Icía Varela, recoñecida na súa casa

Levar a voz, a cultura, a tradición de Cerqueda, de Malpica, polo mundo adiante é algo impagable. E o que leva facendo estes anos Icía Varela é algo que o Concello de Malpica quixo recoñecer co recoñecemento desenvolto na mañá deste venres 16 de febreiro. O alcalde Eduardo Parga e a concelleira de Cultura Noelia Freijeiro recibiron á artista cerquedá no Salón de Plenos para agradecerlle que “leve a voz de Malpica, de Cerqueda, polo mundo adiante”, lembrando a súa participación no Festival Internacional de Lorient ou no Celtic Connections de Glasgow, dúas das citas máis importantes do mundo da música de raíces.
Freijeiro, emocionada, recoñeceu estar “moi orgullosa” e satisfeita de poder brindar esta fermosa homenaxe.
Lembrou o alcalde que dende pequeniña sempre levaba a cultura no sangue, i é que Icía mama a música dende o berce. Provén dunha familia que é sinónimo de cultura; filla dun escritor e divulgador da cultura galega maiúsculo como Xosé Manuel Varela, e dunha muller que representa mellor que ninguén o valor da tradición e o asociacionismo dende a Asoc. Cultural Raigañas, como Bego do Manso.
Icía xa despuntaba nos vídeos de Youtube, aló por 2015-2016, antes de pasar polo Conservatorio. E de aí, a pesar da súa corta idade, a converterse nunha auténtica referencia no folk galego, tanto a nivel individual como do seu grupo Arredores, como se comproba cada vez que a vemos recibir apertas agarimosas de xentes tan influíntes como Xabier Díaz.

Icía agradeceu a homenaxe a Noelia e Eduardo, e recoñeceu como unha honra “levar a Cerqueda dos meus amores por aí adiante”. “Agora somo coñecidos no mapa mundial, e sei ben admiran a nosa cultura”, sinalou fachendosa antes de asinar o libro de honra do consistorio.
Así e todo, cómpre lembrar que todo isto é apenas o principio dunha carreira que non ten teito.
Historial de Icía en QPC
- 2023: Icía Varela e Xosé Iglesias, presentes no Festival Interceltique de Lorient.
- 2022: A Festa Galega convertiuse e todo un festival de música tradicional.
- 2020: Icía Varela e Arredores, desexando ir a Ortigueira.
- 2020: Icía Varela baila co mar polos Arredores de Cerqueda.
- 2017: Da tradición da Raigañas, ao lírico do Conservatorio e ao pop do Youtube, con Icía Varela.