Venres. 26.04.2024
El tiempo

O Fisterra recuperou o Enterro do Polbo cun completo funeral

O Fisterra recuperou o Enterro do Polbo cun completo funeral
Enterro do Polbo de Fisterra-Foto-Dario Gomez

Despois de disfrutar, en primeira fila, do Concurso de Comparsas máis espectacular do Entroido da Costa da Morte, temos que volver a Fisterra para ver como o pobo (unha vez máis o pobo por diante das administracións), recupera unha vella tradición. E a xente respostou, enchendo de vida a Queima do Polbo fisterrán.

Foi, e non podía ser outro, Roberto Traba Velay, o verdadeiro armadanzas para preparar este Enterro do Polbo, o Polbo Nicolás, e contou coa axuda técnica para armalo do mestre Mighelón e os seus artesáns: Ángel Moure, Luís Benlloch, Luís de Fuma, Ramón do Caballero e Toto.

Roberto Traba Velay fixo de párroco no Enterro do Polbo de Fisterra-Foto-Darío Gómez AmbientazoEnterro do Polbo de Fisterra-Foto-Dario Gomez

A praza da Constitución recuperou o esplendor que perdeu deixando escapar o concurso ao pavillón, e media Fisterra formou para a Comitiva Fúnebre. Alí subiron os representantes da igrexa polbeira, para arrincar o Funeral, como non, en galego normativamente incorrecto. “Orinemus”, dicía o Papa Roberto, acompañado por Ramón e Germán na misa, ademais de Fina Traba nos cánticos e Luís Olveira na lectura. Completo o discurso sobre o Pequeno Nicolás, e sobre a corrupción, antes do Salmo de Carnaval, que leu a peregrina francesa Lee Helene, con aquelo de “Canto máis prima máis se lle arrima”.
Fabuloso o “Pai Neptuno”, que leu Fina Traba: “Pai Neptuno, que estás nos mares comendo e bebendo. / Santificado sea o precio do peixe / Veñan á nos as axudas que nos están levando. / Perdoana as nosas multas que están aumentando igual que nos perdonamos os que as nasas nos están levantando. / Non nos deixes caer na tentación de buscar a un corrupto para ir tirando máis líbranos de tanto mangante que nos está roubando. AMEN.”

Non faltaron as choronas, coa música Canto e Jota de Vilacerío e Letra de Fina Traba, os Misterios e as Letanías, demostrando que poesía e arte hai abonda en Fisterra.

Rematou o Funeral e a comitiva trasladouse ata a praia, onde tivo lugar, a queima e ao enterro, para pechar o entroido máis auténtico da Costa da Morte.

Enterro do Polbo Fisterra-Pequeno Nicolas-Foto-Dario Gomez

Aquí, unha mostra de que Fisterra é un pobo de artistas:

Máis novas

Entroido 2015

Fonte

Comentarios