Preferente: Reacciona o Dumbría

11 do CF Dumbría na Grela

Fantástica, moi meritoria, e sobre todo necesaria, reacción do Dumbría. Os de Pablo Conde, despois de 5 xornadas sen gañar, e situados nos postos de descenso por primeira vez no curso, sacaron unha vitoria tremenda na Coruña. Metéronse por diante, viron como lle remontaban a renda de 2 goles, pero tiraron con todo e acabaron gañando. Unha vitoria que non os saca do descenso pero que pon o rumbo cara arriba.

Arriba, onde está o Sofán, que tralo empate no dificísimo campo de Vista Alegre, mantén a pelexa pola 5ª praza.

Ordes - Sofán (0-0)

  • Sofán: Gardu, Javi, Dani García, Iván, Álex Sánchez, Braian, Izan, Iván Parafita, Marcos Montero, Joel, Julián. Tamén: Brais, Xandre, Dani Rod., Isma Ramos e Iraitz.

Partido no que mereceu o sofán os 3 puntos, contendo moi ben a un Ordes que é un dos equipos máis goleador da categoría na casa. Os locais tocaban algo máis pero non conseguía xerar perigo mentres que os de Pablo Torreira si que mandaron dous balóns ao longueiro en sendos centros chut de Julián e Iván Martínez. Mesmo na última xogada do primeiro tempo Julián tivo unha moi clara no man a man á saída dun córner pero cruzou en exceso.

O Ordes comezou moi ben na segunda, pero á contra, Julián volveu ter dúas situacións en xogadas individual pero unha marchou rasa lambendo o pau e outra alta ao segundo pau.

Punto curto para o acontecido, no partido, pero seguimos sumando nun momento no que temos bastantes baixas pero o equipo segue competindo e respondendo”, asegura Torreira.

Victoria CF - Dumbría (2-3)

  • Dumbría: Anxo, Berto, Aarón, Adrián Periscal, Sergio, Toni, Alex Marcote, Lucas Toba, Javito, Juan Trillo, Diego Estévez. Tamén: Isma, Mataso, Iker, Quique, Pablo Costa Ramos, Pablo Taboada.
  • Goles: 0-1, m.14: Sergio; 0-2, m.44: Diego Estévez; 1-2, m.76: Alex Pérez; 2-2, m.77: Alex Gallego; 2-3, m.85: Estévez de penalti.

Tremenda vitoria dos de Pablo Conde, que nunha gran primeira metade, na que se xogou sobre o plan formulado de inicio, se meteron por diante cun gol de Sergio e outro de Estévez ao fío do descanso. Tiña máis o balón o cadro herculino pero o perigo era dumbriés.
Na segunda, o partido seguía o mesmo guión, ben controlado, pero os locais cada vez, se cadra polo cansanzo, ían sometendo máis aos visitantes, e conseguiron, en dúas xogadas case consecutivas e con algo de sorte, empatar o partido. Cando parecía que todo o traballo se ía pola borda, volveu aparecer Sergio Trillo (o dianteiro ceense debutaba a semana pasada procedente do Meirás)  para forzar un penalti que non fallou Estévez. Aínda tocaba sufrir no desconto, pero o equipo gozou dunha vitoria vital.

Máis info

Todas as crónicas de Preferente.