Domingo. 05.05.2024
El tiempo

2ª Autonómica: O Corme supera ao Zas e queda só co Sofán

2ª Autonómica: O Corme supera ao Zas e queda só co Sofán
San Lorenzo-Cee-Foto- David Castro Bazarra patrocina as crónicas do ACB Costa da Morte - Coñece as nosas ofertas en neumáticos

Intensa esta xornada 23 na 2ª Autonómica, que deixan ao Sofán e ao Corme no máis alto da táboa. O partidazo da xornada disputábase no Cairo, e o cadro cormelán, logo dun partido moi igualado, levou os tres puntos ante un Zas que demostrou vai estar aí ata o final da Liga.

O Sofán mantense aí tras vencer ao Porteño, e mais o meigallo das Eiroas. E por detrás dos 3, a 9 do liderato xa aparecen Outes e Fisterra, que non fallaban, e un Cee que caía ante o San Lorenzo.

Por abaixo IDC e Corcubión, ambos con serios problemas de efectivos, parecen avocados ao descenso. Pero ollo que os arrastres pode que provoquen 2 prazas máis de descenso, co que Volantes, Muros, Camelle, Cabana e mesmo Porteño terán que estar moi atentos.

Corme - Zas (2-0)

Corme-Zas-Foto-Paula Rodriguez
  • CORME: Javi, Adolfo, Alejandro, Miguel Torrado, Dani, Sergio (Diego, min.55), Juan Chans (Manu, min.80), Brais, Alejo (Josiño, min.65), Lucas (Antoniño, min.88) e Toniño.
  • ZAS: Anxo, Martín, Pereiro, Lagoa, Fabián, Canedo, Peque, Pablo Lestón (Pastor, min.85), David Blanco (Samu, min.46), Brais (Pablo Fuentes, min.70) e Isma (Oliver, min.50).
  • Goles: 1-0, min.10: Alejo de penalti por mans con suspense porque o balón saíu por fóra das redes; 2-0, min.87: Lucas tras unha combinación nunha contra.
Minuto de silencio en Corme ante o Zas-Foto-Paula rodriguez

Non defraudou o partidazo da xornada entre o 2º e o 3º da táboa. Un choque que puido caer de calquera lado, pero foi do lado cormelán, máis efectivo. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do avó do xuvenil Fran, Paco Bugallo Chans, socio fundador do clube.

Buscou un pelín máis o gol o Corme, ante un Zas que saíu se cadra con demasiado respecto. O Zas esperaba metido atrás e deixaba xogar, pero co vento a favor. O cadro local atopouse cun penalti por unha inxenuas mans. Tivo algunha o Zas para acadar o empate como unha de Pablo Lestón co peito, unha de Isma, ou a máis clara, unha chegada de David Blanco que picou ao porteiro pero Miguel Torrado salvou na liña de gol.

Na segunda, o Zas tardou en empezar pero pronto foise arriba, e meteron ducias de balóns á olla, pero ben resoltos pola defensa local. Lucas mandou ao longueiro un córner e xa contra o final, chegaba o 2-0 que dá un punto máis para o Corme pois queda co golaverage individual a favor tralo 1-0 da ida en San Andrés.

Corcubión - Mazaricos (0-2)

  • CORCUBIÓN: Perlón, Alán, Disi, Senra, Marcos, Gabi, Xabi (Antón, min.46), Sebas, Edu (Tito, min.70), Lucas, e Mario (Coiradas, min.85)
  • MAZARICOS: Pejo, Chico, Tuco, Coxo (Ferreiro, min.80), Martín, Rodri, Ricardo, Esteban, David García (Matías, min.55), Molinos (Estñefano, min.70) e Kevin.
  • Goles: 0-1, min.52: Kevin; 0-2, min.85: Estéfano nunha contra.
  • Expulsións: o corcubionés Disi (min.89) e o amarelo Rodri (min.80).
Minuto de Silencio en el Corcubion-Mazaricos-Foto- Jorge Dominguez

Aguantou ata o primeiro gol o Corcubión, pero a liña negativa de resultados nótase nestes momentos, coa falta de reacción ante o tanto que rompía a igualada. E iso que fixo dano ao principio o Corcubión, pero o Mazaricos foise metendo arriba.

Á volta do descanso marcou Kevin, que xa leva 9 goles, e a partir de aí o choque case que rematou. Boas novas para o Mazaricos, e como a boa forma de Kevin e a volta de Matías, que precisamente se lesionaba no partido de ida.

Corcubion-Mazaricos-Foto-Sara Ramos

Fisterra - Camelle (3-0)

  • FISTERRA: Joselu, Robertín, Sergio Manín, Julito (Manuel Cartamil, min.70), Dani, Santi (Tati, min.46), Roa (Guardiola, min.60), Tony, Bruno, Ismael e Mario,.
  • CAMELLE: Dido, Chuchi, Baliña, Adrián, Jesús do Petrallo, Matías, Iván, Miguel Riveiro, Javi Rañal, Martín e Adrián da Barca.
  • Goles: 1-0, min.40: Sergio Manín; 2-0, min.65: Robertín; 3-0, min.75: Guardiola.
  • Expulsión: o fisterrán Ismael por unha agresión e Miguel Riveiro por responder insultando.
  • Lesións: Os camelláns Adrián de Arteixo e Jesús do Petrallo e o fisterrán Mané.

