Martes. 24.05.2022
El tiempo

A Fundación López Abente prepara novas publicacións e actividades

A Fundación López Abente prepara novas publicacións e actividades

O pasado sábado, 28 de xaneiro, a Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente mantivo unha reunión na súa sé da Casa das Beiras de Muxía , para organizar as actividades a levar a cabo no presente ano e facer balance do realizado no ano 2011.

Pasado un ano dende a súa presentación oficial en Muxía, nunha mañá de concurridos e emotivos actos, a Fundación Gonzalo López Abente fai un balance moi positivo do seu primeiro ano de andadura. Neste ano conseguiuse xa un dos obxectivos prioritarios da fundación, como era sacar á luz o inédito Bretemada, que saíu en outubro de 2011 e que xa foi presentado en Muxía e na sé da RAG, na Coruña. En breve será presentado na Universidade de Santiago.

Abente xa na rede

Ademáis na reunión os membros da directiva falaron da presentación oficial da súa web, (www.lopezabente.org), que xa está na rede) que terá lugar en breve; comunicarase a data nos vindeiros días.

Nova publicación

Falaron tamén da publicación da edición preparada por Xesús Sambade de “A narrativa mariña de Gonzalo López Abente”, que será publicada en Edicións Xerais e que a fundación agarda que vexa a luz nos próximos meses, así como da preparación da edición da Poesía Completa e outras publicacións.

Unha desas publicacións que se agarda poida sair neste ano é a Unidade Didáctica para alumnado da ESO que xa preparou Xan Fernández Carrera e que a fundación agarda poder sacar en breve. Sen dúbida será este un material de grande utilidade para mestres/as e mozos e mozas de toda a comarca, xa que é unha guía moi completa e accesible para achegarse a obra e contexto do autor muxián.

Roteiro Abentiano

O de convertirse en vola literaria segue estando presente. De feito, outras actividades que se levarán a acabo serán o roteiro abentiano que se organizará de cara ao verán percorrendo lugares emblemáticos do municipio e que están moi presentes na obra do poeta e a organización dos actos do Día das Letras Galegas que xa están en preparación. Entre outros temas agárdase poder colocar nesa data unhas placas que sinalen os lugares onde viviu e onde naceu López Abente, recuperando ao tempo o topónimo da praza do Cabo da Grixa (lugar onde se ubicaba a súa casa natal) .

A Fundación López Abente ten proxectado tamén convocar no presente ano unha xuntanza de fundacións co fin de promover o intercambio de actividades.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

comentarios