Venres. 03.05.2024
El tiempo

3ª Autonómica: Escapan os 3 de arriba

3ª Autonómica: Escapan os 3 de arriba

A vitoria do Nantón en Cerqueda deixa aos 3 de arriba co camiño aberto para sentenciar o ascenso. Os de Luís e o equipo de Raúl Periscal, que solventaba un complicado encontro en Lira con mestría, comandan a táboa con 58 puntos, 3 máis que o Corcubión. Os de Manín non sufriron ante o pechacancelas.

Agora xa son 6 puntos os que separan ao Corcubión, que pecha os postos de ascenso, co 4º clasificado, esta xoranda o Coristanco, que vencía en Alcaián e aproveitaba os tropezos de Cerqueda e Cabana para asomar a cabeza na loita por esa 4ª praza.

Cerqueda - Nantón (0-1)

  • CERQUEDA: Fredi, Atu (Uru, min.15) (Che, min.80), Dani, Javi, Rober (Carlos, min.65), Alberto, Santi, Alex, Lorenzo, Dieguito (Josiño, min.46), Gabi (Añón, min.60).
  • NANTÓN: Martín, Diego, Cristian, Sito, Félix, Carlos Vidal, Fabio (Rubén, min.46), Amado, Luís, Manolo (Manu, min.80), Javi.
  • Gol: 0-1, min.47: Luís aproveita un rexeite que lle deixa.
  • Lesión: Atu tras ser pisado nunha man.

O partido da xornada disputábase en Xaviña de Buño, un campo alleo para o equipo local. O Cerqueda tiña a oportunidade de apretar as cousas na cabeza da táboa, pero a vitoria do Nantón, a falta de 15 puntos en liza, case que sentencia o ascenso. O Nantón chegou coas ideas claras e disposto a batallar o necesario, e así o fixo aproveitando unha ocasión illada do de sempre.

A primeira parte foi tan tensa como igualada. Apenas houbo ocasións, máis que un cabezazo de Carlos Vidal que sacou o porteiro Fredi. O Cerqueda intentaba xogar e o Nantón era máis práctico e buscaba os balóns en longo.

Na segunda saíu mellor o Nantón, e xa marcou Luís, nada máis comezar. I é que malia estar ben marcado todo o encontro, aproveitou case que a única que tivo, e foi tras un rebote a un despexe do central local, ao que o killer cabanés non perdoou.

Se viñeron arriba os pupilos de Rochi, intentando tocar máis. O Nantón, con máis veteranía, cortaba o xogo continuamente, e amosábase moi firme en defensa. A mellor ocasión local chegou nos pés do meta suplente Ché, que xa marcou a semana pasada ante o xaviña. Ché enviou un chutazo ao longueiro que puido ter suposto a igualda.

Tralo final, o presi do Cerqueda baixou a felicitar aos seus xogadores ao vestiario a pesar da derrota e da case total perda de posibilidades de cara o ascenso. Agora, os de Rochi, loitarán por ese 4º posto nesta para pechar o mellor posible esta magnífica temporada.

Alcaián - Coristanco (0-2)

  • ALCAIÁN: Herrera, París, Iván Souto, Iván Castro, Víctor Freire, Pío, Luisito, César, Framil (Bruno, min.60), Daviciño, Pistolas.
  • CORISTANCO: Gonzalo, Iván (Arantón, min.35), Oscar, Germán, Luís, Pazos (Cota, min.70), Dani, Mallón, Benítez, Toniño, Palermo (Pistolas, min.80).
  • Goles: 0-1, min.33: Palermo; 0-2, min.80: Benitez a pase de Arantón.

O Coristanco colócase 4º tras un encontro igualado. Na primeira metade o equipo local levou o peso do choque. Palermo e Dani tiveron boas ocasións para os visitantes pero por parte local tamén enviaban dous tiros ao longueiro de Iván Souto, e outras dúas faltas César que parou Herrera. Palermo, á media hora, adiantaba aos visitantes.

