Venres. 25.09.2020
El tiempo

Coñecendo a historia de “As Marías” na Galería Mulleres de Muxía

Coñecendo a historia de “As Marías” na Galería Mulleres de Muxía

Coralia (Compostela, 1914 — Compostela, 1983) e Maruxa (Compostela, 1898 — Compostela, 1980) Fandiño Ricart son dúas das personalidades máis coñecidas de Santiago. E por iso Viki Rivadulla quere recuperar a súa historia na Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía.

Eran como “As marías” e “As dúas en punto”, xa que esta era a hora na que aparecían no paseo por Compostela. Nun principio eran tres, pero Sara morre nova e foron Coralia e Maruxa as que se converterían nun símbolo da cidade de Compostela. E moito máis ca iso.

Viviron a luz da Compostela que se abría á esperanza coa República, mais todo mudou de súpeto para chegar a noite máis escura. Tras a posta en escena do paseo, os piropos e a coquetería das Marías, hai unha dura historia que cobre a Maruxa e Coralia de dignidade.

A súa familia, que vivía na Rúa Espírito Santo, estaba formada por un pai artesán zapateiro e a nai artesá costureira e bordadora (oficio que elas herdaron) cun total de trece fillos. Tres deles – Manuel, Alfonso e Antonio -militaban na CNT e sendo familia republicana sufriron aldraxe , rexistros domiciliarios e represión ademais de todas as duras circunstancias da guerra, posguerra e ditadura.

O irmán Manuel, que era dirixente da CNT, estivo agachado na casa. Os irmáns fuxiron para non correr a mesma sorte que Ánxel Casal, Díaz Baliño e tantos outros.... As mulleres sufriron as “visitas” dos fascistas, as ameazas constantes, o rapado e a inxesta á forza do aceite de ricino... as técnicas “exemplarizantes” que se aplicaban ás que fuxían do patrón patriarcal que era o seu deber manter. Tamén fixeron que quedaran sen clientes no seu obradoiro de costura.

E elas coas súas rechamantes cores e maquillaxe excesiva ocultaban a dor, a fame e a represión que sufriron. Fixeron de se mesmas unha performance que conxuraba a escuridade, a dor e o medo. Debemos agradecerlles que gardaran para nós o espírito da liberdade, e que nos ofrezan hoxe tras o carmín dos seus rostros o exemplo de dignidade e a forza da resistencia.

Artigo relacionado

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

comentarios