As Asociacións de Mazaricos asinan un acordo coa empresa do P.E. A Ruña para que a súa instalación revirta na terra

O Concello de Mazaricos ten sido nos últimos anos un exemplo da defensa do seu territorio e da súa veciñanza ante a invasión eólica. Este luns deron un paso máis na relación coas empresas promotoras dos parques eólicos, coa sinatura dun acordo entre unha vintena de asociacións veciñais e a empresa Eurus-Desarrollo Renovable, promotora do parque eólico A Ruña.
O convenio “é unha mostra doutra maneira de xestionar a enerxía eólica que respecta e ten en conta os intereses da veciñanza”, explica o alcalde Juan Blanco, dando conta de que en total, as entidades recibirán 72.000 euros anuais durante 30 anos, sumando un investimento total de 2,2 millóns de euros por parte da empresa, vinculado á instalación dunha ducia de aeroxeradores en Arcos, Beba, Coiro e Colúns.
Para o Concello o acordo promove “a simbiose” entre empresas, veciñanza e institución local, posto que o tamén o Concello de Mazaricos como institución terá acceso a unha nova fonte de financiamento grazas á taxa do 4% que marca o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) municipal. O proxecto de Eurus achegará 1,2 millóns de euros neste concepto nun primeiro momento e outros 180.000 anuais por actividades económicas e imposto de bens inmobles.
O acordo marca un “precedente que deberían seguir outras administracións”, consideran.
O Parque da Picota
O rexedor comparou este proxecto co do parque eólico A Picota, sinalando que “son coma o día e a noite”. Para o alcalde, “no caso do parque da Ruña a explotación eólica vai ligada ao investimento na zona, evitando o impacto sobre zonas habitadas e actividades económicas previas”. Sen embargo, o proxectado parque da Picota afecta “a diversos núcleos poboacionais, ao Camiño de Santiago -que é un dos principais motores do turismo en Mazaricos- e a terreos produtivos nun concello coma o noso que vive da gandería”.
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS de Mazaricos
- Decembro 21: O Concello de Mazaricos confía en que a Xunta non aprobará os parques eólicos A Picota I e II.
- Novembro 21: O Tribunal Superior ratifica que o P.E. A Ruña II non pode ir en terreos que foron afectados polos incendios
- Novembro 21: O alcalde de Mazaricos trasládalle á veciñanza a pouca viabilidade que ten o Parque Eólico A Picota.
- P.E. A Picota: Os eólicos comprometen o sector gandeiro
- 11 entidades bergantiñás piden a anulación do Complexo Eólico da Costa da Morte.
- INFORME: O novo impulso eólico propón 39 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Setembro 2020: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2020: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .
- Agosto 2019: Mazaricos páralle os pés aos eólicos.