Na segunda o Alcaián levou moito perigo a balón parado. E estiveron a piques de empatar en varias ocasións, malia que o 0-2 tamén puido chegar nunha chilena de Pistolas que repelíu o pao e un remate de cabeza de Palermo que saíu fóra. Toniño viu como o colexiado lle anulaba un gol xa co 0.2

Atl. Pereiriña - Muxía (1-3)

  • ATL. PEREIRIÑA: Andrés, Simón, Mario (Álvaro, min.46), Javi, Riki, Alex, Villar, Adán, Morcillo, Víctor (Grille, min.60), Javi Marroco.
  • MUXÍA: Angel Luís, Chans, Conguito, Chori, David, Dani (Álvaro, min.60), Pesqui, Alberto (Sancho, min.70), Fran Pioto (Pardelo, min.80), Dimas, Canario.
  • Goles: 0-1, min.15: Morcillo; 1-1, min.25: Fran Pioto; 1-2, min.60: Dimas; 1-3, min.80: Fran Pioto.
  • Expulsión: o local Adán no min.65.

O peor encontro do equipo local case que en toda a tempada, que pensaba que estaba todo feito antes de saír ao campo. Pero o Muxía, con moita xuventude, foi superior e remontou o gol inicial de Morcillo.

Non quedaron contentos nin nun lado nin outro coa actuación arbitral que non foi quen de cortar o xogo duro. Ao final tivo lugar unha pequena tangana tras unha entrada dun xogador local e a resposta airada do presi do Muxía. O colexiado avisou de que vai presentar un "anexo".

Muros B - Indep. Carballo (2-3)
  • MUROS B: Angel (Samuel, min.46), Paqui, Etxeba (Casco, min.75), Canote, Yerai, Pedro, Mingos, Ramón, Pardelo (Maikel, min.60), Pesco, Piru (Geiko, min.46).
  • INDEPENDIENTE: Noe, Efrén, Suso Noya, Danirosalia, Toni, Míchel, Cholo, Rubén, Manu, Iván Lorenzo e Ivi. Tamén xogou David.
  • Goles: 0-1, min.20: Iván Lorenzo de falta directa pola escuadra; 1-1, min.42: Pardelo; 1-2, min.50: Ivi; 2-2, min.75: Pesco; 2-3, min.80: Ivi

Encontro moi discutido e igualado con constantes alternativas tanto no xogo como no resultado. As ocasións ían en viñan e non houbo dominador claro. Pero máis acertados estiveron os carballeses que tras ver como os locais conseguían empatarlle por dúas veces, eran capaces de marcar o gol da vitoria a 10 minutos do final.

Outes - Cabana (2-0)

  • OUTES: Gato, Saúl, Martin, Chúa, Arturo, Las, Damián (Sergio, min.72), Fabio (Lago, min.90), Deivi, Pesco (Piki, min.46), Marico (Pito, min.63).
  • CABANA: Toni, Rubén, David Sande, Marcos, Alfredo, Eloy (Adrián, min.55) , Rubén Rama, Sandro (Dani Ameijenda, min.75), Darío (Jacobo, min.65), Josiño, Suso Docampo.
  • Goles: 1-0, min.54: Piki; 2-0, min.90: Piki.
  • Expulsión: o xogador visitante Marcos por protestar tralo primeiro gol; e no min.75 ao meta visitante Toni por unha man fóra da área.

Saiu o Cabana máis preocupado do Outes, equipo temido en toda a categoría. E a primeira parte foi igualada, sen demasiadas ocasións. Pero tralo primeiro tanto, os locais tomaron o control do balón, e, de seguido, as expulsión mataron ao Cabana.

Lira - Mazaricos (1-3)

  • LIRA: Miguel Anxo; Boni, Toni, Pedro, Javi (Juan, min.65), Marco Antonio, Suso Patachín, Víctor (Iago, min.70), Sani, Ancho, Rico.
  • MAZARICOS: Juan, Casais, Tuco (Chico, min.75), Ramón, Oscar, Matías (Oreiro, min.82), Martín, Estéfano (Aldo, min.50), José Angel, Rodri (Coxo, min.77) e Kevin.
  • Goles: 1-0, min.20: Suso Patachín dende 30 m; 1-1, min.48: Jose Angel; 1-2, min.76: Oscar; 1-3, min.85: Kevin.

Partido frouxo do líder que aumentou a intensidade na segunda metade para darlle a volta oa marcador pero sen facer un fútbol moi brillante. Así e todo, foi un partido moi vibrante o vivido en Lombáns, onde o Lira, perante a visita do lider, amosou durante os primeiros 45 min coma o aspirante o ascenso que era a principio de tempada. Tal e asi que o líder na primeira parte non inquedou a porta local, agás nun tiro da frontal que saeu alonxado da porteria de Miguel Anxo.

