Martes. 16.04.2024
El tiempo

Pescadores e defensores do medio ambiente levan as gaiolas de salmón de Muros á Fiscalía

Pescadores e defensores do medio ambiente levan as gaiolas de salmón de Muros á Fiscalía

Como anunciabamos o pasado venres de paso que falabamos das críticas do BNG e PSOE contras as gaiolas de salmón na ría de Muros, este luns 21 de novembro tiña lugar unha reunión moi importante no seo do sector pesqueiro.
Un grupo de organizacións medioambientais, ONGs, entidades do propio sector pesqueiro e de outros ámbitos, pescadores e armadores da Ría de Muros e Noia trasladáronlle á Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG un documento sobre as irregularidades que se están cometendo en torno á instalación das gaiolas de salmón na ría de Muros e Noia e sobre o prexuízo que está causando esta instalación no medio mariño e no sector pesqueiro, de tanta importancia nesta rexión.

Pescadores e defensores do medioambiente manifesta así a súa inquedanza polos riscos que para o medio mariño e os recursos pesqueiros das rías ten a instalación de gaiolas para o cultivo do salmón. Unha inquedanza que o sector mariñeiro manifestou dende o primeiro momento, pero que ante a aparición de centos de salmóns mortos entre as redes e aparellos dos pescadores que faenan nesta ría, procedentes das gaiolas, en avanzado estado de descomposición, van máis aló.

Denuncia colectiva

No decurso da xuntanza co Fiscal as entidades deron traslado, xunto coa denuncia colectiva, dun DOSSIER [pdf] coas irregularidades do proceso e a documentación gráfica que certifica, fronte á desinformación da consellaría do Mar, a alta mortalidade dos peixes, a nefasta xestión dos refugallos e o uso de recursos públicos para unha actividade privada.

Manifesto contra as Gaiolas de Salmón na ría de Muros

As organizacións ADEGA, VERDEGAIA, OCÉANA, WWF, SALVA A SELVA, ASOAR-ARMEGA, Fundación Lonxanet e armadores de Muros e Noia expresamos a nosa confianza en que o Ministerio Fiscal sexa quen de obrigar á consellaría do Mar a actuar con imparcialidade, esixindo a posta a disposición da cidadanía dos datos "segredos" sobre o resultado da experiencia de Arousa e a presentación dos informes científicos independentes que permitan avaliar todos os riscos desta actividade sobre o ecosistema e a produtividade das rías.

A administración galega debería respostar tamén pola escandalosa connivencia coa empresa e a submisión de recursos públicos -un remolcador de salvamento chegou a inxectar en catro ocasións auga fría na gaiola- aos intereses de North West Food. A Consellaría do Mar mesmo chegou a negar públicamente a evidencia da aparición de numerosos salmóns mortos próximos á gaiola nas artes de pesca. Os colectivos asinantes da denuncia puxemos a disposición da Fiscalía as probas gráficas (fotografías e vídeos) así como os cadáveres recollidos para que consten como proba e por se son susceptíbeis de análises toxicolóxicas.

Finalmente, instamos tamén á Fiscalía a pescudar sobre a nefasta xestión do gran volume de refugallos (cadáveres en avanzado estado de descomposición) que está a provocar a "experiencia" na ría de Muros. Estes restos, polo seu potencial contaminante, deberían ser xestionados conforme a rigorosos protocolos como residuos perigosos e non amorealos de calquera xeito en contentores ao alcance de calqueira ou utilizalos como alimento de animais de granxa.

  • Asinan a denuncia: ADEGA, VERDEGAIA, OCÉANA, WWF, SALVA LA SELVA, ASOAR-ARMEGA, Fundación Lonxanet e armadores de Muros e Noia.

Máis información

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

Comentarios