O Concello de Mazaricos confía en que a Xunta non aprobará os parques eólicos A Picota I e II

Poucos Concellos tratan de aportar luz no escuro mundo dos viraventos. O de Mazaricos é todo un exemplo, facilitando, por exemplo, a presentación de alegacións. Foron preto de 200 as recollidas polo Concello nestas últimas semanas en relación aos parques eólicos A Picota I e II. Uns proxectos sobre os que o Concello centrou a xuntanza informativa organizada este pasado martes na Casa da Cultura da Picota, á que acodiron unhas 70 persoas.
Un asunto que preocupa e moito en Mazaricos, pois estes parques comprometen directamente o sector gandeiro.
O alcalde Juan Blanco xa trasladara en novembro a pouca viabilidade que ten o parque, pouco antes de coñecer que o TSXG anulase o P.E. A Ruña II. Onte reiteraba o “dubidoso encaixe legal” dos proxectos A Picota I e II, e se amosou confiado en que a Xunta non concederá a autorización administrativa. “Moi probablemente a Xunta denegue a autorización administrativa”, aseverou.
Argumentos: Franccionamento irregular
Un dos argumentos que ten é o fraccionamento fraudulento dun proxecto único, que comparte liñas de evacuación e outras infraestruturas. Un caso repetido en toda Galicia para evitar superar os 50 megawatios e sortear así a normativa estatal e os estudos de impacto ambiental.
Lembrou que a sentenza 254/2020 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en relación co parque eólico das Sasdónigas (Mondoñedo) pecha a porta a esta posibilidade e senta xurisprudencia sobre o carácter irregular destas divisións.
Argumentos: Terreos ardidos
Indo máis polo miúdo, Blanco sinalou que varios dos muíños do parque I están “situados fóra das áreas contempladas pola Xunta na ordenación do territorio, mesmo incumprindo a normativa española e galega sobre incendios que non permite o cambio de usos de terreos ardidos”. A mesma razón que provocaba a suspensión da licenza do Parque A Ruña II.
Argumentos: O Camiño
Igualmente, varios muíños atópanse nas proximidades de explotacións gandeiras e de vivendas, así como do Camiño de Santiago. Salientou do mesmo modo o incumprimento de varios dos viraventos do previsto na normativa aeronáutica e o feito de que os informes dos promotores contemplen un importante impacto patrimonial.
Neste asunto ademais tamén hai xurisprudencia, como é a do Parque Eólico das Sasdónigas, tamén anulado.
Denuncia
“Non estamos contra os eólicos e queremos que as instalacións enerxéticas redunden no benestar dos veciños das áreas onde se instalen, e por iso imos pelexar porque se cumpra a lei”, manifestou, deixando claro que no caso de que a Xunta aprobe o proxecto, o Concello optará pola vía contencioso-administrativa.
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS de Mazaricos
- Novembro 21: O Tribunal Superior ratifica que o P.E. A Ruña II non pode ir en terreos que foron afectados polos incendios
- Novembro 21: O alcalde de Mazaricos trasládalle á veciñanza a pouca viabilidade que ten o Parque Eólico A Picota.
- P.E. A Picota: Os eólicos comprometen o sector gandeiro
- 11 entidades bergantiñás piden a anulación do Complexo Eólico da Costa da Morte.
- INFORME: O novo impulso eólico propón 39 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Setembro 2020: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2020: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .
- Agosto 2019: Mazaricos páralle os pés aos eólicos.