Luns. 07.10.2024
El tiempo

FUTFEM: O Cee alonxa ao Xallas do liderato

Cerqueda-Ponteceso femi-Foto-Brais Pose
Imaxe do derbi Cerqueda-Ponteceso -Foto-Brais Pose
FUTFEM: O Cee alonxa ao Xallas do liderato

Tiña a xornada do FUTFEM costeiro un foco claro de atención co choque entre Xallas e Cee, no alto do Gr.4 da 2ª División. E foi o Cee o que levou os 3 puntos apretando e moito a zona alta. Despois da derrota ante o Cacheiras as de Rupper vén como se lle escapa o título, deixando agora a loita pola segunda praza entre xalleiras e ceenses, unha vez que as Miúdas conseguiron vencer a todo un Cacheiras.
As muradás non deixarán de loitar por meterse entre as 5 primeiras, pero é o Dumbría, que segue sumando de 3 en 3, a que ostenta a día de hoxe esa 5ª praza, con 5 puntos de vantaxe.

Polo Norte, outro derbi copaba a atención. O Cerqueda conseguía sumar un puntiño no Pinguel que lle dá vida, mentres o Corme demostraba competir coas de arriba.

Na loita polo trofeo Pichichi continúan as xalleiras Yasmina (26) e Olalla (24) pelexando man a man con varias xogadoras do Calo. As dumbriesas Paula Fandiño con 20, e María das Carisas con 17 métense na parte alta da táboa.
Polo Norte, a killer cormelá Naroa segue pelexando polo Pichichi, sumando 35 goles en 20 partidos, polos 36 de Laura Raña (Abella).

2ª Div. Feminina, Gr.4, xornada 20

Xallas - Cee (1-2)

  • Xallas: Rosio; Andrea Otero, Saskia, Rita, Alicia; Luchy, Andrea Barbeira; María, Olalla e Yasmina. Tamén xogaron: Laura, Inés, Claudia Facal, Nuria e Paula Barcia.
  • Cee: Noemí, Lucía Rod., Laura, Alba, Nerea, Saray Duarte, Ruth, Andrea, Lucía Martínez e Lucía Caamaño. Tamén: Sharay Caamaño, Uxía e Nayara.
  • Goles: 0-1, m.16: Saray Duarte dende lonxe; 0-2, m.43: Saray Duarte de libre directo; 1-2, m.54: Olalla.

Partido de moitos nervios na mañá dominical en Fontenla. Saían mellor as visitantes, dominando o medio campo e intentando facer dano con tiros lonxanos, mentres as xalleiras non eran quen de roubar e saír á contra. Un deses lanzamentos dende fóra sorprendeu a Rosío, abrindo Saray Duarte o marcador.
Intentou reaccionar o cadro local, que protestou un par de accións: unha xogada entre Yasmina e Noemí, na que o colexiado pitou falta da dianteira verde; e un gol anulado a Olalla por un suposto xogo perigoso no remate.
Na outra área o Cee tiña máis eficacia, e Saray Duarte facía o segundo ao fío do descanso, tendo ademais María Lijó unha clara ocasión para ampliar a vantaxe pero lanzando ao pau xa no desconto.

Cambiou o panorama na segunda. As de Rupper saíron a por todo, presionando moi arriba e chegando con profundidade. As visitantes precipitábanse na saída de balón e pronto Olalla recurtaba e puña máis emoción no partido. Parece que o gol calmou ás ceenses, que volveron intentar baixar o balón e aguantar as embestidas dunhas xalleiras demasiado tocadas para seguir percutindo con tanto empeño, facendo imposible a remontada.

As Miúdas - Cacheiras (1-0)

Plantel das Miudas 22-23

  • As Miúdas: Adriana, Elba, Alba, Gala, Marta Verán, Ana, Marcela, Paula, Marta Piñeiro, Marina, Bárbara. Tamén: Carlota, Clara, Leti, Ximena e Naiara.
  • Goles: 1-0, m.24: Marcela.

