado ás 12:00h contra o anfitrión, o Emeve de Lugo, e pola tarde ás 17:00h xogará contra Jealsa Boiro Voleibol. Para o domingo ás 10:00h queda o partido ante As Mariñas Oleiros.

Este campionato xogase na modalidade de liga todos contra todos e o que máis puntos obteña sera o campión. O subcampionato tamén ten premio para acadar praza no campionato de España que se celebrara en xuño en Cuenca.
Aínda que non o ten fácil, o equipo de Voleibol Dumbría intentara dar a sorpresa e acadar a mellor posición posible.

Crónicas da temporada

Fonte

  • Volei Dumbría.