Na primeira parte o equipo local esperou os mazaricáns en tres cuartos, para recuperar balon, tocar e saír por bandas. Froito deste xogo local tiveron varias boas ocasións, nun remate de cabeza de Rico na frontal da área pequena que enviou ao centro da porteria; un chut de Marco Antonio a rentes da escadra na saída dun corner e un balón peinado por Rico que Ancho non foi capaz de aproveitar. Pero os locais forno capaces de ir o descanso por diante no marcador cando nun balón roubado en medio campo montaron unha contra de 3 para 2, na que Suso Patachín fixo o máis dificil, pegarlle dende 30 metros e coala lambendo o longueiro dun zapatazo tremendo.

Pero a partires de aquí unironse dous factores: o líder, que é moito Mazaricos, e o estado fisico dos locais que soamente xuntaron 13 xogadores.

Así na primeira xogada da segunda parte, tras roubar o balón e tocar na medular, os visitantes terminaron gañando a espalda do lateral esquerdo lirista e sacar un centro raso que terminou no fondo das mallas locais por medio de José Ángel. A partires de aqui o Lira baixou a cabeza, e o mazaricos empezou a dominar o partido na medular, chegando a ter máis ocasions pero sen moita importancia ata o 1-2 no 65 o adiantarense pillamente o primeiro pau os atacantes mazaricáns.

O Lira botou o resto e puido empatar cun remate de Pedro o longueiro á saida dun corner, cuxo rexeite colleu Rico na área pequena e botou porriba do longueiro. O Mazaricos rondaba sempre a área local ata que meteu o terceiro no 80 nun bo control de Kevin enfronte da área grande, escorado a esquerda e que mandou un precioso remate con rosca a cepa do pau longo.

Pero os locais xa fundidos aínda respostaron con outro remate o longueiro noutro saque do curruncho de Dani. De aí ao final só compre apuntar unha xogada memorable de Kevin que recibindo o balón no lateral da área regateou a 4 defensas locais por liña de fondo, pero o meta lirista arrebatoulle o balón coa biqueira da bota, frustrando o que seguramente seria o gol da tempada na terceira da costa.

Laxe - Xaviña (4-1)

  • LAXE: Jacobo, López, Aaron, Jaja, Oscar, Adán, Rubén (Carlos, min.80), Dani, Felipe, Antonio Castro e Anxo (Beizana, min.60)
  • XAVIÑA: Juan, Chiri, Juan Antonio (Fran, min.75), Chapu, Jallejo, Carlitos, Carlos, Jonathan (Mike, min.30), Dani, Bua, Elvis.
  • Goles: 1-0, min.20: Felipe; 2-0, min.30: Dani; 3-0, min.60: Antonio Castro; 3-1, min.70: Chato, de penalti; 4-1, min.75: Anxo.

Cómodo triunfo dos locais que non pasaron apuros para golear a un débil Xaviña, mesmo Antonio Castro desaproveitou unha pena máxima co marcador de 4-1.

Partido entre dous dos debutantes da categoría. Os locais foron superiores ante un Xaviña que está verdadeiros problemas para xuntar convocatorias neste último treito de competición.

Corcubión - Corcoesto (5-0)

  • CORCUBIÓN: Cristian, Carlitos (Gabi, min.68), Sergio, Chisco, Balucho, José, Borja Munitis (Alán, min.60), Santi (Paulo, min.50), Estrella, Mario e Lourido.
  • CORCOESTO: Siro, Rodri, Germán, Rivera, Miguel (Pepe, min.46), Luís, Roi, Javi, Martín, Pichón e Lista.
  • Goles: 1-0, min.10: Mario; 2-0, min.20: Lourido; 3-0, min.50: Mario; 4-0, min.60: Lourido; 5-0, min.88: Balucho.

O Corcubión non tivo demasiados problemas para vencer a un Corcoesto que, como vén sendo habitual, pagou en exceso o esforzo na segunda metade. O primeiro tanto do encontro firmouno Mario, aos dez minutos de encontro, ao gañarlle a espalda á zaga cabanesa. Pouco despois, Lourido aumentaría a conta, ao aproveitar un erro do gardameta Siro. O Corcoesto aguantou ben nese primeiro acto, aínda que sen demasiados acercamentos á portería rival. Xa na reanudación, Mario, Lourido e Balucho sentenciaron a un rival entregado.

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).
  • Colabora Martín Suárez, Miguel de Lira.
  • Foto do encontro da primeira volta da UD Cerqueda.

Comentarios