ADEGA presenta alegacións o impacto ambiental do proxecto da estación de bombeo da Ruña
- Afirma que non é viable instalar dous novos proxectos hidroeléctricos no "río máis sobreexplotado da bacía de Galiza-Costa"
Hai xa dous anos que Fins Eirexas, un dos responsables de ADEGA, aseguraba a QPC que “o proxecto da estación de Bombeo podería nacer xa morto”. Mais o proxecto segue avanzando e superando procesos administrativos, estando actualmente en proceso de exposición pública.
Xa son varias as entidades que presentaron alegacións, como fai esta semana a propia ADEGA. A entidade presentou ante Augas de Galicia as súas alegacións aos dous proxectos de centrais de bombeo no río Xallas presentados por Feroe Ventures & Investments, S.L.U. e Portodemouros Solar SL (cun prazo concesional de 75 anos).
O primeiro, de case 400 MW, usa unha balsa superior de 2,5 hectómetro cúbico para bombear a auga do encoro de Santa Uxía, no Xallas, e logo turbinar. O segundo, de 80 MW, usa dúas balsas de 1 hm3 cada unha, para turbinar/bombear en bucle, ao usar tamén como fonte de auga inicial o encoro de Santa Uxía.
”Autorizar estas concesións suporía fosilizar até o ano 2099 o secuestro do Xallas, o río máis sobreexplotado da bacía de Galiza-Costa, con 4 encoros en 15 km de río (Fervenza, Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía) e 7 centrais hidroeléctricas”, puidendo “ficar até 189 anos regulado (dende 1910, data do primeiro aproveitamento no río, até o ano 2099), o que resulta absolutamente inaceitábel alén de contravir a Directiva Marco e a vixente lexislación de augas”.
Afectación
Critican ademais de que non se tratan de proxectos de enerxía renovable, senón que son meramente especulativos, pois se basean en bombear dende o encoro ata a balsa cando a electricidade é máis barata, para turbinala dende arriba cara abaixo xerando enerxía cando esta sexa máis cara. Todo, á costa “dun brutal impacto paisaxístico e ambiental”.
Sinalan o impacto directo en zonas como espazo da Rede Natura 2000 ZEC “Carnota-Monte Pindo”, situado inmediatamente ao Oeste e contiguo ao encoro de Santa Uxía, encoro por certo, inserido no Inventario de Zonas Húmidas de Galiza
As estacións provocarían serias “modificacións substanciais do balanzo hídrico das bacías afectadas tanto augas abaixo como tamén augas arriba, o que afecta negativamente as captacións de abastecemento tanto en caudal como nos parámetros de calidade físico-química da auga”, como vén denunciando a Plataforma Vendaval.
NOVAS RELACIONADAS
- Setembro 24: A Plataforma Vendabal alertan sobre as consecuencias da estación de bombeo da Ruña.
- Agosto 24: Primeiras respostas ao sometimento á exposición pública da estación de bombeo da Ruña
- Xa na rede o documental sobre a riqueza natural da Ruña.
- O debate sobre extractivismo de Corcubión reflexionou sobre o impacto no turismo e no agro
- Fins Eirexas sobre a estación de bombeo da Ruña: “Hai moitas posibilidades de que este proxecto naza xa morto”.
- 12-09-22: Mazaricos infórmase sobre o impacto da estación de bombeo na Ruña.
- 04-09-22: A veciñanza mazaricá berra baixo a tormenta “A Ruña é nosa”.
- Agosto 22: Máis apoios para que a “Plataforma Salvemos A Ruña” poida parar o proxecto da estación de bombeo.
- Agosto 22: A Plataforma "Salvemos A Ruña" nace con apoios.
- Agosto 22: O PSOE pregunta no Parlamento pola estación de bombeo da Ruña.
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.
- Marzo 22: XEAL pretende construír unha estación de bombeo no monte da Ruña.