Nova fin de semana completa de fútbol costeiro. E como non, o Soneira segue sumando vagariño.
O encontro da semana foi o derbi no máis alto da 1ª Autonómica entre Xallas e Dumbría. As táboas finais, logo dun partidazo con expulsión, penaltis marrados... deixan aos dous conxuntos líderes tralo soberano tropezo do Unión en Arteixo.
Pola súa banda, o Cee caía incompresiblemente en casa ante o Victoria tras marchar aos vestiarios cun claro 3-0 a favor. Unha segunda metade para esquencer deixa aos de Pato a 6 puntos dos líderes.
Mentres a tensión na 1ª aumenta, a Liga da Costa parece destinada a rematar sen interese. As derrotas de Carnota e Porteño os deixan nunha situación dificilmente solventable, e máis tralas vitorias de Corme, Baio e O Pindo. Ambos terán que xogarse a praza de descenso directo e confiar en que o segundo da Liga da Costa consiga o ascenso.
Por arriba, Ponteceso e Camariñas sumaban os 3 puntos e o Muros sobe á 3ª praza tras vencer e convencer en Dumbría e trala derrota da SD Sofán ante un Corme máis necesitado.
E rematou a 3ª Autonómica 2010/2011 co Nantón como campión tras vencer, con máis sufrimento do agardado ao pechacancelas. Así, a vitoria do Mazaricos en Muxía non lle servíu de moito. Mentres, o terceiro equipo que ascende á Liga da Costa, o Corcubión, foi recibido, tras empatar en Cabana, pola corporación municipal ao completo, e recibiron un agasallo
En xuvenís xa están servidas as semis da Cadro da Copa da Costa Xuvenil 2011. Corme e Santa Comba enfrontaranse nun duelo máis que interesante por un lado do cadro, no que os campións dos dous Grupos buscarán o seu pase á final. Pola outra banda, o Baio, que sufríu para derrotar ao Malpica, intentará vencer a un Soneira con gañas de título tras caer na Liga contra o Santa Comba, que venceu con comodidade ao Muxía.
Sorteo da Copa
E antes de repasar os resultados, apuntamos que este luns 5 de abril ás 20:00h no Pavillón de Baio terá lugar o sorteo da Copa da Costa 2011.