Mazaricos pecha o Entroido cos Bolos do Pote

Mazaricos será o encargado, un ano máis, de poñer o broche de ouro ao entroido. Farao, como vén sendo costume, comendo cocido e bolos do pote nunha festa de exaltación que este ano cumpre a súa 26ª edición e que terá lugar o 8 e 9 de marzo.
Tanto desde a asociación de hostaleiros local, como desde o colectivos Monte Picoto e Amas de Casa de Mazaricos entidades que, xunto ao propio consistorio, son os encargados da organización desta festa gastronómica, ultiman xa os preparativos dunha celebración que se converteu xa nun referente galego, e que conseguiu que se enchan ata os topes os diferentes establecementos hostaleiros do concello.
Neste sentido, aínda que o día grande da festa gastronómica segue sendo o domingo, os bolos xa poden degustarse un día antes, sempre baixo reserva, en calquera locais participantes e que este ano serán: Bar Asador Manduca e os restaurantes Efe-Eme, Casa Jurjo e Casa Pego.
Todos servirán un menú parecido a un prezo mínimo de 30 euros e que estará composto, ademais de polos tradicionais bolos do pote, por cocido, sobremesa, viño e café. Tamén figuran como establecementos colaboradores Taberna Casa Senra e Café-Bar Alborada e Pizzería Pinocchio que servirán o tradicional manxar en forma de tapas ou racións con cada consumición que se tome.
Neste sentido, aínda que a elaboración dos bolos do pote é aparentemente sinxela —trátase dunha mestura de fariña e auga que se amasa en forma de bóla e posteriormente se coce no caldo fervendo—, cada cociñeiro ten os seus propios segredos para facelo máis saboroso e apetecible. Tanto é así que algúns locais mesmo optan por empregar anacos de touciño entrefebrado ou chourizo para preparar unha especie de rustrido que imprime un potente sabor ao bolo.
Degustación no campo da Feira

Como vén sendo costume, a xornada dominical arrincará na carpa situada no Campo da Feira coa demostración en vivo da elaboración dos birlos, que correrá a cargo da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos e do colectivo de veciños Monte Picoto. A súa degustación, acompañada de chourizo e orella, arrincará á unha da tarde en forma de racións que se servirán nun prato conmemorativo de cerámica de Buño a un prezo de 2 euros.
Xa a partir das 14:00 da tarde comezará a servirse o menú nos diferentes locais participantes que, ante a previsión dunha afluencia elevada de visitantes, xa reforzaron os seus persoais de traballadores e, mesmo, apostouse por instalar mesas supletorias para que ninguén se marche de Mazaricos sen probar os bolos. Como en calquera celebración gastronómica que se prece, tampouco faltará a música que este ano correrá a cargo da charanga Alambique.