A liberación da fervenza do Xallas. Unha historia de denuncias
Corría abril de 2011 e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas obrigaba á empresa Ferroatlántica a liberar a Fervenza do Ézaro. Tras case 20 anos secuestrada, unha denuncia da AEMS Ríos Con Vida (que aínda espera unha placa no paseo da enseada) pola desecación dos 1,4km río abaixo do encoro de Santa Uxía, a xustiza obrigaba á empresa a repoñer o caudal ecolóxico. Dende entón, 2,23 m3/s de auga baixan constantemente pola única fervenza, da península, que desemboca no mar convertindo o lugar nun dos de maior interese turístico da Costa da Morte.
Unha petición, a da apertura do caudal ecolóxico, xa solicitada polo Concello de Dumbría en varias ocasións, pero que non se fixo efectiva ata o pasado 2011. Así e todo, segundo puidemos constatar na información á que tivemos acceso a través da web do Consello Consultivo, os pleitos e alegacións presentados pola Xustiza e pola propia empresa veñen de lonxe. E cómpre facer un repaso histórico desta histórica liberación, que sen embargo non impide a sobre explotación do río Xallas, unha vez que xa están aprobados 3 novos saltos no seu curso.
Pedindo indemnizacións
Foi no ano 1992 cando a Xunta permitíu á empresa obviar o caudal ecolóxico e secar a fervenza. No 2000, a Xunta chegaba a un acordo coa entidade para restituir un caudal turístico estival, asistindo a unha inefable "inauguración" por parte de Fraga. A partir de aí, e coa cascada aberta só os domingos de verán, chegaron os pleitos.
No 2001, Augas aprobaba a amplicación do caudal dispoñible para o uso de xeración de enerxía eléctrica pola empresa no río Xallas de 52 a 57 m3/s. Pero no 2011, a xustiza anulaba esa modificación concesional (cómpre ter en conta que falamos dunha concesión con máis de 100 anos, pois data do 1910) provocando a correspondente diminución do caudal turbinado, e deixándoo como estaba no 2001.
Aí foi, no 2010, cando a empresa de Villar Mir presentaba alegacións solicitando 57,2 millóns de euros polos supostos cartos que deixaría de gañar por esa nova redución do caudal turbinado. A Xunta non só rexeitou a indemnización senón que ademais declarou nula a modificación concesional do 2001 nunha "revisión de oficio", que a empresa consiedera "antixurídica".
Xa en abril de 2011, cando a empresa ten que liberar o caudal ecolóxico, volve presentar alegacións por considerar que "se le ha causado daños y perjuicios que deben ser compensados", pedindo, desta volta, unha indemnización de 56 millóns de euros. Reclamación desestimada de novo a 20 de decembro de 2012 pola Subdirección Xeral de Dominio Público Hidráulico e o Consello Consultivo de Galicia.
En marcha unha denuncia contra as minicentrais
A cousa non vai quedar aí. Segundo nos apunta Mark Adkinson, de Ríos con Vida, xa teñen preparada unha denuncia global ante o Seprona contra todas as minicentrais de Galicia por consideralas ilegais. Unhas críticas que inclúen ademais unha denuncia ao actual Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio, que fóra Presidente de Augas de Galicia e que foi un dos responsables da redacción do proxecto do encoro de Santa Uxía.
E de non facer efectiva o peche de todas as centrais, a entidade presentará outra denuncia denuncia penal a Augas de Galicia.
Unha Declaración de Impacto Ambiental curiosa
De entre toda a documentación á que puidemos chegar, a que máis nos sorprendeu é unha valoración da Declaración de Impacto Ambiental do 1994, que dá conta de como se valoraba o patimonio natural dende a Xunta de Galicia:
- “No se acepta el concepto de caudal mínimo aguas abajo del embalse de Santa Uxía (...) La concesión vigente de Santa Uxía no establece la obligación de verter agua improductiva. Lo anterior significa que, ya en su momento, se valoró medioambientalmente y se concluyó que la energía hidráulica añade mayor valor para el interés general que otros aspectos paisajísticos, habida cuenta de que no existe fauna o flora que mantener o mejorar aguas debajo de Santa Uxía (...) Un caudal mínimo que cumpla determinadas funciones ‘medioambientales’ no puede ser interpretado más que en sentido paisajístico”.
Salvados cos ríos galegos
E segundo puidemos escoitar, é posible que un dos programas referencia do periodismo estatal pase por Galicia a tratar a problemática dos ríos galegos.
Ademais, a sentenza da Fervenza do Xallas pode servir de xurisprudencia para moitas outras zonas de Galicia onde hai denuncias interpostas, sen ir máis lonxe, na desembocadura do río Castro contra a piscifactoría de TresMares.
Novas relacionadas
- A única fervenza, da península, que desemboca no mar.
- 15-02-13: Denuncian un grave impacto dos 3 novos saltos no Xallas e favoritismo coa empresa de Villar-Mir.
- 31-03-13: A cascada do Ézaro reafírmase como un dos meirandes atractivos turísticos da Costa da Morte.
- 28-01-13: A Fervenza do Ézaro cun caudal 100 veces por riba do habitual.
- 14-04-11: Resucitou a Fervenza do Ézaro.
- 11-02-11: Ríos con vida volve a carga contra a desecación dos ríos Xallas e Castro.
- Recunchos da Costa: A fervenza do Ézaro.
- Mark Adkinson, presidente de AEMS-Ríos: De quen son os ríos?.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta).