mércores. 04.12.2024
El tiempo

1ª FUTGAL: A xornada de derbis cóbrase o primeiro adestrador

Castriz-Muxia
Imaxe do Castriz-Muxía en San Pedro
1ª FUTGAL: A xornada de derbis cóbrase o primeiro adestrador

Tiñamos o ollo no Conco e en San Pedro, pero finalmente o centro da xornada deuse entre Compostela e Verdillo. O empate, remontando, do San Lorenzo ante o Vista Alegre, non foi dabondo para evitar a marcha de Cantudo do club carballés. Directiva e adestrador combinaron de mutuo acordo facer un cambio de rumbo debido aos evidentes malos resultados (que non de xogo) que sofre o equipo nestas 10 primeiras xornadas, nas que se mantén de pechacancelas sen aínda coñecer o sabor da vitoria. A directiva, triste despois de tomar esta decisión, tomarase un par de días para buscar relevo no banco.

Cantudo dirixindo un partido do San Lorenzo
Cantudo dirixindo un partido do San Lorenzo. Foto: Luís González

Polo demais, o Dumbría venceu ao Fisterra no Conco co protagonismo para Estévez (que se pon pichichi do grupo con 11 tantos, polos 9 do fisterrán Isaac), e o Castriz e o Muxía selaron táboas nun dos mellores partidos dos que se levan vistos na categoría, con goles, ocasións, intensidade, e sobre todo, con dous equipos que queren o balón, algo pouco habitual nesta categoría. Dous equipos ademais recén ascendidos, o que fala ben da nosa Liga da Costa.

O heroe da xornada foi MJ, porteiro da Esteirana que un gol no desconto e salvou un punto, que aínda así sabe a pouco no seo do cadro branquiazul debido ao seu gran partido.

Vista Alegre - San Lorenzo (3-3)

11 do San Lorenzo ante o Vista Alegre-Foto-Luis Gonzalez

  • San Lorenzo: Benja, Pablo Rod., Pablo Garrido, Baldo, Alex Vázquez, Hugo Pereiro, Javi Pérez, Andrés, Iago, Riki e Alex Taibo. Tamén: Mario, Raúl, Alberto Campos, Eloy Arantón, Hugo Canedo, Rubén e Hugo Rey.
  • Goles: 1-0, m.5: Adrián Iglesias; 1-1, m.13: Javi Pérez de penalti cometido sobre el; 2-1, m.24: Carlo; 3-1, m.44: Carlo; 3-2, m.50: Riki; 3-3, m.33: Alex de cabeza.

Vista Alegre-San Lorenzo-Foto-Luis Gonzalez

Punto insuficiente no partido desta tarde en Santa Isabel. Chegaba o pechacancelas a Santiago para enfrontarse a outro dos equipos en descenso, con apenas un punto máis no taboleiro. Empezou mal o partido para o SanLo que recibía o primeiro moi pronto. Non tardaron en asentarse os visitantes as medidas de Santa Isabel e chegaron as ocasións. Javi Pérez, un puñal onte por banda esquerda puxo varios balóns que non atoparon rematador e provocou o penalti que el mesmo transformaría para o 1-1.

Tiveron aí bos minutos os carballeses, cun balón ao longueiro nunha falta lateral, pero o rival conseguía meterse 3-1 antes do descanso.

Tras pasar por vestiarios, o SanLo deu un paso adiante marcando 2 goles en apenas 10 minutos. Co máis difícil feito, os xogadores de Cantudo conseguiron meter ao Vista Alegre no seu campo, e malia ter varias ocasións non conseguiron traer os tres puntos de volta.

Último partido finalmente de Cantudo á fronte do equipo, mentres a directiva busca relevo.

Vista Alegre-San Lorenzo-Foto-Luis Gonzalez 2

Esteirana - Boimorto (1-1)

  • Esteirana: MJ, Kevin Rial, Simón, Code, Antón, Tobío, Adrián, Pachi, Alex Rama, Piki, Adán. Tamén: Alex, Pablo Rama, Elías e Godo.
  • Goles: 0-1, m.25: Borja Casal; 1-1, m.99: MJ nun córner.

Un gol do porteiro MJ no desconto nun córner, salva un punto para os de Iván González. Pero nin así o equipo sae contento, despois do visto no campo, pois a Esteirana foi merecedora de moito máis, como vén acontecendo nas últimas semanas nas que a falta de acerto está condenando a non sumar tantos puntos como merece por xogo.

Os esteiráns comezaron moi ben, dominando, tendo o balón e varias ocasións como un córner directo de Pachi que pega no pau. Pero era o Boimorto o que se adiantaba nunha das súas poucas chegadas de xogo directo. Seguía dominando o equipo de Iván, tendo Pachi ao longueiro

O segundo tempo xa foi de acoso total dos locais, chegando moi ben por banda, con centros perigosos, tiros dende fóra da área, un man a man de Antón, un tiro cruzado de Code, unha de Piki dentro da área… pero o balón non quería entrar… E como é o fútbol, que na penúltima xogada do partido, un centro de Alex tras un córner, era rematado por MJ que subía para facer a épica e marcar o empate.