Partidazo das Miúdas vencendo un dos equipos favoritos da categoría que viña que sacar do liderato a todo un Xallas. As santiaguesas dominaron o tempo do xovo, pero as muradás souberon ler o partido, estar moi firmes atrás e aproveitar un globo de Marcela que lles permitía poñerse por diante no ecuador do primeiro tempo.

Cunha dose práctica de táctica, e algo de sorte, as Miúdas foron aguantando as embestidas das visitantes, sacando 3 puntos que saben a gloria ás de Lucho.

Victoria C - Dumbría (2-5)

  • Dumbria: Lía, Carril, Mai, Noa, Martina, Fandi, Eva, María das Carisas, Kelly, Sabela e Juliette. Tamén xogaron: Reyes, Sara, Lissette, Yoli e Naiara.
  • Goles: 1-0, m.10; 1-1, m.14: Eva nun córner; 2-1, m.20; 2-2, m.50: Juliette nun córner; 2-3, m.58: María das Carisas de xogada individual; 2-4, m.70: Fandi; 2-5, m.75: Fandi.
dumbria fem
Foto: Vet. Dumbría

Novos 3 puntos para as costeiras desta volta marcados por dúas metades moi diferenciadas. Na 1ª parte, a pesar de empezar cun disparo o pau de Kelly, foron mellores as locais atopando ocos entre liñas ante a apatía das dumbriesas que non entraban no partido. Adiantábanse pronto as santiaguesas, pero Eva empataría o duelo pouco despois tamén na saída dun córner mostrando o seu poderío nas xogadas de estratexia. Pero seguía o dominio das locais, que gañaban todos os duelos, e se metían 2-1, co que se chegaba ao descanso, non se antes de mandar unha falta ao longueiro María das Carisas.

Saíron máis xuntas e máis presionantes as de Fran Figueroa, impoñendo o seu ritmo e chegando á área rival con facilidade. Primeiro Juliette, e pouco despois María das Carisas dábanlle a volta ao marcador. As locais non matiñan o ritmo das costeiras e Fandi, nunha falta dende 40 metros por riba da meta local, e nun disparo lonxano, ampliaba a renda.

Mazaricos - O Pino (3-1)

  • Mazaricos: Pedrosa, Claudia, Valeria Peta, Fátima, Antía, Silvia, Lúa, Daniela, Ánxela, Tamara, Jirra. Tamén xogaron: Hermida, Leire, Raquel, Buján e Saray.
  • Goles: 1-0, m.15: Jirra; 2-0, m.35: Silvia dende o medio campo coa axuda do vento; 3-0, m.43: Silvia de falta; 3-1, m.90.

Mazaricos-O Pino

Boa vitoria das Borja Sueiro nun partido nas que as amarelas venceron ao Pino e ao tempo. Co vento a favor, as mazaricás buscaron balóns aéreos buscando as costas da defensa, xa que non se podía rasear o balón. Nun deses, Jirra abre o marcador. A partir de aquí as locais tiveron ocasións mediante Tamara e Ánxela, pero foi Silvia a que aproveitou o aire a favor e marca un golazo dende o medio campo. E antes do descanso a propia Silvia marca de falta.

Tocaba sufrir na segunda, pero o vento baixou un pouco e malia que O Pino colleu o control, entre a defensa e Pedrosa non se sufriu demasiado.

2ª Div. Feminina, Gr.2, xornada 20

Ponteceso - Cerqueda (0-0)

Plante do SD POnteceso-Foto-Brais pose
Plante do SD Ponteceso-Foto-Brais pose
  • Ponteceso: Colores, Manti, Andrea, Eva, Muíño, Myre, Ainhoa, Noe, Miriam, Laura e Silvia. Tamén: Alba, Saray, Miriam, Laura Rod. e Virginia.
  • Cerqueda: Valeria, Jimena, Lucía Rod., Mónica, Paula Veiga, Tati, Irene, Lorena, Raquel, Mariña e Isa. Tamén: Uxía, Sonia, Vanesa, Andrea e Inés.
Capis de Cerqueda e Ponteceso con David Cancela-Foto-Brais Pose
Capis de Cerqueda e Ponteceso con David Cancela-Foto-Brais Pose