Partido tenso o disputado en Ara Solis, que leva o Fisterra preto dos de arriba. Tras unha primeira media hora igualada na que Adrián da Barca apenas tivo a única ocasión aos 20 minutos, a primeira metade remataba convulsa. Sergio Manín facía o primeiro gol ao tempo que Miguel Riveiro e Ismael eran expulsados tras unha liorta.

A segunda metade xa foi só de control local, cun Carlos de Dido, lateral habitualmente pero que xa leva varios partidos baixo paus polas baixas, que salvou ao equipo dunha gran goleada. Pero é que Pupus chegaba con 11 ao campo pola marea de baixas, e acabou con 8 no terreo de xogo.

Cabana - Castriz (2-1)

Cabana-Castriz-Foto-Cabana
  • CABANA: Añón, Pepe, Eloy, Charli, Iván de Treos, Fariña (David Sande, min.74), Eloy Vilas (Rubén Moirera, min.90), Sandro, Berti (Manolo do Cruceiro, min.54), Josiño e Fernando (Eloy Pereira, min.64).
  • CASTRIZ: Juan, Bruno, Alberto (Munín, min.46), Marcos, David Pose, Pichín (Fabio, min.75), Agra, Luís Castro (Quintáns, min.80), Chinda, Alex e Víctor (Balsa, min.85).
  • Goles: 0-1, min.28: Pichín; 1-1, min.40: Charli; 2-1, min.90: Sandro tras unha xogada de Eloy Pereira.

Partido duro, trabado, cun Cabana que nos últimos busca máis brega e intensidade, obtendo grandes resultados, ademais nota que malia poñerse por debaixo é capaz de repoñerse e levantar un partido como este a todo un Castriz.

Seguramente un empate tivera sido máis xusto, e puido caer de calqueda lado. O Castriz tivo tamén un par de ocasións que salvou Añón, como unha de Quintáns que se prantou só pero non a cedeu aos seus compañeiros sós, e un gol anulado a Alex por un fóra de xogo posicional. Tivo tamén o Cabana un par de accións como un tiro de Manolo do Cruceiro ao longueiro ou un remate de Sandro, pero o gol só chegaba co tempo cumplido.

Cómpre salientar que o Castriz, tras 23 xornadas, non sufríu aínda ningunha expulsión.

San Lorenzo - Cee (1-0)

  • SAN LORENZO: Puyol, David Álvarez, Adrián, Casillero, Germán, Anxo, Rubén (Canteiro, min.80), Fuentefría, Joaquín (Eloy, min.75), David Rey (Javi, min.60) e Velo (Schuster, min.65).
  • CEE: Paulo, Nico, Jorgeito, Berto, Jacobo, Carlos Leis (Javi, min.85), Angeliño, Josiño (Yaya, min.70), Cristian, Penedo e Rodri (Llanero, min.60).
  • Gol: 1-0, min.60: Rubén de tiro cruzado dende a frontal nunha contra.

Partido disputado nas Eiroas na mañá dominical, e o Cee non se adaptou ao campo pequeno e ao fútbol directo que tiveron que practicar os dous equipos, con moito rexeite e moitas segundas xogadas.

O San Lorenzo fixo un partido moi serio e o Cee, na primeira metade ben seguro en defensa pero algo espeso arriba, e de feito a única ocasión que tivo foi un cabezazo de Cristian que parou ben Puyol. Paulo tivo algo máis de traballo e mesmo viu como un tiro pegou no pau.

Na segunda metade, sobre todo á raíz do gol local, o Cee viuse arriba, sen demasiado perigo, e mesmo o San Lorenzo puideron sentenciar con contras de Joaquín e Velo.

Cómpre destacar que Llanero demostrou que ademais de ser un gran xogador é unha mellor persoa logo da lesión de xeonllo de Eloy, xa que despois desto non se separou del nin un minuto. Incluso ao remate do encontro. Un grande do fútbol da Costa.

Llanero no San Lorenzo-Cee-Foto- David Castro

Carnota - Volantes (2-0)

  • CARNOTA: Luís de la Peña, Ferreiro, Tono da Caixa, Manolo Chouza, Pedro Pichín, Pablo Beiro (Boni, min.65), Pumuky (David, min.87), Iván Maceiras (Fernando, min.55), Adrián (Pablo Beiro, min.65), Rodrigo (Urko, min.90) e Manuel Luís.
  • VOLANTES: Vicente, Juan, Pardelo (Ivi, min.60), Mingos, Miguel, Varo, Martín (Gabi, min.70), Moja, Uru, Kajulo e Adri (Kuku, min.80).
  • Goles: 1-0, min.10: Manolo Chouza; 2-0, min.15: Manuel Luís.

