Martes. 19.03.2024
El tiempo

Milucho, memoria imprescindible da vila oleira de Buño

Milucho e Jesús levarán o Premio Histórico da Gala do Fútbol da Costa - QPC
Milucho no 2014 no 50 aniversario do Buno e no 1971
Milucho no 2014 no 50 aniversario do Buño, e no 1971 no campo de Xaviña
Milucho, memoria imprescindible da vila oleira de Buño

Queda menos para a gran cita do Fútbol costeiro, que terá lugar o vindeiro venres 1 de xullo en Malpica, con 40 premios en xogo.

E un dos premios que sempre temos é o Premio HIstórico, que quere lembrar a aqueles que tanto fixeron polo noso fútbol. Neste caso, indo a Malpica, quixemos recoñecer a labor que fixeron Jesús na Pedra Queimada, e Milucho no campo de Xaviña.

Hoxe comezamos lembrando a historia do de Buño, e o facemos con este artigo de Xosé Manuel Varela.

Milucho, memoria imprescindible da vila oleira de Buño, por Xosé Manuel Varela

Agrádame a lingua viva do rural galego, a palabra transformada na voz dos seus faltantes. Milucho, o carteiro de Buño, é hipocorístico de Emilio. Para nós, Milucho é unha das persoas da Costa da Morte da que conservamos emotiva lembranza. Non podemos concibir o ADN a vila oleira de Buño sen súa a presenza. Lembrámolo co seu corpo lanzal, face serena e amigable, conversa pausada e longa.

Desde sempre acudiamos á súa cartería para mercar selos, certificar cartas ou depositalas na caixa de correos. Para mercar o xornal e o urxente material escolar a súa libraría tamén era parada obrigada. De cando Buño se ofrecía como vila con moitos servizos máis alá da ancestral artesanía oleira.

Lembrámolo coa súa figura atlética, deportiva, esguía coma de dianteiro que se zafa da máis dura defensa, cando volvía do reparto do correo, andando. Toda unha elegancia que despois volvía infinita coa entrañable conversa.

No noso fardel da memoria conservamos moitos momentos de parola entre ambos. Como aquel anecdotario que o vincula, a el e a súa irmá, co pintor Álvarez de Sotomayor no seu pazo de Xornes. A irmá de Milucho acudía a Sergude para posar como modelo e Milucho ía de compaña para tan nobre evento. A moza panadeira de Sotomayor. De Buño a Xornes nun coche clásico, coma de película. Quizais dese tempo xermolase nel esa capacidade por deterse a contemplar todo o que o rodeaba como maneira de coñecelo, de contalo, pero tamén de transformalo.

Persoa comprometida no ámbito social e político polo ben da súa veciñanza. Quixo sempre o mellor para aquelas persoas que coñecía de porta en porta de cando ía co seu 4L repartirlles o pan ou máis tarde levar un mundo de cartas cun mundo de historias.

Impulsou o teatro na vila local coas Veladas Teatrais e Musicais no Cine Galicia da familia de Alfredo da Plaza. Aínda o recordarán aqueles actores e actrices que, sendo novos, converteron a Buño nun fervedoiro cultural: José Antonio de Elías, Pepe Luís de Hermida, Helena Casal, Pilar de Wenceslao ou Manolita do Xaquino.

Compromiso social de Milucho estendido tamén á comisión de augas da parroquia, ás comisións de festas, ao funcionamento de Cáritas Interparroquial coas xuntanzas organizadas na horta da reitoral de Leiloio.

Pelexou pola non desaparición do cuartel da Garda Civil ou pola construción do Centro de Saúde para Buño. Rendeu homenaxe aos avós de Buño, aos padriños, ao malogrado Javier de Elías, a buñeses xa non presentes na súa terra natal. Capitaneou a conmemoración do 50 aniversario do equipo de fútbol, entidade que levou e levará, alí onde estea, tatuado de modo imborrable na súa biografía como xogador, como adestrador dos infantís ou como directivo.

MIlucho Fútbol Ponteceso - Cee (1964) copia
Milucho nun Ponteceso - Cee (1964)

Empezou a xogar desde moi novo no Buño e nunca marchou deste equipo agás uns poucos partidos no Ponteceso. Gran seguidor de todos os partidos do Buño ata os seus últimos días. O seu corazón compartía paixón futboleira con dous equipos. O Real Madrid e o Buño. Acudiu ao Santiago Bernabeu en varias ocasións para saborear as vitorias non só na competición local, senón nas de ámbito europeo.

Cómpre resaltar que el e José Antonio do Longo formaron con moito éxito un equipo de fúbol feminino en Buño. O elenco de mulleres futbolistas era Pilar de Wenceslao, María Dolores do Turro, Helena de Casal, Marité de Elías, Carmen Isabel e Luísa de Forneiro, Carmiña do Bodegón, Carmen Consuelo do Rulo, Chelo de Higinio, Puri de Juan de Mandía, Asunción de Wenceslao e as propias sobriñas de Milucho: Carmen Beni e Marinela. Xogaban partidos amigables nas festas de Santo Antón ou Santa Filomena. Nunha ocasión, contra o Vilarrodís de Arteixo co campo de Xaviña a rebordar. Era toda unha novidade para a zona. Como non había liga feminina, o proxecto non foi a máis, pero supuxo un primeiro paso na incursión da muller no eido do fútbol da Costa da Morte. Algo que hoxe aínda está en panos menores.

Futbol feminino nos setenta en Buno copia
Milucho e o Buño pioneiros no fútbol feminino nos anos 70

Milucho, Emilio Calvo Pan, o fillo da casa dos de Rendo. De pais panadeiros toda a vida: Manuel de Rendo e Benigna do Rulo. El tamén leva gravado na pel do seu apelido manterno a xenealoxía dun oficio familiar.

Traballou de panadeiro nos seus primeiros tempos para despois desenvolver un exemplar traballo como carteiro rural. Cances, Leiloio, Cambre e Buño non tiñan segredos para el. Case catro décadas repartindo ansiadas misivas e sorrisos de porta en porta e escoitando, con demorada paciencia, os problemas e ledicias de cada veciño e veciña. Moitos deles mesmo non sabían nin asinar e tiñan que deixar a pegada do seu polgar manchada de tinta na libreta do carteiro.

Emilio Calvo Pan faleceu o 26 de maio de 2017, van xa varios cabodanos do seu pasamento. Para el, madridista empedernido, maio era sempre mes de ledicia porque o seu Real Madrid quizais a esas alturas da tempada tivera gañado algún trofeo.

A lembranza e memoria de Milucho continuará permanente viva. O seu fillo, Emilio, xogador e capitán do equipo local no seu momento; a súa filla, Montse; e a súa muller, Carmiña Doldán, son gardiáns da memoria dun home desde xa imprescindible para a vila oleira de Buño.

  • Xosé Manuel Varela.

Novas relacionadas

Repaso das Galas

Comentarios