Luns. 29.04.2024
El tiempo

Laxe acolle o vindeiro martes 28 o III Encontro de Turismo da Costa da Morte

Salon de A Torre de Laxe para eventos de empresa
Un dos salóns da Torre de Laxe
Laxe acolle o vindeiro martes 28 o III Encontro de Turismo da Costa da Morte

A Torre de Laxe acolle o martes, 28 de novembro, o  III Encontro de Turismo de Costa da Morte.  A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) está a organizar esta cita anual, que ten como obxectivos principais o de ser un espazo de celebración do traballo en rede, de intercambio de ideas, experiencias e propostas, así como de posta en valor de todo o traballo que se ten realizado desde os inicios da CMAT e ao longo desta última anualidade, para seguir fomentando o crecemento económico e social do xeodestino a través do Turismo.

Están convidados/as a asistir os alcaldes e alcaldesas dos 17 concellos socios da CMAT, así como o seu persoal técnico de Turismo e Cultura, o tecido empresarial do sector da Costa da Morte, asociacións locais de Turismo e Camiño de Santiago Fisterra-Muxía, profesionais do eido da comunicación e colaboradores da CMAT no ámbito turístico, tanto de tipo empresarial, como institucional e académico.

Aberta a inscrición

Xa está activo na web www.visitacostadamorte.com o formulario online para realizar a solicitude de inscrición ao evento. O prazo para solicitar a asistencia remata o martes, 21 de novembro de 2023, ás 14.00 horas. Será a CMAT a que confirmará a dispoñibilidade de praza aos solicitantes en función, sobre todo, do aforo do lugar onde se celebrará o evento. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles, terán prioridade os representantes dos concellos membros da CMAT e da Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM).

Programa

Abrirá a xornada e dará a benvida aos asistentes o presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, para dar paso a Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, que falará sobre o futuro do turismo en Galicia e na Costa da Morte. Posteriormente, Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, dará a coñecer o impacto esperado no territorio dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino. Da evolución do destino e a traxectoria da CMAT falará Marta Rodríguez, da Secretaría Técnica da CMAT.

Haberá tempo para compartir os resultados da implantación do SICTED no destino, aprender sobre as novas fórmulas de promoción na rede e as oportunidades para a astrofotografía e o astroturismo na Costa da Morte, grazas á colaboración dos expertos Emilio Cuíñas, de Autoxiro; Nuria P. Espasandín, de Toxío.gal e Óscar Blanco, de Trevinca Skies.

presidente de APTCM, Pepe Formoso, rematará a quenda de relatorios falando sobre o asociacionismo empresarial como motor de cambio no desenvolvemento turístico do xeodestino, para dar paso á entrega do recoñecemento Embaixador da Costa da Morte 2023, por parte de Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra.

Máis novas

Comentarios