Fermoso derbi vivido no Pinguel, cun gran ambiente, cun Ponteceso que comezaba dominando e chegando por bandas, ante unhas rapazas do Cerqueda que seguen mellorando a base de traballo, ilusión e constancia. Andrea avisaba pero Valeria atallaba en dous tempos. Muíño, Berdeal e Eva tamén avisaban pero as visitantes aguantaban cun gran esforzo defensivo e mesmo intentaban saír á contra. Pedían un penalti as locais antes do descanso.

Mesmo guión na segunda, con máis dominio local, e ocasións de Muíño (que mando ao pau mesmo no desconto), Andrea, Myre ou Mel, pero cunhas cerquedás que aguantaban con valentía.

Cerqueda celebrando o punto no Pinguel-Foto-Brais Pose
Cerqueda celebrando o punto no Pinguel-Foto-Brais Pose

Corme - Brexo Lema (2-3)

  • Corme: Belén; Ana, Laura, Vero, María; Lucía (Cecilia), Carla, Irene, Nati, Cris e Naroa.
  • Goles: 1-0, m.10: Naroa; 1-1, m.24; 1-2, m.58; 1-3, m.60; 2-3, m.76: Naroa.

Compite con todas xa o equipo cormelá que a piques estivo de quedar cos puntos na visita dunha das de arriba. As visitantes chegaban cun xogo vertical, moi directo, pero as locais, moi arroupadas pola súa afección, souberon dar a cara a pesar da cantidade de baixas.

Os primeiros 30 minutos de dominio claro por parte do Corme que roubaba e chegaba fácil en combinación a zona de peligro e alí Naroa sempre é un perigo. E así chegaria o gol, tras un roubo e combinación entre Nati, que fixo un auténtico partidazo, e Naroa, que define con calidade. O Brexo seguía creando peligro con xogo directo ás costas das centrais locais pero non conseguían meter gol, ata que nunha falta lonxana farían o 1-1.

Comezaron mellor as locais na segunda, e se ben se puideron adiantar, en apenas 2 minutos as visitantes se colocaban 1-3. “Pero este equipo ten un carácter incrible e non se rendiu, seguiu pelexando ata o final”, explica Rubén Souto, e nunha falta colgada por Carla, outra que sacou o libro para dar un recital brutal, Naroa, unha vez máis, toca para meter o 2-3. Xa no ultimo tramo de partido e co Brexo pedindo a hora, Carla cun tiro lonxano obliga a porteira a sacar o balón de dentro da portería, para o Arbitro non foi así e quedouse no 2-3 final.

Liga F7 Coruña, Gr. A, xornada 17

Corcubión - Eirís B (2-1)

  • Corcubión: Elena, Vivi, Elisa, Cristina, Ana, Sara e Maruxa. Suplentes: Marta Lavandeira, Claudia, Marta Santiago, Alexandra e María.
  • Goles: 1-0, m.28: Alexandra Lojo; 1-1, m.42; 2-1, m.48: Claudia.

Penúltima xornada de liga para as corcubionesas e último choque no Cubaleiro, e as de Rubén Castillo sumaron ante a súa afección 3 novos puntos, malia ter que pelexar ata o final do encontro.

Se a primeira parte remataba sen goles, abríase a segunda cun destacable gol de Alexandra Lojo. Pero a alegría non duraría moito, pois pouco despois empataban as rivais cun gol de cabeza nunha xogada de córner. O empate estivo moi cerca, mais xa nos derradeiros minutos de partido un gol de Claudia Santamarina daba a vitoria ao UD Corcubión e á súa afición que, pese ás malas condicións metereolóxicas nas que se disputou este encontro, apoiaba desde as gradas.

As corcubionesas están 2ª a 2 puntos do líder, o Marte, que a semana que vén terá que certificar o título vencendo ou empatando ante o mesmo Eirís B.

 

Máis novas do FUTFEM

Comentarios