“Nalgún momento o fútbol nos devolverá o que creo que estamos merecendo”, sinala o míster cun sabor de boca agridoce.

Castriz - Muxía (2-2)

  • Castriz: Coke, Fabián, Samuel, Brais, Marcos Mouro, Gesto, Iván Facal, Adrián García, Borja Gándara, Alberto Mata, Noli. Tamén: Iván Fraga, Rodo, Elvis, Sebas, Álvaro e Anxo.
  • Muxía: Adrián, Iago, Mateo, Anxo, Congui, Mauro, Víctor Alcaina, Carlos Costa, Isma Pose, Manu Nogueira e Adam. Tamén: Manu Martínez, Fran Moreira, Julián, Fabián e Darío.
  • Goles: 0-1, m.24: Adam dende 30 metros; 1-1, m.42: Adrián García de penalti; 1-2, m.57: Julián; 2-2, m.61: Adrián García.

Castriz-Muxia 2

Partidazo, moi moi igualado, e de gran nivel futbolístico, dominado por treitos polos dous conxuntos. Comezaba cuns minutos de tanteo, e pronto chegaban as alternativas. Adam, Víctor e Nogueira conseguían combinar, e tendo algunha ocasión, pero tamén o Castriz avisaba cun man a man de Iván Facal ou un remate ao corpo de Adrián García nun balón morto tras unha xogada a balón parado.

Aparecía Adam para sacarse un golazo dende 30 metros para abrir o marcador. O Castriz subiu aínda un pouco as liñas e Adrián García conseguía empatar dende os 11 metros tras un agarrón sobre Adrián García.

Perdía antes do Sergio Pataca dúas pezas clave por lesión, o central Anxo (con problema de fibras) e Isma Pose, que posiblemente volveu romper o cruzado.

Na segunda comezou mellor o cadro de Pataca, e Julián marcou outro golazo dende lonxe pola escuadra. Pouco despois empatou de novo Adrián García e o partido, con aínda media hora, prometía. Intentouno o cadro de Miguel Chouza, buscando algo máis a vitoria e protestando un gol anulado, pero o choque estaba tolo e o Muxía tamén tivo as súas para levar os puntos de volta á Arliña.

Dumbría - Fisterra (4-1)

11 do Dumbria no Conco ante o Fisterra

  • Dumbría: Anxo, Brais, Kanario, Dani Chao, Antón, Marcote, Toni, Baba, Lucas, Diego Estévez e Xabi Castro. Tamén: Isma, Mataso, Raúl, Quique, Iago, Breixo e Adrián Periscal.

11 do SD Fisterra no Conco

  • Fisterra: Joselu, Isma, Dani, Rubén, Piti, Maikel Mouzo, Jano, Lobelos, Bruno, Adrián Makaay, Isaac Fábregas. Tamén: Colombia, Guille, Luisete, Juan, Aarón, Ángel e Miguel.
  • Goles: 0-1, m.40: Diego Estévez marca un golazo tremendo; 0-2, m.47: Diego Estévez de vaselina no man a man nunha contra a pase de Toni; 0-3, m.50: Diego Estévez; 3-1, m.65: Adrián Makaay; 4-1, m.66: Xabi Castro.

Dumbria-Fisterra no Conco

Partido máis igualado do que sinala o marcador. Primeira media hora mellor para os fisterráns, que chegaban ao Conco coa ilusión de facer algo grande, e tiñan ata 6 ocasións claras, sobre todo o balón parado, como unha de Lobelos, varias de Isaac, un par de Bruno, ou un remate de cabeza de Makaay ao que fai un paradón de Anxo.

Non era capaces de atoparse o cadro de Pablo Conde ante o xogo directo fisterrán, pero aparecía Estévez, inventándose un auténtico golazo dende 30 metros por toda a escuadra. Fixo dano este tanto nos fisterráns, que aínda así intentaban seguir en campo contrario a base de empuxe.

Arrincaba a segunda metade, e dúas contras ben afiadas dos de Pablo Conde e rematadas de xeito maxistral polo fisterrán do Dumbría, deixaban o partido visto para sentenza. A través do dominio do balón, os dumbrieses calman o partido e dominaron os tempos. Tiveron, en saques de banda e a balón parado, algunha ocasión os de Diego Lobelos, e mesmo un gol anulado a Makaay por unhas mans. O propio Mahaay recurtaba, aínda coa ilusión de meterse de novo no partido, pero Xabi Castro puña a puntiña.

O equipo fisterrán acabou con 9 no campo pola expulsión de Makaay por unha entrada por detrás intentando parar unha contra, e por unha lesión dun recén entrado no campo.

Todas as crónicas da 1ª FUTGAL

Máis info

Comentarios