Atopado o corpo sen vida do turista neozelandés desaparecido en Traba


Arredor das 13:00h deste mércores, 31 de agosto, era atopado o corpo sen vida do turista neozelandés, duns 30 anos, desaparecido o pasado día 22 no areal laxense de Traba.
Foi un grupo de percebeiros de Camelle os que atoparon o corpo nas augas da propia praia. Estes deron aviso aos servizos de emerxencia e á Garda Civil. O buque Don Inda recolleu o corpo e trasladouse ata o porto laxense á espera da chegada dun xuíz para o levantamento do cadáver. Pouco antes das 15:00h, o corpo sen vida do turista era trasladado a dependencias sanitarias para proceder á autopsia.
Segundo informacións facilitadas por Protección Civil de Laxe, o corpo atopábase en bo estado, sen ningún síntoma aparente de deterioro. Cumpriuse o guión previsto por moitos, que apuntaba a que por mor das condicións humanas e as reaccións físico-químicas, o corpo aparecería entre 9 e 12 días despois da desaparición.
A familia amosouse moi agradecida cos servizos prestados ao longo dos últimos días polos servizos de emerxencia, que levaban artellando dispositivos de búsqueda dende o día 22.
O falecido desaparecera o pasado 22 de agosto na praia de Traba de Laxe, lembramos, un areal dos máis perigosos da Costa da Morte e sen servizo de socorrismo. A súa muller quedara lendo un libro pero o seu home xa non voltou.
Novas relacionadas
- 22-08-11: Desaparece un home na praia de Traba.
- 20-07-11: Morre un home en Corme logo de emborcar a súa embarcación.
- 12-07-11: Atopado o corpo sen vida dun mergullador en Muros.
- 27-05-11: O mar da Coruña cóbrase dúas vidas malpicás.
- 22-04-11: Desaparece un home do Ézaro no mar.
- 25-01-11: Salvamento Marítimo acode ao rescate dun veleiro a 30 millas da costa camariñá.
- 21-01-11: Un pescador falece en Fisterra cando ía ao mar.
- 20-01-11: Rescatan a unha mariscadora que caíu ao mar en Caldebarcos.
- 27-12-10: Falece un pescador nos cantís de Laxe.
- As imprudencias no mar páganse.
Fonte
- Redacción de Fran Lago para QPC (franlago@quepasanacosta.gal).