Comezou barrendo o Carnota e en apenas 15 minutos o marcador xa sinalaba 2-0. Pouco a pouco o caro local intentouse meter no partido pero foi difícil ante unha tremendamente seria defensa carnotá.

Boa segunda metade do Volantes pero sen pegada ante un Carnota que soubo aguantar o marcador.

Muros - Indep. Carballo (3-1)

  • MUROS: Fabio, Pelos, Veloso, Iván, Juanche, Dani, Gelo, Saúl, Sexo, Jesús e Yanki. Tamén xogaron: Ra, Berni e Santi de Lira.
  • IDC: Diego, Carlos, Manu, Atu, Seo, Cholo, Fraga, Adrián, Óscar, David e Juni.
  • Goles: 1-0, min.25: Yanki; 2-0, min.55: Dani; 2-1, min.80: Juni; 3-1, min.91: Santi de Lira cun golazo.

Con 11 de novo chegaba o IDC a Muros e así as cousas son moi difíciles. O Muros saíu moi forte e na primeira metade puido deixar sentenciado o partido pero Sexo, Yanki e Jesús non tiveron sorte. Era o propio Yanki o que abriría o marcador no ecuador da primeira.

Saíu forte o cadro carballés na segunda, pero Dani marcaba o segundo para o cadro muradán. Quedaban moitos minutos e o IDC deu a cara, e mesmo se meteu no partido cando a falta de 10 minutos Juni recurtaba. Pero sen demasiada fe, non chegaba o empate senón a sentencia xa no tempo cumplido cun golado de Santi de Lira.

Buño - Outes (1-2)

  • BUÑO: Brais, Casais, Alfredo, Iago (Secundino, min.46), Rubén, Diego (Juan, min.75), Pedro, Gurita, Martín (Eloy, min.46), Elías e Charro.
  • OUTES: Gato, Yura, Rafa, David (Rubén, min.56), Chúa, Saúl Babu, min.60), Chía, Martín (Edu, min.75), Piki, Elías (Álvaro, min.75) e Veleiro (Migui, min.46).
  • Goles: 0-1, min.30: Elías; 1-1, min.63: Gurita; 1-2, min.87: Piki tras unha boa xogada de Babu, Migui e o propio Piki.
  • Lesión: o visitante David cunha posible lesión grave.

Partido apretadísimo, moi igualado, con ambos equipos cheos de baixas, pero cun Outes que pode contar cos xuvenís, e un Buño que "fai majas" para xuntar unha convocatoria. Na primeira estivo mellor o Outes, que puido levar maior renda. Pero na segunda o Buño retomou o mando, o Outes cedeu campo pero mantiña unha boa defensa. Gurita anulaba a renda quye Elías acadara na primeira para os da Serra, tras varias chegadas nas que puideron ter sentenciado o partido. Pero non foi ata os minutos finais, cando unha fermosa combinación en ataque significou o gol de Piki e os 3 puntos para un Outes que se mantén na loita por todo, contando xa ademais con Edu.

Sofán - Porteño (4-2)

Sofan-Porteno nas Eiroas-Foto-Porteno
  • SOFÁN: Bugy, Javi Souto (Eloy Boedo, min.70), Diego (Marcos Pensado, min.75), Pablo Martinez, Cantudo, Michel, Martín (Santi, min.75), Brais (Iván Rojo, min.70), Iván Rey, Raúl e Leilán.
  • PORTEÑO: Bonano, Pejo, Iago, Caamaño, Maikol, Isma, Piti, Cousillas, Varela (Brais, min.75), Carlos e Cristian.
  • Goles: 1-0, min.15: Raúl de penalti cometido sobre Leilán; 1-1, min.27: Varela de bonita falta directa; 2-1, min.44: Pablo Martínez á saída dun córner; 3-1, min.60: Brais remata unha falta; 4-1, min.70: Leilán de volea; 4-2, min.85: Isma de penalti.

Sufríu a SD para derrotar ao Porteño e acabar co maleficio das Eiroas. Un bo comezo da segunda metade foi clave para que o Sofán sumase os 3 puntos que o manteñen no máis alto da táboa xunto co Corme, nun choque no que 5 dos 6 goles chegaron a balón parado, nunha nova demostración da importancia destas xogadas no fútbol costeiro.

Adiantouse a SD por medio de Raúl dende os 11 metros, pero os de Rosquillero non se viñeron abaixo, empataron o partido e puxeron en apuros ao cadro local. Retomaba o mando a SD que entre os últimos 10 minutos da primeira e os primeiors 15 da segunda sentenciaba o partido. Clave foi o gol de Pablo Martínez ao fío do descanso, que sentou como un xerro de auga fría nos da Ponte.

Sofan-Porteno nas Eiroas-Foto-SD Sofan

Máis información

Crónicas da semana

Artigos relacionados

O Album de cromos do #FutboldaCosta

Fonte

Comentarios